Xoves 28 Marzo 2024

Receitas para loitar contra a diabetes

Por Tania Brandariz

A xenética é determinante. E se a isto engadimos que un 20% da nosa poboación está rozando a obesidade, estaremos ante dous dos determinantes factores de risco para acabar desenvolvendo unha diabetes tipo II. As persoas que presentan un peso excesivo, como teñen unha maior masa de células que abastecer, non producen a cantidade de insulina suficiente. Isto provoca, consecuentemente, unha resistencia á acción da insulina e a glucemia, por este motivo, aumenta.

Publicidade

Estamos vendo persoas de 18 ou 20 anos que son diabéticos tipo II cando non deberían ter este tipo de problemas. E isto basicamente parte do medioambiente máis que da súa condición xenética”, explica Félix Camiña, coordinador da liña de investigación Parámetros de control glucémico do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC. Porque está claro que a xenética pesa, pero “a idades máis avanzadas. En casos tan temperás domina a falta de exercicio ou o tipo de comida”, apunta.

Diabetes2

A doutora especializada en Endocrinoloxía e Nutrición, Cristina Tejera, na mesma liña, fai fincapé na importancia dos hábitos saudables. “É moi importante e é o principal tratamento. Temos moi bos fármacos pero deben acompañarse dun bo estilo de vida. De feito, non hai nada máis potente que conseguir peso axeitado a través de dieta equilibrada e o exercicio”, explica.

A liña de investigación da USC, da que é coordinador Félix Camiña, vén desenvolvendo un proxecto que pretende estudar, principalmente, por que a información que nos ofrece a hemoglobina glicada –que determina os niveis do azucre en sangue nun período de tempo que pode abarcar até tres meses- e a fructosamina –que nos dá a mesma información pero durante os últimos 15 ou 20 días- é discrepante nalgúns pacientes.

A hemoglobina glicada é o patrón de referencia para o control do nivel de glucosa dun paciente. Se é menor que sete indícache que o diabético ten unha glucosa similar ao dunha persoa sa”, explícanos Félix Camiña. “A hemoglobina glicada permítenos, en principio, facer unha aproximación de como se manifestou a enfermidade cunha marxe de tempo de dous ou tres meses”.

Mais en palabras de Camiña, “hai un montón de factores que a condicionan e modifican: as comidas, as situacións de estrés, as angustias, as descargas hormonais e incluso os medicamentos que podes estar tomando”. Este equipo de investigación pretende atopar, pois, cal ou cales son os factores que determinan que “arredor do 20% ou 30% dos pacientes aos que lles miramos a hemoglobina glicada están ben controlados e porén, a fructosamina dime que o seu estado glucémico é peor”.

As conclusións ás que chegan no relativo a esta discrepancia non son, aínda, claras. “Nós o que estamos pensando é que existe algún problema do paso da glucosa a través das membranas dos glóbulos vermellos. Digamos que a glucosa –ese azucre que está descontrolado na diabetes – e as proteínas, están no mesmo vaso, mentres que na hemoglobina glicada a glucosa ten que pasar desde ese espazo e atravesar a membrana celular para chegar ao citoplasma. Hai un paso a maiores, e pensamos que o problema pode ser ese paso. Pero hai outras hipóteses”, explica Camiña.

A hemoglobina glicada é o patrón de referencia para o control de nivel de glucosa

Os diabéticos deberan ser conscientes da necesidade, a maiores, de levar un control propio da súa diabetes, xa que ninguén coñece o seu corpo tan ben como quen sofre a enfermidade. Se ben a dieta equilibrada, o exercicio e os controis médicos son máis ca necesarios, a medición da glucosa nun momento puntual é tamén imprescindible para un seguimento diario da enfermidade.

“É importante que o paciente automotorice as súas glucemias para ver como vai e se precisa axustes de tratamento. Isto ademais de controlar o seu peso e as súas cifras de presión arterial”, indica Cristina Tejera. Nos controis diarios que realiza o paciente a partir das tiras o que se mide é o que se denomina como glucemia plasmática, é dicir, os niveis de glucosa nun momento preciso.

“O que acontece con isto é que se mides a glucosa despois de tomar un café con leite pode ser que saia algo alta, mentres que pola mañá sen inxerir alimentos o teu nivel é, sen meter axentes externos, só a túa situación fisiolóxica”, apunta Camiña. En ocasións, os diabéticos tipo II, debido á idade á que adoita aparecer esta enfermidade, ampáranse na recorrente frase de algo hai que morrer e non levan un control axeitado desta.

“Mándanme ir ao ambulatorio cada mes, pero se me sinto ben igual vou cada dous. Confío, como me sinto ben, déixome estar. Agora, se me noto mareada, vou mirar”, explica Lucía Lema Pose, diabética tipo II de 65 anos de idade. “Debería ir camiñar, pero non vexo e non podo andar soa pola rúa”.

Hai moitas enfermidades derivadas dun mal control da diabetes

Esta enfermidade crónica non manifesta doenza ningunha, polo que non facer as cousas dunha maneira axeitada pode provocar doenzas que, a medio e longo prazo, poden ser irreversibles. A diabetes pode producir complicacións agudas e crónicas. Dentro das agudas, estarían as que denominariamos como hipoglucemias e hiperglucemias. As primeiras, caracterízanse porque a glucemia está por debaixo da media. Os efectos destan son mareos, taquicardias ou sudoración. “Veuse que poden causar, incluso, deterioro cognitivo”. As hiperglucemias, que se caracterizan porque a glucemia atópase alta en sangue, “poden derivar nunha alteración do PH e producir fallo cardíaco, renal ou neurolóxico”, indica Cristina Tejera.

Son numerosas as enfermidades derivadas dun mal control da diabetes, mais destaca unha doenza moi particular destes pacientes, que é o que se denomina como pé do diabético. “Iso é que ti tes unha lesión nas extremidades, sobre todo no pé, que é máis difícil para a persoa visualizar. Tes un corte ou unha ferida e os nervios non dan sinal de dor. Iso queda aí, vaise infectando, acaba desenvolvendo unha infección e a solución é amputar o pé porque non queda outra. Isto sen contar que poida haber complicacións maiores en canto a que van aparecer lesións nos vasos sanguíneos, mais probabilidade de infartos, entre outras”, apunta Camiña.

O máis complexo é concienciar aos pacientes para que leven hábitos saudables

A aparición e as complicacións poden e deben preverse. Vivimos nun contexto caracterizado pola innovación e a tecnoloxía veu para quedarse. Con ela, numerosas facilidades e melloras na vida dos pacientes diabéticos. Un exemplo disto serían as bombas de insulina. “É un aparato que inxecta por un cáteter de forma continua ao paciente. Empregánse máis en diabéticos tipo I. Recarganse cada dous ou tres días con insulina e administran a cantidade precisa. Algunhas incluso van conectadas a un sensor que determina a glucosa do paciente e ten capacidade de autorregulación”, indica Cristina Tejera.

Pero queda por conquistar o máis doado ou, quizais, o máis complexo: a concienciación. Porque a xente aínda non se decatou da importancia de levar hábitos saudables e, mentres non o faga, seguirán aparecendo casos de 18 e 20 anos cunha diabetes tipo II cando, desde logo, non é unha enfermidade que, en principio, debera aparecer a esas idades. Coidémonos –e deixemos- que nos coiden.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Un equipo da USC identifica os clons de ‘E. coli’ causantes de infeccións urinarias graves

O estudo busca axilizar a vixilancia etiolóxica hospitalaria e comunitaria destas doenzas, ademais de facilitar o deseño de vacinas