Xoves 28 Marzo 2024

Ladillol, un medicamento galego de éxito: “ladilla que toca, muerta es”

Gonival, de Laboratorios Orzán, para a gonorrea.
Gonival, de Laboratorios Orzán, para a gonorrea.

Pequenos laboratorios e farmacias foron en Galicia os pioneiros da industria farmacéutica. Antes de que aparecese o propio sector. Antes de que existisen xigantes como BayerRochePfizer ou mesmo a galega Zeltia, foron modestas boticas as que se botaron a crear medicamentos de marca. A finais do século XIX, os xornais énchense de anuncios que pregoan os remedios máis milagrosos. Todo semella ter cura grazas a pomadas, unturas, pílulas e xaropes, que se fabrican a pequena escala, por todas as cidades do país.

Estes modestos tratamentos, coa súa marca e a súa mercadotecnia, chegan a facerse moi populares. Pero desaparecerán ante o pulo dos grandes grupos químicos.

Publicidade

Un dos grandes éxitos de principios do século XX foi o “Ladillol”, dos coruñeses Laboratorios Orzán. O seu nome non deixaba dúbidas sobre as súas indicacións: servía para combater as infestacións de piollos patos.

O laxante Bescansa foi todo un éxito, como tamén o dentífrico Orzán

Camilo José Cela, na súa obra “San Camilo 1936”, menciona o “Ladillol” nunha pasaxe: ” La tísica Lupita le pone la zancadilla y el hermano marista se estrella contra una tapia que anuncia el Ladillol, destruye radicalmente los pedículus del pubis, Laboratorios Orzán”.

Menciona máis tarde outros da competencia, como “Mataladillas Bomba“, de Laboratorios Burriana, en Castelló. Ou “Aceite de Lion“, de laboratorio Castillón, de Madrid. Pero o gran rival de “Ladillol” será, durante a República, a Guerra Civil e a posguerra, outro fármaco con dous slogans moi logrados: “El Aceite Inglés: ladilla que toca, muerta es”; ou ben “El Aceite Inglés… todo el mundo sabe para lo que es”.

Antiga botica de Pontevedra.
Antiga botica de Pontevedra.

Laboratorios Orzán, fundado na Coruña polo farmacéutico Ismael Vidal, ten tamén éxito con Gonival, dedicado a tratar a gonorrea. Ademais, fabrican o popular dentífrico “Crema Orzán“, o  purgante “Colagol“, o antirreumático “Linisum” ou o complexo vitamínico “Cobaltrón“.

En Ourense, o Laboratorio Vidal comercializa “Perusabinos“, indicado para as infeccións da pel. E, en Santiago, Bescansa fai a crema dérmica “Acnosán”, o antiácido “Oxagás” e un xarope reconstituínte chamado “Riché”. Fundada en 1917 por Ricardo Bescansa Castilla, a antiga farmacia continúa hoxe en día aberta, na céntrica praza compostelá do Toural.

Dende os anos 20 do século pasado, por toda a xeografía galega hai boticas que se reconverten en laboratorios e producen os seus propios fármacos. De Ponteareas, sae o Biogenal, contra a anemia; mentres que en Verín o Laboratorio Amoeiro fabrica o “Liver-Kal”, para que os nenos crezan fortes e sans.

Unha industria cosmética galega

Xunto á industria farmacéutica, medrou tamén a cosmética. En 1905, saen da illa da Toxa os primeiros xabóns e sales da  marca “La Toja”. O seu fundador será o home máis rico da Galicia da época, o marqués de Riestra. Aínda que o crack do 29 en Estados Unidos será un duro revés para a empresa e obrigaría a vender a marca á Banca Pastor, que quedaría baixo a presidencia de Pedro Barrié de la Maza.

Outra marca cosmética de éxito foi a loción “La Carmela“, creada en 1902 polo profesor e boticario santiagués Nemesio López Caro. Este pequeno milagre da química empregaba acetato de chumbo e eliminaba as canas. En 1925, trasladou a súa produción a Barcelona e remataría desaparecendo cando todos copiaron a súa fórmula. Pero foi un fenómeno de vendas en Europa, América e os países árabes, onde se comercializaba coa etiqueta traducida. A propia empresa galega presumía de ter como cliente un actor norteamericano, ben que de segunda fila. Era coñecido como Ronald Reagan.

Pequenos medicamentos, marcas e produtos cosméticos saíron da ilusión de farmacéuticos e químicos galegos. Non sobrevivirían ás grandes multinacionais. E nunca alcanzaron o nivel do xigante Zeltia, dende O Porriño ao mercado mundial. Pero queda no recordo, e nos vellos anuncios, unha época na que Ladillol se enfrontaba ao Aceite Inglés. Álvaro Cunqueiro podería chamala a dunha “Escola de Menciñeiros”…

LER A NOVA EN CASTELÁN

Cafenina, a "aspirina" galega, de Laboratorios Orzán.
Cafenina, a “aspirina” galega, de Laboratorios Orzán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha galega abre o camiño para aplicar intelixencia artificial na administración de vacinas

A investigación valeulle a Lorena García del Río o IX Premio Julián Francisco Suárez da Real Academia de Farmacia de Galicia

Un equipo de Santiago mellora a eficacia terapéutica contra a artrite reumatoide

O investigador Iván Lamela formula na súa tese modelos de microcápsulas aptas para tratamentos a nivel intraarticular

María José Alonso, nomeada ‘honoris causa’ pola Universidade de Nottingham

A catedrática da USC e investigadora do CiMUS quixo compartir esta distinción “con todo o equipo que me acompañou ao longo da miña carreira"

Dous proxectos biomédicos galegos reciben o pulo de “la Caixa” para chegar á sociedade

As investigacións de Angélica Figueroa (INIBIC) e Ezequiel Álvarez (USC) estudan as metástases do cancro de colon e fármacos cardiovasculares