Martes 16 Abril 2024

Seis vídeos desde o aire que amosan de preto o volcán de La Palma

Máis de dúas semanas despois do comezo da erupción no Parque Natural de Cumbre Vieja, o volcán segue cunha intensa actividade que mantén unha gran preocupación na illa de La Palma. Os últimos datos recollidos ata o luns polo sistema de emerxencias Copernicus elevan a máis de 1.000 as edificacións destruídas, ademais de máis de 36km de estradas afectadas e preto de 450 hectáreas sepultadas polas linguas de lava. Esta coada acada xa unha anchura de máis de un quilómetro nas zonas máis extensas e, xa no mar, a fajana alimentada polo material volcánico supera as 30 hectáreas.

Alén do importante impacto material que supón a lava, e que está levando a un amplo dispositivo de atención ás persoas afectadas e de vixilancia, decenas de científicos seguen moi de preto a evolución do evento. Este mércores, segundo destacaba o Instituto Volcanológico de Canarias (Involcan), aumentaba a actividade explosiva coa caída de bombas (rochas de maior tamaño) e lapilli (máis pequenas, pero maiores que as cinzas).

Publicidade

Nestes días, por terra, mar e aire, os equipos científicos están a estudar a erupción. Entre outros traballos destacan, pola súa espectacularidade, as imaxes recollidas a vista de dron por diversos equipos do CSIC. Aquí poden verse oito dos fragmentos captados nos últimos días:

Dous dos vídeos máis recentes e impactantes foron difundidos este luns polo CSIC.  As imaxes tomounas desde un dron o equipo do Instituto de Ciencias Marinas de Andalucía (ICMAN-CSIC), que percorre a extensión do delta, de máis de 500 metros de fronte, que cae por un cantil a través de varias linguas e xera distintas nubes de gases producidas polo contacto entre o material volcánico e a auga do mar.

Noutro hipnótico percorrido, os drons do ICMAN-CSIC remontan o camiño das linguas de lava, desde os cantís ata a boca do volcán: 

Nestas semanas, o despregamento aéreo do Instituto Geológico y Minero de España (IGME), tamén adscrito ao CSIC, está a achegarse moi preto da boca da erupción. Aquí vese o estado do cono volcánico e superficie cuberta por cinzas arredor del. Obsérvase a saída do vapor de auga (columna branca) xunto ás cinzas (cor gris escura).

Trazado e confluencia das distintas coadas de lava. Obsérvase tamén a actividade da fumarola que emite vapor a través da aba do cono principal. Obsérvase tamén a cobertura das cinzas no piñeiral próximo ao volcán.

Imaxe térmica das coadas de lava, que segundo destaca o IGME, “permite comparala coa imaxe visible” e “achega unha “valiosa información complementaria” sobre as características da lingua, a súa temperatura e, por tanto, a probable evolución da mesma.

A nova boca do volcán. A pasada fin de semana emerxeu unha nova boca eruptiva, ao norte e nunha cota máis baixa que a principal, que está a ser estudada igualmente polos expertos. Destaca a fluidez coa que emerxe este novo material, na imaxe gravada polo  Servicio de Trabajos Aéreos do IGME e o Grupo de Emergencia y Salvamento do Goberno de Canarias.

O pasado sábado, os servizos do IGME achegáronse á fumarola lateral do cráter, pola que se filtraba vapor de auga, e detallábase tamén a expulsión de gases, cinza e lava pola boca do cráter. Do mesmo xeito, amosábase a nova boca aberta nas horas previas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte

Un hidroxel permite cultivar células neurais para reparar lesións medulares

O material desenvolvido polo CSIC combínase con campos magnéticos, un avance na busca de novas terapias

Que fai a supercomputación galega nun xacemento exipcio de hai 3.500 anos?

O CESGA almacena nun repositorio seguro a información das campañas de escavación que se desenvolven na antiga cidade de Tebas