Venres 29 Marzo 2024

As tecnolóxicas galegas perden emprego feminino

A porcentaxe de mulleres traballadoras no Hipersector TIC galego, que integra o sectores tecnolóxico e de contidos, é do 38,6%, un valor semellante ao dos últimos tres anos. De feito, entre os anos 2011 e 2013 retrocedeu un punto. No sector contidos é onde se rexistra a menor presenza feminina, cunha porcentaxe de traballadoras do 41,4%, cunha fenda de xénero do 17,2%, mentres que no eido das TIC só representan o 37,7%, cunha fenda de 24,6 puntos porcentuais respecto dos homes. Ademais, só a metade das empresas TIC galegas contan con algunha muller entre o seu persoal.
Traballadores TIC en Galicia por sexoSon datos aportados polo estudo ‘As mulleres no sector TIC. Ano 2014’ do OSIMGA, o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), da Xunta. Estes datos están moi afastados das cifras xerais do mercado laboral galego, no que a porcentaxe de mulleres en alta laboral na Seguridade Social sitúase no 47,2%, é dicir, 8,6 puntos por riba do hipersector TIC. Segundo o propio Observatorio, “a baixa representación feminina no eido tecnolóxico, tanto a nivel europeo como galego, reside na escasa predisposición da muller a escoller estudos no ámbito TIC”, argúe. Porén, as mulleres neste sector gañan de media un 9% máis que outras traballadoras.
O emprendemento feminino no Hipersector TIC é moi reducido. Só 3 de cada 10 autónomos neste eido industrial son mulleres; unha situación que se mantén practicamente invariable nos últimos 4 anos.

Formación académica

O OSIMGA subliña que mentres que o 33,4% dos traballadores do sector TIC son homes con formación TIC de grao medio ou superior, só o 11,7% dos asalariados son mulleres coa mesma formación académica. “Estas porcentaxes son un reflexo da aínda escasa presenza das mulleres en carreiras tecnolóxicas, o que constitúe unha das barreiras para a plena incorporación das mulleres ás empresas TIC”, explica o estudo, que tamén salienta a significativa fenda existente nos traballadores neste sector con ciclos formativos Superiores TIC: 21% de homes fronte a tan só un 3,7% de mulleres.

Publicidade

Os roles das mulleres 

Só a metade das empresas TIC galegas contan con mulleres entre o seu persoal, e tan só no 6,5% de empresas TIC o xénero feminino supón máis da metade do seu equipo.
O monográfico do Observatorio tamén indica que o 16,4% das mulleres que traballan no sector desenvolve funcións TIC, fronte ao 64,5% dos homes. No caso do persoal non dedicado a tarefas TIC, a porcentaxe de mulleres (6,6%) é só 1,9 puntos inferior á dos homes (8,5%).
Ademais, o persoal que traballa nos departamentos de I+D+i das empresas é claramente masculino, cunha representación do 82,9%, fronte un 17,1% de mulleres.
En canto a súa afiliación á Seguridade Social, o 40,9% das mulleres está no Réxime Xeral e o 29,1% son autónomas.

Solucións

O OSIMGA ofrece unha serie de propostas en materia de igualdade nas TIC, referidas á participación e o empoderamento das mulleres na Sociedade da Información, na procura de diminuír a fenda dixital de xénero e garantir o acceso ás TIC das mulleres de cara á súa incorporación ao mercado laboral, especialmente nos pequenos núcleos de poboación e no medio rural. Estas medias son:

  • Potenciar o Centro Demostrador TIC de Galicia como espazo de emprendemento para que as mulleres poidan desenvolver proxectos empresariais e tecnolóxicos.
  • Fomentar o Voluntariado Dixital e a Rede de Centros para a Modernización e a InclusiónTecnolóxica (Cemit) para impulsar as TIC entre as mulleres, con especial sensibilidade cara o colectivo feminino e no medio rural.
  • Divulgar e levar a cabo programas formativos: orientados a mulleres e asociacións de mulleres: establecendo accións formativas que incentiven unha maior participación das mulleres nas ensinanzas técnicas relacionadas coas TIC e na I+D+i.
  • Desenvolver campañas de divulgación que faciliten o acceso e A mellora da situación laboral das mulleres, especialmente nos postos directivos e de toma de decisións.

O Observatorio galego tamén propón potenciar o Plan de Banda Larga de Galicia para reducir o desequilibrio territorial proporcionando acceso á banda larga de calidade a toda a poboación galega e para impulsar a competitividade e innovación nas empresas proporcionando acceso á banda larga aos sectores produtivos para extraer o máximo aproveitamento das novas tecnoloxías, e deste xeito dar servizo ás mulleres empresarias e emprendedoras.
Para a elaboración deste estudo, o OSIMGA utilizou como fontes de información a Enquisa sobre a Sociedade da Información nas empresas TIC galegas – OSIMGA 2014, os datos de afiliacións e contas de cotización proporcionados polo IGE ao OSIMGA, procedentes da Seguridade Social (2011-2013), a Axenda dixital para Europa e datos secundarios extraídos da Comisión Europea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

A Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia empregará intelixencia artificial ao servizo do campo

Agricultores, gandeiros e silvicultores poderán cumprir obrigas coa administración e vixiar as súas explotacións, entre outras funcións

As aulas CeMIT formaron a 900 persoas en impresión 3D, robótica ou programación

Amtega distribuíu máis 1.300 novos dispositivos este ano nunha rede que xa conta con máis de 113.000 usuarios

A incorporación de maiores a Internet aumenta en Galicia máis dun 15%

Un estudo elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información reflicte a redución da fenda dixital