Venres 19 Abril 2024

Unha onda distinta, diferentes medidas? Así está medrando a transmisión en Galicia

O comité clínico reúnese este martes coa posibilidade de que se establezan novas medidas para conter a elevada incidencia na poboación nova

O rápido aumento da transmisión do SARS-CoV-2 nas últimas semanas, a pesar do distinto perfil da poboación afectada nesta nova vaga, xa está a causar unha maior carga asistencial, tanto na atención primaria como nos hospitais galegos. Á espera dos datos que achegue este luns o Ministerio de Sanidad, o pasado venres xa se constataba que máis de 1 de cada 100 mozos e mozas galegas de entre 12 e 29 anos deu positivo nos 14 días anteriores nunha proba diagnóstica do SARS-CoV-2.

Esta alta taxa de novos casos amosa que a transmisión do coronavirus está a ser elevada, aínda que case o 60% da poboación xa está protexida coa pauta completa das vacinas. Porén, como están a advertir reiteradamente as autoridades e profesionais sanitarios, un maior número de casos incrementa o risco de que se produzan infeccións severas en persoas vulnerables, a pesar da alta efectividade da inmunización. Por agora, Galicia mantense en risco baixo noutro dos indicadores de seguimento da pandemia, o da incidencia en maiores de 65 anos, nas que se produciron máis do 90% das mortes por Covid-19: diagnostícanse nesta franxa de idade menos de 50 casos/100.000 habitantes a 14 días, fronte aos máis de 300 do conxunto da poboación. Outros datos, como os que achega o Sergas, complementan esta nova realidade: 2 de cada 3 novos casos detectados en Galicia son de persoas de entre 15 e 39 anos.

Publicidade

Así, despois dun mes cunha situación estable nos hospitais galegos, a notable repunta de semanas previas xa se traduce nun incremento de ingresos, aínda que nunha proporción notablemente menor cá de vagas anteriores. E é probable que o aumento continúe durante as vindeiras semanas, á espera de comprobar a magnitude real da transmisión fóra do foco dos servizos sanitarios. Isto preocupa por mor dos indicadores como a taxa de positividade, que nos últimos días en Galicia se disparou por riba do 10%. Igualmente é motivo de preocupación a escasa asistencia aos cribados poboacionais convocados nas últimas semanas. En moitos casos, acoden menos da metade das persoas convocadas, o que, unido á importante taxa de positivos detectados nestes rastrexos, leva a pensar en que unha parte da transmisión, impulsada ademais por persoas asintomáticas, escapa á vixilancia.

Novas medidas?

A pasada semana, a Xunta puxo por primeira vez un freo xeral no territorio galego nesta última 'desescalada'. Establecéronse límites de reunión na hostalaría e recomendacións no caso de encontros sociais no resto de ámbitos. Mais, no caso dos concellos cunha maior incidencia, decretouse o peche do interior da hostalaría e a limitación nas terrazas. Do mesmo xeito, tanto o comité clínico como os responsables de Sanidade puxeron o acento nos encontros nocturnos vinculados ao consumo de alcol, polo que se estableceu o peche de parques, praias e xardíns públicos entre a medianoite e as seis da mañá, así como a obriga dunha proba diagnóstica negativa para acceder a pubs ou discotecas con horario nocturno.

Con todo, o progresivo aumento da transmisión, que é moito maior en comunidades como Cataluña ou Castilla y León, poderían anticipar que as autoridades opten por novas limitacións para evitar que se agrave a situación no ámbito hospitalario. A Generalitat manterá esta semana o confinamento nocturno en máis de 160 municipios, e o goberno castelán-leonés podería anunciar nas vindeiras horas restricións centradas na poboación sen vacinar. Nestas rexións, 1 de cada 25 mozos e mozas de entre 20 e 29 anos foi diagnosticado nas últimas dúas semanas dunha infección por SARS-CoV-2.

Por agora non semella que en Galicia se vaia abordar unha maior escalada nas restricións, pero si é probable que o número de concellos situados en nivel medio ou alto se incremente nos vindeiros días.

Transmisión por concellos

As múltiples cadeas de transmisión do coronavirus que se propagaron nas últimas semanas chegan xa a boa parte do territorio galego. Así, se na penúltima semana de xuño había máis de 210 concellos que se mantiñan sen casos nos sete días anteriores, a cifra cae este luns por baixo dos 50. E estendendo o rango ás dúas semanas previas, son menos de 40.

Ao mesmo tempo, medra o número de municipios nos que a incidencia está por riba dos 500 casos. Entre eles, as cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra. Pero tamén está a haber unha importante transmisión, acrecentada nos últimos sete días, en concellos como Sanxenxo (233 casos a 14 días e 187 a 7), Boiro (182 e 134), Vilagarcía (206 e 127), O Barco (169 e 103), Poio (144 e 93), Cambados (132 e 93), Viveiro (86 e 78), O Carballiño (88 e 60), Barbadás (99 e 56), A Pobra do Caramiñal (79 e 56) ou Foz (58 e 49). Deste xeito, o número de concellos en niveis de alto risco tingue o mapa con tons cada vez máis vermellos (aínda que en boa parte dos casos, a incidencia está 'impulsada' pola escasa poboación dos concellos; isto é, menos de 10 casos poden disparar a taxa en municipios pequenos):

Novo cálculo: máis atención á carga asistencial

Con todo, e ao concentrarse esta transmisión na gran parte dos casos en xente nova, Sanidade anticipou a semana pasada a instauración dun novo "axuste" para establecer restricións en determinadas áreas. "Os servizos de saúde pública e o Comité e o Subcomité Clínico veñen analizando as características específicas de cada gromo", indicaba a orde publicada o pasado venres, polo que se está a prestar "unha especial atención á existencia de gromos non controlados ou de casos sen vínculo epidemiolóxico, así como ao feito de que non se observe unha melloría clara na evolución da situación epidemiolóxica".

Este novo escenario, influído positivamente pola xa ampla cobertura vacinal, levou á Xunta de Galicia a introducir o factor de "risco de ingreso", calculado a partir da relación entre os casos por cada cen mil habitantes a 7 e 14 días e os ingresos hospitalarios antes do inicio da campaña de vacinación. Ademais disto, e a partir dos modelos axustados no primeiro paso, "considérase o número de ingresos por cada cen mil habitantes en Galicia que corresponde a cada un dos valores limiar de incidencia acumulada de casos a 7 e 14 días dos niveis de restricións actualmente establecidos", engade a Xunta.

E, finalmente, exponse na mesma orde, "utilízanse os datos do momento actual en que comeza o novo aumento de casos e no cal xa existe unha elevada porcentaxe de poboación vacinada (datos posteriores ao 24 de xuño de 2021), para calcular a nova relación existente entre o número de casos e o de ingresos".

Estas cifras permitirán "axustar os valores de incidencia acumulada de casos en función do risco de ingreso actual". Por outra banda, este novo modelo tamén estará sustentado pola incidencia en maiores de 65 anos, a porcentaxe de probas diagnósticas de infección activa a 7 días; a evolución no número de casos, poboación e características dos gromos; a porcentaxe de ocupación de camas de críticos e a porcentaxe de pacientes atendidos no circuíto Covid-19 nos servizos de urxencias hospitalarias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023