Xoves 25 Abril 2024

Unha análise sitúa a taxa de letalidade da Covid-19 en Galicia preto da media española

O estudo, enviado á revista da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria estima, cos datos de seroprevalencia, que faleceron 8,56 de cada mil casos

Un informe realizado por investigadores sanitarios e enviado para a súa publicación á revista Medicina de Familia, da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen), analiza a taxa de letalidade causada pola pandemia da Covid-19 por sexo e rangos de idade nas comunidades autónomas de España. O estudo, alén dos datos difundidos ata agora polas administracións autonómicas e o goberno estatal, realiza unha estimación desta taxa en atención ás cifras de falecementos confirmados mediante proba PCR e aos resultados do estudo de seroprevalencia ENE-Covid19, realizado polo Ministerio de Sanidad e o Instituto de Salud Carlos III.

Segundo estes datos, e tendo en conta a prevalencia estimada en Galicia no mencionado estudo, a taxa de letalidade foi do 8,56 falecementos por cada 1.000 infeccións, preto da media estatal estimada do 9,62/1.000. O estudo recolle os datos de falecementos entre o 18 e o 20 de maio, cando en Galicia morreran 607 persoas (hoxe a cifra é de 619). A análise achégase, por tanto, á letalidade real da Covid-19, xa que non se cingue só aos casos detectados, senón á estimación da circulación do virus. Neste sentido, a análise expón que “non se encontrou correlación entre as taxas de letalidade e a prevalencia estimada da infección”.

Publicidade

O traballo, segundo os autores, vén cubrir o baleiro existente en España sobre a comparación da taxa de letalidade entre cada rexión. “Ata o momento non se publicou en España unha análise amplia e comparativa da letalidade da poboación xeral, nin estratificando por idade, sexo e CC.AA.”, din. E conclúen que “a infección polo virus SARS-CoV-2 distribuíuse de forma moi irregular nas diferentes comunidades, existindo unha gran diferenza na taxa de letalidade entre comunidades, sendo especialmente elevada en La Rioja (26,62 por mil), Asturias (13,83) e País Vasco (12,99)”. E tamén se observa un “exceso de letalidade respecto á media nacional na poboación maior de 64 anos en Madrid e Canarias“.

O caso de Galicia

Na análise comparativa entre comunidades, Galicia amosa unha maior letalidade, como o resto das rexións, nos homes (11,17%) que nas mulleres (5,87). A análise por idades, tal e como explican os autores do texto, non se puido realizar nos datos galegos xa que “Galicia non publica nin subministra información de falecidos por idades”. Noutras comunidades detectouse un importante exceso nos maiores de 64 anos, sendo especialmente elevado, de novo, en La Rioja (143,5/1.000), Asturias (69,2/1.000) e País Vasco (46,6/1.000).

A lectura do informe contrasta, por tanto, coa mensaxe difundida desde a administración galega durante a crise, na que se expoñía que a taxa de letalidade de Galicia se mantivo entre as menores de España. Tal e como expuxeron os resultados do estudo de seroprevalencia ENE-Covid19, o sistema sanitario galego foi, xunto ao de La Rioja, un dos que maior proporción de casos detectou en relación á circulación real do virus, tal e como se pode ver baixo estas liñas. Este dato, que recoñece o traballo de rastrexo realizado polo Sergas, influíu, por tanto, na menor letalidade da Covid-19 no país se se tiñan en conta só os casos confirmados. Mentres que no conxunto de España detectárons arredor do 10% dos casos, ao sistema sanitario galego ‘só’ se lle escaparían algo máis de 8 de cada 10 (80%), polo que detectaría case 2 de cada 10 (20%).

Exceso de mortalidade

A análise tamén aborda outro dos aspectos aínda por resolver da pandemia: o exceso de mortalidade por todas as causas detectado polo Instituto de Salud Carlos III, que ascende a máis de 44.000 persoas, mentres que a cifra de mortes confirmadas por mor da Covid-19 é de algo máis de 28.000. O estudo expón que “en España, as enfermidades cardiovasculares (cardiopatía isquémica e ictus) son a principal causa de mortalidade e, porén, tanto a realización de anxioplastias intervencionistas como a atención de ictus en urxencias reduciuse nun 48% e 23% respectivamente durante a pandemia”.

Así, engaden os autores da análise, “existe a sospeita moi fundada de que en moitos casos os pacientes con patoloxía cardiovascular de risco vital non acudiron aos servizos de urxencia por medio a contaxiarse”, o que tamén “puido acontecer con outras patoloxías de risco vital”. Conclúen, por tanto, que “o exceso de mortalidade non pode ser atribuído en exclusiva á Covid-19, polo que mentres non se dispoña da información de forma detallada, a opción de incluír só os casos confirmados é conservadora pero realista”.


Referencia: Análisis de las tasas de letalidad de la infección por SARS-CoV-2 en las Comunidades Autónomas de España.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade