Un furacán alimenta o río atmosférico que deixará abundantes chuvias en Galicia

A primeira fin de semana de outubro suporá un importante cambio na situación meteorolóxica, con baixada de temperaturas e precipitacións

O furacán Sam (no centro da imaxe) alimentará de humidade o río atmosférico e a borrasca que chegará a Galicia nesta fin de semana. Fonte: MeteoGalicia.
O furacán Sam (no centro da imaxe) alimentará de humidade o río atmosférico e a borrasca que chegará a Galicia nesta fin de semana. Fonte: MeteoGalicia.

Despois do veraniño de San Miguel de finais de setembro, o refraneiro popular volve acertar nestes días, e Galicia vivirá nesta fin de semana o coñecido como Cordonazo de San Francisco. “Os meteorólogos de antes falaban moito deste momento do ano, no que comezan a chegar frontes desde o Atlántico”, explica David Domínguez, de Redmeteo. O día de San Francisco de Asís, o luns 4 de outubro, virá precedido do primeiro temporal do outono, acompañado de ademais dunha masa de aire frío que se notará nas temperaturas, cun descenso entre lixeiro e moderado.

Esta fronte, terá, ademais, unha peculiaridade engadida, segundo se pode observar nos mapas de predicións para esta fin de semana: o furacán Sam, situado no Atlántico, e que se moverá nos vindeiros días cara ao nordeste, engadirá máis humidade á que, xa de seu, porta a fronte que se achega a Galicia. “Na situación na que está, o furacán encárgase de achegar máis humidade á circulación do suroeste que discorre pola parte norte do anticiclón dos Azores e, por tanto, as precipitacións serán moi abundantes na madrugada do domingo en Galicia”, explica Domínguez.

Esta estrutura tamén foi compartida polo Grupo de Física Non Lineal da USC, que destacou a conexión entre o río atmosférico e o furacán Sam:

Despois das precipitacións do domingo, a situación atmosférica será a do “típico ambiente posfrontal, cunha masa de aire frío que seguirá presente”, explica David Domínguez. Deste xeito ábrese un escenario máis acaído para a entrada de novas borrascas, máis ou menos activas. Con todo, como é habitual nesta época do ano, mantense un importante nivel de incerteza. “É moi complicado facer predicións neste tempo porque a situación é bastante inestable, e tampouco se pode descartar que antes da chegada dunhas condicións propias do outono poidamos ter algún episodio de altas temperaturas”, engade o divulgador de Redmeteo.

Diante deste escenario, desde MeteoGalicia xa está activado un aviso de nivel amarelo en toda Galicia, agás algunhas comarcas de Ourense e Pontevedra, pola chegada da borrasca este sábado. Desde as 18 horas comezarán a caer intensas precipitacións, que activaron o aviso por refachos de vento superiores a 80 km/h e máis de 40 litros/metro cadrado en 12 horas. Na costa da Coruña o vento no mar pode acadar forza 8 (o que fixo activar o nivel laranxa) e no resto do litoral, o aviso amarelo advirte de ventos de forza 7. O aviso por choiva e vento permanecerá vixente ata as primeiras horas do domingo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.