Venres 19 Abril 2024

Cal é a tendencia da Covid-19 no teu concello? Compróbao aquí

O aumento da incidencia a 7 ou 14 días pode anticipar, en ocasión, o establecemento de maiores restricións nos municipios

Ás portas de que finalice a vixencia do estado de alarma no territorio estatal, o vindeiro domingo 9 de maio, o avance da campaña de vacinación, xa cunha importante protección nos grupos de maior idade, e a situación estable da incidencia da Covid-19 en Galicia apuntan cara a un escenario cada vez máis optimista a curto e medio prazo. É probable que este xoves, a reunión do comité clínico acorde as medidas que, pendentes do seu encaixe xurídico, marquen a vida da cidadanía a partir da vindeira semana.

Porén, e aínda constatando a gran redución dos casos graves e as mortes por Covid-19, as autoridades insisten en manter as medidas de prevención e protección persoal, toda vez que aínda queda parte da poboación por recibir a inmunización contra as formas máis severas da doenza. Ata este martes, arredor do 15% do censo recibiu a pauta completa, e un 31% ten polo menos unha dose. Este risco patente obsérvase na maior proporción de casos graves e falecementos observados no grupo de persoas menores de 80 anos nas últimas semanas.

Publicidade

A situación municipal

Despois da finalización do estado de alarma, a Xunta avanzou a súa intención de seguir decretando peches perimetrais ou restricións en determinadas actividades, de acordo á estratexia que se leva mantendo desde a segunda ‘desescalada’ do pasado outono. A partir do venres, 40 concellos manterán maiores limitacións por mor da elevada incidencia de casos de coronavirus. Mais, pola outra banda, 137 municipios levan canto menos dúas semanas sen casos, e atendendo aos últimos sete días, a cifra sobre a 172.

Na análise da situación, segundo expoñen desde hai meses os responsables de Sanidade, tense en conta a evolución da pandemia a 7 e 14 días, co obxectivo de detectar de forma precoz, a través do rastrexo e os cribados, posibles focos que fagan aumentar a incidencia nunha determinada área. Cunha media de case 200 casos diarios detectados nas últimas semanas, algúns surtos poden seguir provocando problemas puntuais.

E como é agora mesmo a tendencia nos concellos galegos? Se no conxunto do territorio, a incidencia a 7 e 14 días leva días estabilizada entre 95 e 100 casos a 14 días/100.000 habitantes e 40 e 45 a sete, a situación nos municipios é, lóxicamente, máis variable. Dentro das limitacións dos datos que achega o Sergas (só se ofrece un abano de entre 1 e 9 casos nos concellos que rexistran menos de 10 positivos, e rangos amplos de incidencia acumulada), é posible establecer, coas cifras do martes, como están evolucionando os casos nos concellos dos que se dispón de información:

Así,obsérvase un aumento de casos na última semana en concellos como Cerdedo-Cotobade, Noia, Laza, Chantada, Padrón, Ames, Cambados ou Ourense. Por outra banda, a tendencia é decrecente na Illa de Arousa, Sanxenxo, Muíños, A Gudiña, A Merca ou Trabada que non rexistran novos positivos na última semana despois de acadar unha alta incidencia en semanas previas; ou Marín, Verín, Gondomar, Tui, Ferrol, Ponteareas, Santiago, A Coruña e Vigo, onde nos últimos sete días os casos son bastante menos da metade dos confirmados a 14 días.

Restricións

Esta tendencia garda, por tanto, relación co mapa de limitacións que rexerá a partir do venres. Laza e Cualedro, nos que se establece o peche perimetral, son os dous únicos concellos que superan a incidencia de 500 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días. Cambados e Vilanova, que estarán coas mesmas restricións, amosan igualmente un aceleramento de novos positivos na última semana.

No nivel alto estarán concellos nos que a tendencia é crecente (Ribeira ou Padrón), e outros nos que se mantén a vixilancia para evitar a posible transmisión non detectada (A Merca, Coristanco, Salceda de Caselas ou Mesía).

Outros 26 concellos (Carballeda de Valdeorras, Verea, Muíños, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, Toén, Chantada, Meira, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Soutomaior, Fornelos de Montes, Cangas, O Porriño, Tui, Vigo, Nigrán, Lalín, Silleda, Noia, Melide, Ordes, Carballo, Betanzos e Cambre), quedarán no nivel medio, mentres que os demais 273 municipios estarán no nivel-medio baixo.

A decisión do comité clínico deste xoves podería levar a estes municipios con menor incidencia a un escenario máis próximo á chamada ‘nova normalidade’. Sobre a mesa está o posible levantamento do confinamento nocturno, a ampliación de horario na hostalaría e un relaxamento nas reunións sociais, entre outras medidas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204