Todo o termo municipal do concello de Vilagarcía de Arousa e a do Milladoiro, en Ames, engádense á lista de restricións impostas pola Consellería de Sanidade por mor do aumento de casos de Covid-19. Ademais, despois da reunión do comité clínico que asesora á Xunta de Galicia no marco da pandemia, ampliouse o ámbito de medidas máis restritivas na cidade de Ourense (que rexía en parte do barrio do Couto) a unha área máis ampla, onde non se poderán xuntar nin no eido público nin o privado os grupos de máis de cinco persoas.
No caso de Ourense, contará con medidas especiais o ámbito territorial delimitado polas rúas do Progreso (desde a Ponte Romana ata o cruzamento coa rúa Praza de Abastos), a rúa Irmáns Xesta, a avenida de Portugal (ata cruzamento coa rúa Irmáns Xesta), o camiño Lobisome, rúa do Salto do Can, rúa Carballo, rúa Sobreira, N-525 (dende o cruce coa rúa Sobreira ata o cruzamento coa avenida Ribeira Sacra), avenida Ribeira Sacra ata a Ponte Romana, incluídas estas rúas nos tramos sinalados.
Nesta área, que afecta a boa parte da cidade de Ourense, quedan prohibidas as reunións privadas ata un máximo de cinco persoas e a prohibición de que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de cinco persoas. Os restaurantes poden servir no interior a un máximo de cinco persoas por mesa.
No Milladoiro, a Xunta informou a media tarde de que as medidas afectan a toda a localidade, despois de expoñer, nun primeiro momento, que se cinguían á zona preto da avenida Rosalía de Castro, principal vía de entrada e saída ao Milladoiro. Así, as restricións na localidade iguálanse as xa vixentes noutras áreas de Galicia, con limitación da capacidade ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalaría -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución da capacidade máxima en locais destinados a celebracións, velorios e lugares de culto.
Así queda o mapa de limitacións no conxunto de Galicia.
Así, o Comité clínico aconsella manter as medidas vixentes nos outros concellos: Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e Verín, así como en parte da cidade da Coruña.
Todas estas medidas publicaranse na tarde do mércores no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor á medianoite, volvendo revisarse nun prazo máximo de sete días. Segundo expón a Consellería, a intención “é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta”, acoutándoas “o máis posible, podendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios”.
Casos activos
Sanidade achegou tamén a información diaria sobre a evolución da pandemia en Galicia. Engadíronse á serie 251 casos, que suman un total de 22.489 infeccións detectadas desde febreiro. Destas persoas, 4.460 están como casos activos. A maioría (4.211) están no domicilio, mentres que 32 están na UCI e 217 noutras unidades de hospitalización. Esta é a situación nos hospitais galegos, onde segundo datos do Ministerio de Sanidad, a ocupación de camas con pacientes de Covid-19 é de arredor do 3%.
Por áreas sanitarias, esta foi a evolución desde comezos de agosto. Nos últimos días constátase un aumento en Pontevedra, na que tamén se enmarca Vilagarcía de Arousa, que xa é a segunda área en número de casos e a maior en incidencia por 100.000 habitantes nos últimos días, mesmo superando á Coruña. A provincia de Ourense tamén incrementa os casos por mor do brote detectado na residencia de maiores de Lobeira.