Xoves 28 Marzo 2024

Nanobiotecnoloxía contra a salmonela

A salmonelose é unha das enfermidades gastrointestinais máis comúns, que en ocasións chega a precisar de hospitalización e incluso pode ser mortal. O consumo de carne de polo contaminada é unha das causas máis habituais á hora de contraer esta enfermidade, razón pola que as empresas avícolas están obrigadas a realizar controis periódicos mediante o envío de mostras a laboratorios especializados onde se realizan análises, cuxos resultados poden demorarse ata sete días, un tempo que fai imposible remediar o problema, máis aló de retirar as partidas contaminadas coas conseguintes perdas económicas.

nano1
Rubén Santos, director executivo de Nanoimmunotech.

Co obxectivo de achegar unha solución a este problema reducindo de xeito significativo o tempo de resposta das análises Nanoimmunotech, empresa spin-off xurdida nas universidades de Vigo e Zaragoza, desenvolveu Heatsens_S, un nanobiosensor que é quen de detectar de xeito máis sensible a salmonela en poucas horas, fronte aos métodos tradicionais que requiren un tempo de reposta de análise de aproximadamente unha semana.
“Heatsens é unha tecnoloxía nanobiosensora innovadora cun futuro prometedor para a detección de diferentes tipos de analitos”, explica Rubén Santos, director executivo de Nanoimmunotech en relación con esta tecnoloxía de nanobiosensado licenciada en exclusiva pola spin-off. O traslado desta tecnoloxía a un dispositivo portátil de fácil manexo, permitirá realizar análises ao longo da cadea produtiva o que garantiría ás empresas un maior control da calidade dos seus produtos e evitaría perdas asociadas a contaminacións non detectadas a tempo, cun custo inferior ao dos ensaios actuais.

A spin-off desenvolveu Heatsens_S, que detecta a salmonela en poucas horas

A tecnoloxía Heatsens vén de ser recoñecida pola Comisión Europea como beneficiaria do Instrumento Pyme, SME Instrument, un programa convocado co obxectivo de impulsar as pequenas e medianas empresas europeas no lanzamento dos seus productos. O nanobiosensor Heatsens_S permitiu a Nanoimmunotech ser unha das 293 empresas europeas, das máis de 2.600 que se presentaron, seleccionadas pola Comisión como beneficiarias do Instrumento Pyme Fase 1, dentro do Programa H2020. “Ser seleccionados pola Comisión é un gran recoñecemento para a nosa tecnoloxía”, asegura Rubén Santos, en relación co apoio do organismo europeo que lles permitirá o lanzamento dos biosensores baseados na tecnoloxía Heatsens ao mercado europeo e mundial.
Tras este recoñecemento e apoiándose na súa experiencia na área dos biosensores, derivado da súa longa experiencia na conxugación de biomoléculas e micronanoestructuras, Nanoimmunotech está a traballar en novos proxectos, como sistemas de detección con únicas propiedades de ultra sensibilidade, rapidez e sinxeleza aplicados a diferentes necesidades de detección dentro do sector agroalimentario, pero tamén aplicados a outros como o medio ambiental, a saúde humana e animal ou o cosmético.
Nanoimmunotech naceu no ano 2009, como empresa spin-off de dous centros de investigación en distintas áreas da nanobiotecnoloxía: o Centro de Investigaciones Biomédicas de Vigo (Cinbio) e o Instituto de Nanociencia de Aragón (Ina).

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un biosensor de grafeno permite a detección ultrasensible da hepatite C

Un equipo internacional desenvolve unha tecnoloxía que identifica as proteínas clave do virus que provoca a enfermidade

PhotoIlike, a intelixencia artificial que axuda a vender

A spin-off nacida na Universidade da Coruña consegue importantes clientes con só un ano de vida

A galega Qubiotech, premio europeo á mellor tecnoloxía médica

A empresa recibiu o galardón do xurado no programa Health Venture Lab polo software para a análise de neuroimaxes en doenzas neurodexenerativas

iBoneLab, a empresa lucense que analiza a integración de biomateriais en tecidos vivos

A nova spin-off da USC está impulsada polo grupo de investigación de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria de Lugo