O exemplar atopado este xoves polo BDRI demostra que a balea azul volve a Galicia. Foto: BDRI.

O exemplar atopado este xoves polo BDRI demostra que a balea azul volve a Galicia. Foto: BDRI.

Volve a balea azul a Galicia

O BDRI avista de novo un exemplar de 'Balaenoptera musculus' preto de Fisterra despois da presenza de varios cetáceos desta especie o ano pasado

O exemplar atopado este xoves polo BDRI demostra que a balea azul volve a Galicia. Foto: BDRI.

O exemplar atopado este xoves polo BDRI demostra que a balea azul volve a Galicia. Foto: BDRI.

Volve a balea azul ás costas de Galicia. O Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, anunciou este venres a través das redes sociais un novo avistamento dun exemplar de Balaenoptera musculus preto da costa de Fisterra, precisamente fronte a unha das últimas factorías baleeiras que houbo en Galicia, en Caneliñas (Cee), que pechou a finais dos anos 80. Era un exemplar xoven, de “pequeno tamaño”, arredor de 18 metros, cando os adultos poden chegar aos 30. Foi avistada, segundo indicou o BDRI, mentres se alimentaba xunto a outras seis baleas comúns, dúas alibrancas e unha xibarte.

 “Son posiblemente un dos animais máis grandes que viviu nunca na Terra, son incribles e están de volta! A balea azul volve ás augas galegas. Manterémosvos informados con fotos e vídeos desta marabillosa especie de cetáceos avistadas onte polo noso equipo de investigación”. Así anunciou o instituto o achado.

Despois de moitos anos, e por primeira vez desde a moratoria que prohibiu a caza de baleas, estes grandes cetáceos apareceron de novo en Galicia o pasado verán. O primeiro avistamento foi preto do monte Louro, en Muros, a comezos de setembro, gravado desde un buque pesqueiro. A este episodio seguírono outros: outro exemplar a 1o millas de Ons, a finais do mesmo mes, e semanas despois, xa en outubro, un terceiro avistamento na costa de Corrubedo. Xa en novembro, o BDRI, como fixera nos dous achados anteriores, localizou un novo exemplar de balea azul nas augas entre Sálvora e Carnota, acompañado por outras especies que son igualmente pouco habituais en Galicia.

Destacaba o xibardo, ou balea chepuda (Megaptera novaeangliae). A presenza desta especie é indicadora dunha gran riqueza a todos os niveis da cadea trófica, xa que tamén se alimenta de bocareus e outros peixes de pequeno tamaño, non só de krill. E había tamén rorcuais comúns (Balaenoptera physalus), rorcuais boreais (Balaenoptera borealis) e rorcuais de ás brancas (Balaenoptera acutorostrata).

Naquel momento, en conversa con GCiencia, Bruno Díaz, director do BDRI, sinalaba que “somos a envexa de medio mundo; hai unha concentración enorme nunha zona minúscula en extensión. Isto xa non pode ser casualidade, ou que se trate dunha balea desorientada ou perdida”, destacaba Díaz. Ao BDRI do Grove chegaron naquelas semanas mensaxes e consultas de diversos países, por parte de investigadores abraiados pola explosión de biodiversidade. “Aínda que non apareceran baleas azuis, o momento sería igualmente histórico“, sinalaba o investigador.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.