Venres 19 Abril 2024

Bases neuroquímicas para o amor para toda a vida

A bomba hormonal que nos sacode cando nos namoramos non é eterna. Non obstante, imaxes por resonancia magnética revelaron que no cerebro dalgunhas parellas que levan décadas xuntas se activan as mesmas zonas que nos novos amantes. Tamén os niveis de oxitocina, a ‘hormona do abrazo‘, poden influír en que este amor se sosteña no tempo. Se a todo iso se lle suma unha dose de sobreesforzo, o amor debería ter os ingredientes para ser duradeiro. Cando menos en teoría, segundo conta a xornalista Laura Chaparro nesta reportaxe.
O amor é a droga máis potente que existe, e non é unha frase feita. O seu efecto é similar ao dalgúns analxésicos, posto que acende zonas cerebrais que reducen a dor, segundo unha investigación da Universidade de Stanford (Estados Unidos). E como acontece cando unha persoa adicta ás drogas as deixa, cando o amor rompe, as consecuencias da adicción son tan fortes que poden desembocar en graves comportamentos depresivos e obsesivos, tal e como sinala outro estudo do Albert Einstein College of Medicine (Estados Unidos), dirixido pola recoñecida antropóloga Helen Fisher.

A droga romántica fai que o corpo experimente unha apoteose química

A droga romántica é a ‘culpable’ de que o noso cerebro e todo o noso corpo experimenten unha apoteose química, con emocións que van dende a euforia á ansiedade, pasando pola sorpresa, o medo e a obsesión.
Ese estado de embriaguez amorosa inicial non é sostible no tempo. Niso os científicos están de acordo posto que ningún organismo sería capaz de soportar tal éxtase de xeito permanente. Non obstante, aínda que a excitación tenda a relaxarse, o amor romántico si pode perdurar.
En 2011, a neurocientífica Lucy L. Brown, do Albert Einstein College of Medicine, describiu xunto a Helen Fisher o que sucede no cerebro de parellas con relacións de longo recorrido, coas implicacións que ten este tipo de amor duradeiro no sistema nervioso.
Para descubrilo, escolleron dez homes e sete mulleres casados durante unha media de 20 anos. A todos eles os someteron a unha resonancia magnética, e dentro do escáner mostráronlles imaxes das súas parellas, de amigos íntimos, de familiares próximos e de parentes afastados.
Os resultados mostraron que cando vían a imaxe da súa parella, o seu cerebro se comportaba de forma similar ao das persoas recén namoradas, ao activarse as rexións que fabrican dopamina, situadas principalmente na área ventral tegmental. Ademais, tamén se excitaban as rexións asociadas co apego maternal e a amizade.

Publicidade

A oxitocina é unha hormona coñecida como ‘a droga do abrazo’

O achado de que a dopamina tivese tamén un papel importante nesta fase lles sorprendeu polo que entrañaba. Esta hormona é a responsable da euforia tan común no comezo das relacións, e é un neurotransmisor que regula o sistema de recompensa, encargado de que respondamos a estímulos que causan pracer ou desagrado.
Outra das hormonas que se disparan cando o amor campa ás súas anchas polo cerebro é a oxitocina. Entre outras cousas, é a responsable do cariño entre pais e fillos e do afecto entre as parellas, e por iso coñécese como a ‘hormona do abrazo’. Segundo unha nova investigación, os seus niveis poderían influír en que unha relación fose máis ou menos duradeira. Segundo a universidade israelí de Bar-Ilan, a oxitocina rexistrada durante os primeiros meses podería ser, dalgún modo, un indicador da duración da relación. Se hai moita oxitocina ao principio, a relación perdurará.
O estudo revela que non presta consumir oxitocina por inhalación ou medicación. Pero hai un xeito natural de producila: coas mostras de afecto, que inducen a súa segregación de xeito natural.
Resonancias magnéticas e análises hormonais mostran que o que acontece no cerebro inflúe na duración do amor pero, iso abonda para explicar o alto índice de rupturas no mundo occidental? O matemático da Universidade Complutense de Madrid José-Manuel Rey Simó decidiu abordar este problema social dende un punto de vista matemático. “Algo que se produce de forma tan sistemática non pode obedecer a causas moi diversas”, afirma a SINC. E traduciu o fenómeno nun sistema de ecuacións diferenciais, publicado en 2010 na revista PLoS ONE.
A base da ecuación é a segunda lei da termodinámica: se un corpo deixa de recibir calor, arrefríase e, para evitalo, fai falta unha achega externa de enerxía. Estableceu unha analoxía para o caso das parellas, deixando claro que funciona “só como un paralelismo, non como unha verdadeira lei física dos sentimentos”, onde as variables da ecuación serían dous: a sensación amorosa -que correspondería coa enerxía interna do sistema- e o esforzo que fai a parella para que esa sensación dure ao longo do tempo -a transferencia externa de calor-.
O modelo matemático revelou que, a maiores mostras de afecto frecuentes, a relación dura máis.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo relaciona oxitocina e agresividade en trastornos alimentarios e de personalidade

O traballo multicéntrico amplía o coñecemento sobre a “hormona do amor" como biomarcador destes comportamentos impulsivos-inestables
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira

Realidade virtual para tratar o párkinson: “Nuns anos estará implantada na sanidade pública”

Un estudio pioneiro da Universidade de Vigo afonda no traballo cognitivo a través de terapias inmersivas

Un equipo de Lugo vincula a hiperactividade en cans a baixos niveis de serotonina e dopamina

Investigadoras do Rof Codina publican un estudo pioneiro no que tamén analizan a falta de atención, a agresividade e a impulsividade