Xoves 28 Marzo 2024

Galicia suma unha única morte por Covid-19 por terceiro día seguido

O Goberno confirma 27 novos positivos en Galicia nas últimas horas aínda que a cifra de casos activos baixa en 72 persoas debido a case un cento de "infeccións resoltas"

A Consellería de Sanidade e o Ministerio de Sanidad difundiron este luns os últimos datos sobre a pandemia da Covid-19, no día no que Galicia entra na fase 1 do proceso da chamada desescalada. Por terceiro día seguido, a comunidade rexistra unha soa morte pola doenza, o que amosa a remisión nun dos indicadores clave na evolución da crise. Os datos, que poden estar influídos pola diminución da actividade durante a fin de semana, amosan tamén a confirmación de 27 novos positivos por PCR en Galicia. Porén, debido á información de case un cento de “infeccións resoltas”, os casos activos baixan en Galicia a 2.631 no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas, unha cifra semellante á de finais de marzo, pero cunha menor presión hospitalaria que naquel momento.

Casos activos

Así, das persoas que actualmente están pasando a infección, 606 están na área da Coruña-Cee, 161 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 405 na de Ourense-Verín-O Barco, 138 na de Pontevedra-Salnés, 697 na área de Vigo, 517 na de Santiago-Barbanza e 107 na de Ferrol. Nos últimos días, a tendencia é descendente na maioría das áreas sanitarias, aínda que houbo crecementos puntuais dos casos activos na zona de Vigo e Santiago-Barbanza. Así está a situación:

Publicidade

Destes 2.631 casos activos, 551 están vinculados a residencias de maiores e centros de discapacidade (334 usuarios e 217 profesionais). Son o 20,94% dos afectados por Covid-19 en Galicia.

En canto á situación nos hospitais, os novos ingresos fixeron que medrase lixeiramente a cifra de persoas hospitalizadas respecto ao domingo. Hai 26 persoas na UCI e 191 noutras unidades de hospitalización. O Ministerio de Sanidad informou que entre a noite do sábado e o domingo se produciron en Galicia 16 ingresos, un deles na UCI. Esta é a situación actual, con case un 92% dos pacientes atendidos no domicilio:

As chamadas “infeccións resoltas” son xa 7.445, case un 70% de todas as persoas que se contaxiaron. Ademais das altas, nesta cifra están incluídas, segundo detallan Xunta e Goberno español, os pacientes que, por exemplo, dan negativo nunha proba PCR do coronavirus despois de ser positivo, aínda que poidan seguir ingresados no hospital. Aquí tamén se inclúen, tal e como aclara o propio Ministerio, os casos de persoas, como os positivos en tests de anticorpos, aos que se lles fixo unha proba serolóxica e non se puido evidenciar en que momento contraeron a infección.

No referido aos falecementos, a cifra de óbitos por Covid-19 estase freando nos últimos días. Desde o venres rexistráronse cinco mortes, mentres que nos días anteriores o ritmo diario de falecementos estaba nesa mesma cifra. Das 593 mortes ata o momento, 269 son de usuarios de residencias de maiores (45,36%).

Probas diagnósticas

En canto ás probas realizadas, Sanidade informou de que se levan feitas 116.144 PCR, 1.308 máis có domingo. Ademais, o Ministerio recolle tamén, con data do 8 de maio, que en Galicia se realizaron 83.108 tests de anticorpos, dos que algo máis de 50.000 forman parte do estudo epidemiolóxico impulsado polo Sergas. Desde o comezo da crise, diagnosticáronse en Galicia 10.669 positivos por Covid-19. Deles, 9.280 detectáronse mediante PCR e 1.389, por tests de anticorpos. Así foi a evolución da detección de casos e de probas realizadas nos últimos días.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.