Xoves 18 Abril 2024

Un enxame de pequenos sismos sacode O Courel

O Instituto Xeográfico Nacional continúa a rexistrar terremotos na área entre Folgoso do Courel e Quiroga

Unha sucesión de terremotos sacode as terras do Courel nas últimas semanas, cuha ducia de sismos rexistrados polo Instituto Xeográfico Nacional. O máis importante localizou o seu epicentro no concello de Folgoso do Courel o pasado 14 de marzo, cunha magnitude de 3,4 e que foi sentido por moitos veciños da zona. Pero o fenómeno continuou estas semanas, co último dos sismos o pasado mércores, ao sur da localidade de Folgoso do Courel, nunha zona situada entre os ríos Quiroga e Soldón, cunha magnitude de 2,5 graos.

No Concello de Quiroga, o pasado domingo 4 de abril, houbo cinco sismos rexistrados polo Instituto Xeográfico Nacional, tres deles cunha magnitude de 1,7 graos e un cuarto cunha magnitude de 2,2.

Publicidade

Defínese como enxame sísmico a sucesión de tremores que se producen nunha área concreta durante un período determinado de tempo. Poden durar horas, días ou meses, e destacan porque non existe un sismo que poida ser declarado como principal.

Sismos detectados polo Instituto Xeográfico Nacional no Courel nas últimas datas.

O fenómeno do enxame sísmico adoita producirse con certa periodicidade en Galicia, aínda que a súa intensidade non chega a ser percibida en moitos casos pola poboación. Con todo, hai experiencias recentes de situacións de risco. Foi, por exemplo, o que aconteceu a mediados dos anos 90 no bautizado como ‘triángulo sísmico’, entre as localidades lucenses de Sarria, Becerreá e Triacastela. Centos de tremores de magnitude superior a 3 sucedéronse durante meses. O evento principal produciuse o 21 de maio de 1997, cun tremor de magnitude 5,1 que se sentiu en toda Galicia.

Galicia non adoita vivir grandes sismos como os que acontecen noutras zonas do planeta, ou mesmo da península ibérica (por exemplo na zona sudeste). Porén, de cando en vez as fallas que atravesan o territorio lembran que a tectónica de placas está aí. Outro enxame sísmico tivo lugar no ano 2018 en Pontevedra.

E hai un lugar onde a actividade é moito maior e concentrada ca na contorna: o encoro de Belesar, no río Miño. Nunha área de poucos quilómetros cadrados entre os concellos de Taboada, Chantada e O Saviñao, as medicións do Instituto Geográfico Nacional (IGN) rexistraron preto de 200 pequenos terremotos nos últimos anos. Un fenómeno ao que xa prestaron atención varios traballos de investigación sobre sismicidade. Neste caso, os científicos sospeitan que os sismos teñen que ver co asentamento do propio encoro de Belesar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Podería ser España a próxima en sufrir un terremoto?

Na península podemos esperar sismos de magnitude entre 6,5 e 7 nas fallas asociadas ao mesmo proceso tectónico que o recente de Marrocos

Estes foron os terremotos máis intensos rexistrados en Galicia

O de Triacastela en 1997 foi o de maior magnitude, pero os que máis danos causaron foron os de Ferrol en 1910 e o de Pontevedra en 1920

As ondas sísmicas dos terremotos de Turquía e Siria detectáronse na península

Unha animación resume o movemento dos dous potentes sismos, que xa deixan máis de 2.300 mortos nos países afectados

O tsunami de Lisboa: 267 anos do desastre que impulsou o estudo científico da sismoloxía

Un terremoto duns 8,5 graos e o posterior maremoto deixaron arredor de 20.000 vítimas mortais, con efectos que tamén se sentiron en Galicia