Recta final para a presentación de candidaturas aos Premios Galicia Spin-off. O 31 de xullo rematará o prazo de inscrición para estes galardóns que convocan o Banco Pastor e GCiencia, que, como principal novidade, este ano estenden a invitación a participar a todas as empresas que teñan algún tipo de vinculación coas universidades galegas, tanto no apartado Idea Emerxente (que premia ás empresas e ideas máis innovadoras) coma no de Selo de Calidade (que distingue as traxectorias empresariais máis destacadas).
Os promotores dos premios queren recoñecer a transferencia de coñecemento entre aUniversidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xorde dende os grupos de investigación universitarios. Ademais, nesta oportunidade a convocatoria esténdese a aquelas empresas que aínda que non teñan o recoñecemento oficial de spin-off si que demostren unha especial vinculación co ámbito universitario ou cos centros de investigación dalgunha das tres universidades galegas.
No apartado de Idea Emerxente, os premios Galicia Spin-off distinguirán a creación dunha nova spin-off ou empresa vinculada ao ámbito universitario ou a aplicación dun novo coñecemento, proxecto ou idea desenvolvida nos últimos meses. A empresa gañadora recibirá 2.000 euros en metálico, unha peza de deseño exclusivo e unha oferta de financiamento do Banco Pastor. Tamén haberá un finalista neste apartado que recibirá unha peza de deseño exclusivo e unha oferta especial de financiamento do Banco Pastor. O ano pasado a empresa gañadora neste apartado foi a spin-off compostelana Situm e a finalista foi Celtalga Extract, outra empresa vinculada a Universidade de Santiago.
Os premios teñen dúas categorías: Selo de Calidade e Idea Emerxente
O apartado Selo de Calidade premiará á aquela empresa que consolidase ao longo do tempo unha traxectoria empresarial de prestixio. A gañadora recibirá unha peza física de deseño exclusivo e unha oferta especial de financiamento do Banco Pastor. O ano pasado resultou gañadora neste apartado a empresa viguesa Imatia.
As empresas interesadas en participar nos premios terán que remitir a súa candidatura ao enderezo de email galiciaspinoff@gmail.com e obterán toda a información necesaria na web que o portal GCiencia, na sección Galicia Spin-off do seu site Empresa. Entre os datos que se solicitan aos participantes atópanse unha breve descrición da actividade da empresa e dos méritos que xustificarían a concesión do premio. Ademais poderán achegar documentación complementaria para xustificar a súa candidatura. Un xurado formado por autoridades do mundo universitario, empresarial e de institucións vinculadas á ciencia elixirá aos gañadores, que se darán a coñecer ao longo do mes de outubro.