Xoves 18 Abril 2024

Varios surtos sitúan a incidencia por riba de 50 casos tres semanas despois

Os casos vinculados a viaxes estudantís e encontros sociais poderían levar ao comité clínico, que se reúne este martes, a incrementar algunhas restricións

A repunta, por agora, é moi leve. Pero o aumento na transmisión da Covid-19 nos últimos días parece amosar un cambio de tendencia na pandemia, cunha cobertura vacinal moi importante nos grupos de maior idade e unha boa parte das novas infeccións concentradas na xente nova. Precisamente, tal e como anticipou este luns o director do Centro de Coordinación de Emerxencias e Alertas Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, os informes diarios sobre a pandemia incorporarán a partir deste martes a evolución dos casos nos distintos grupos de idade. Así, os datos do Ministerio de Sanidad, difundidos na tarde do luns, colocan de novo a Galicia por riba dos 50 casos/100.000 habitantes a 14 días, e xa preto dos 30 a sete días, o que anticipa unha tendencia crecente despois dos surtos detectados nos últimos días.

Tal e como xa avanzaban a semana pasada desde a Xunta, estase a constatar que os surtos na poboación que aínda non recibiu a vacina contra o coronavirus concentran boa parte dos novos casos. Segundo as cifras difundidas o pasado venres por Sanidad, os menores de 40 anos (nos que está aínda comezando a vacinación) representan preto do 65% dos novos casos, cando a comezos de ano estaban arredor do 40%.
A nivel municipal, despois de establecer desde o pasado sábado o nivel alto de restricións en Sarria e o medio en Castroverde, Camariñas, Malpica de Bergantiños, Cambre e Poio, son varios os municipios que rexistran unha tendencia crecente na transmisión. É o caso do Pontevedra, onde seguen medrando as infeccións vinculadas ás viaxes ás Baleares. Dos 89 casos rexistrados desde hai dúas semanas, 74 concéntranse nos últimos sete días, o que pode anticipar un aumento das restricións no concello despois da reunión que terá lugar este martes o comité clínico. Este luns, o Sergas xa confirma máis de 100 casos vinculados ás cadeas de transmisión vinculadas a viaxes ás Illas Baleares. 89 localízanse na provincia de Pontevedra, 10 en Lugo e 3 en Ourense.

Publicidade

Tamén rexistran incrementos notables outros municipios como Carnota (o único concello coa incidencia por riba de 250 por mor dun brote con 19 casos) Chantada (con outro surto de 10 positivos na última semana), Ames (19 casos en sete días), Redondela (23 en 14 e 22 nos últimos 7), e Sanxenxo ou Cambados (cunha incidencia crecente tamén nos últimos sete días). A tendencia é igualmente crecente en cidades como Lugo, Santiago ou Vigo.

Na outra banda están os 214 concellos que se manteñen sen novos positivos desde hai, polo menos, unha semana. E deles, 175 permanecen canto menos 'libres' de Covid-19 desde hai 14 días. Aquí podes ver a situación a nivel municipal:

2 COMENTÁRIOS

  1. Este xornal científico de calidade e espirito crítico fai mais pola lingua galega que todas as políticas lingüísticas adotadas. Moitas gracias, é un orgullo leelo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña