Martes 19 Marzo 2024

GCiencia convoca a IV edición dos Premios Spin-Off PuntoGal

Os galardóns distinguen a empresas e grupos de investigación innovadores

O Dominio PuntoGal e o portal GCiencia veñen de convocar a cuarta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que recoñecen as mellores e máis innovadoras iniciativas empresariais xurdidas no ámbito das tres universidades galegas. Estes galardóns son herdeiros dos Premios Galicia Spin-Off, que en anos anteriores xa premiaron a destacados proxectos empresariais realizados en Galicia. As empresas e grupos de investigación interesados poderán presentar as súas candidaturas ata o próximo 15 de setembro.

Nesta nova edición, os premios recoñecerán a labor desenvolvida polas empresas e os grupos de investigación das universidades galegas en tres apartados diferentes. O obxectivo é o de recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. A Secretaria Xeral de Universidades da Xunta e Gadis colaboran nos galardóns.

Publicidade

Compañías e grupos de investigación poden presentar as súas candidaturas ata o 15 de setembro

No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo una traxectoria empresarial de prestixio. Nas anteriores edicións dos premios foron distinguidas neste apartado compañías coma Imatia, Galchimia ou Innolact.

Entrega dos premios na edición de 2016.
Entrega dos premios na edición de 2016.

As empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente. Noutras edicións dos premios acadaron este galardón compañías tan destacadas coma Situm, All Genetics e HG Beyond.

Na edición deste ano introdúcese coma novidade unha nova categoría que recoñecerá o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas.

Xa que os premios teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das Universidades como motor da investigación no país, o xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía.

A Secretaría Xeral de Universidades e Gadis colaboran na organización dos premios

O xurado estará integrado por representantes de PuntoGal e de GCiencia e por  autoridades do mundo universitario, institucional e empresarial. Os finalistas e gañadores nas distintas categorías se darán a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrárase nos últimos meses de 2020.

A evolución das distintas fases do Premio iranse detallando no portal GCiencia, dentro da sección “Spin-Off PuntoGal”. Nesa sección recolleranse todas as noticias que xurdan en relación con estes Premios e coas empresas nadas no ámbito das universidades galegas. As bases dos premios están publicadas no portal GCiencia e na páxina de PuntoGal e poden consultarse nesta ligazón: https://i.gal/LsxPv

As empresas ou grupos de investigación interesados en participar nesta convocatoria categorías poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoffgalicia@gmail.com, ou ben no formulario dispoñible na seguinte ligazón: https://i.gal/eNSgU.

O Dominio PuntoGal, no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas de interese para Galicia, asóciase a Gciencia como co-organizador e patrocinador principal duns galardóns que levarán dende agora o seu nome, como mostra clara do seu compromiso co proxecto. O obxectivo do dominio é recoñecer o traballo realizado nas Universidades públicas galegas no ámbito da investigación e a innovación, así como a súa aportación ao tecido económico do país. PuntoGal, con máis de 5.400 dominios rexistrados, é patrocinador oficial das seleccións galegas de fútbol gaélico.

GCiencia é un xornal dixital envorcado ao fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Con ata 5,5 millóns de visitas e 400.000 visitantes únicos mensuais, reúne a unha comunidade de máis de 80.000 persoas en redes sociais. O proxecto conta con numerosos galardóns, entre eles o Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio, o galardón máis prestixioso á divulgación científica de España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario