A sucesión de frontes húmidas podería causar inundacións durante as vindeiras horas. Fonte: Aemet.
A sucesión de frontes húmidas podería causar inundacións durante as vindeiras horas. Fonte: Aemet.

Amplíase a alerta por risco de inundacións debido ao temporal

MeteoGalicia eleva o aviso a laranxa por neve na montaña de Lugo e o 112 advirte de posibles desbordamentos en varios ríos

A xornada do xoves vai ser de puro inverno en Galicia. A chegada da masa de aire frío procedente de Groenlandia baixará as temperaturas e traerá tamén fortes ventos (que farán baixar a sensación térmica), chuvia e mesmo neve en grandes cantidades na montaña de Lugo, onde xa se elevou o nivel a laranxa por acumulacións que superarán os 20 centímetros. Alén disto, a preocupación esténdese ao risco de inundacións debido ao elevado caudal dalgúns ríos e á coincidencia coa marea alta, sobre todo na tarde do xoves.

Así, segundo informou a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), a partir dos datos achegados polos sistemas de observación e control de Augas de Galicia, en colaboración con Meteogalicia, o caudal dos ríos vai en aumento debido ás abundantes precipitacións das últimas semanas, polo que existe risco de inundacións puntuais na contorna dos ríos Landro, Eume, Mandeo e Xallas.

Ademais, arredor das 16.30 horas do xoves terá lugar a preamar, polo que a marea alta, unida ao aviso de nivel vermello no mar, podería causar problemas puntuais no litoral. Xa este martes na Coruña o mar chegou ao paseo marítimo despois de superar o dique que se constrúe todos os invernos nas praias de Riazor e Orzán.

Recomendacións nas inundacións

Debido aos posibles asolagamentos, a Axega difundiu unha listaxe de recomendacións, entre as que están evitar achegarse ás zonas de ribeira e pontes en lugares con importantes crecidas, non intentar atravesar lugares asolagados, aparcar os vehículos lonxe destas zonas e abandonar os vehículos en caso de quedar atrapados nalgún punto perigoso. Do mesmo xeito, no caso de atoparse en vivendas en risco de inundacións, recoméndase taponar portas e ventás, colocar obxectos de valor e documentación en zonas altas, desconectar a corrente eléctrica, gardar auga, comida envasada e botiquíns de emerxencias por se hai illamentos debido ás chuvias, seguir as indicacións das autoridades e abandonar a vivenda o máis rápido posible se hai orde de evacuación.

A Axega activou tamén a alerta vermella pola situación no mar, con ondas de ata 10 metros na Costa da Morte e ata 9 no resto do litoral, polo que recomenda evitar as saídas ao mar, afastarse dos paseos marítimos, diques, rompentes, praias e cantís, e respectar as indicacións de seguridade.

Pola súa parte, a Aemet actualizou este mediodía o seu aviso especial pola chegada da borrasca. Por agora non recibiu o nome de Cecilia, xa que aínda non se activou o aviso de nivel laranxa por ventos en terra, pero agárdanse impactos notables en todo o noroeste da Península Ibérica.

Agárdase neve por riba dos 700 metros, pero as nevaradas poden ser moi intensas por riba dos 1.000 metros en Asturias, León e mesmo o leste de Lugo, con acumulacións de ata un metro de neve.

Durante o episodio tamén é de agardar que se superen os 100 litros por metro cadrado de chuvia en moitos puntos, e o vento soprará con refachos superiores a 90 km/h. O descenso das temperaturas fará que a sensación térmica estea por debaixo dos 0ºC nas zonas máis altas. Xa este mércores, a estación de Xares (A Veiga), rexistrou ventos de máis de 100 km/h e unha temperatura mínima de 1,7ºC, o que é equivalente a unha sensación de -5ºC ou -6ºC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.