Venres 29 Marzo 2024

17 ideas galegas para a navegación por satélite

Un total de 17 ideas galegas compiten en concurso europeo de navegación por satélite ESNC 2015 Galician Community Challenge. O consorcio da Zona Franca de Vigo premiará a mellor de Galicia, que pasará a medirse en Alemaña coas iniciativas doutras 24 rexións europeas. Todas as ideas presentadas no noso territorio están asociadas a sectores TIC e da electrónica. Con elas conseguiuse que Galicia o posto posto 11 nesta competición.
“Esta convocatoria foi un éxito absoluto” declararon tanto a delegada Teresa Pedrosa coma o profesor da Universidade de Vigo Francisco J. Diaz-Otero, punto de contacto en Galicia da organización do concurso European Satellite Navigation Competition 2015, ao peche este martes do prazo de presentación de ideas.

Todos os proxectos galegos están asociados a sectores TIC e da electrónica

Agora, un xurado composto membros da Axencia Espacial Europea, por profesores universitarios e representantes do Consorcio, de Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Igape avaliará de aquí ao mes de setembro as 17 ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite. De aí sairá o gañador que representará a Galicia na seguinte fase de avaliación. Será nese momento cando se seleccionen os gañadores dos sete premios internacionais e o primeiro premio ou Galileo Masters, que se entregarán nunha cerimonia en Berlín o próximo día 20 de outubro.

Publicidade

Concurso internacional

Con este número de participantes, Galicia superou a territorios como Guipúscoa e Madrid e quedou con só un proxecto menos que Barcelona e Valencia. O ESNC Galician Community Challenge, do que é socio principal o Consorcio da Zona Franca de Vigo en colaboración co Igape e Gain, é un concurso internacional de innovación que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite, sen importar o estado de desenvolvemento no que se encontre o proxecto, servizo ou idea de negocio. Este concurso, que xa vai pola súa edición número 12, está dirixido a empresas, emprendedores, investigadores, estudantes ou inventores.
Todas as ideas presentadas en Galicia están asociadas a sectores TIC e da electrónica. Das 17 presentadas, 12 formulan ideas de negocio completas. Hai que destacar que da Universidade de Vigo proceden a metade das ideas do concurso.

Galicia ocupa o posto número 11 entre as 25 zonas europeas que compiten

Despois da última selección, os premiados internacionais participarán o 21 de outubro, no ministerio alemán de Transportes e Infraestrutura Dixital, na segunda edición do Satellite Masters Conference, ao que seguirá, o 22 do mesmo mes, a celebración do European GNSS R&D Day, tamén na sede ministerial de Berlín.
Dos sectores nos que se fixaron os posibles desenvolvementos destaca o de servizos baseados na localización a través do móbil e o da prestación de servizos de seguridade. A observación da terra, servizos públicos e sociais, as aplicacións industriais ou servizos de alta precisión son os campos nos que tamén se fixaron os inventores galegos.
Como comentou na súa visita a Porto do Molle o voceiro da Axencia Espacial Europea en España, Javier Ventura-Traveset, “a navegación por satélite e o sistema Galileo é unha extraordinaria oportunidade para o desenvolvemento de aplicacións nun sector en exponencial crecemento no mundo desenvolvido”.
Consciente diso, a delegada Teresa Pedrosa afirmou que o Consorcio poñerá todo o seu saber facer no apoio a este novo sector de emprendedores e por iso en Galicia, ademais de poder concorrer ao resto dos premios, o gañador rexional terá un ano de incubación nun dos viveiros de empresa do Consorcio da Zona Franca de Vigo, partner principal da competición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Un equipo de Vigo busca solucións para colonizar a Lúa

Xunto con investigadores de Oviedo, realizaron ensaios nas covas volcánicas de Lanzarote pola sús analoxía coas cavidades lunares

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática

Pablo Álvarez e Sara García: “Os soños fanse realidade, aquí hai dous exemplos”

Os dous leoneses son os novos astronautas españois na Axencia Espacial Europea. Con emoción, contan o proceso de selección ao que se presentaron