Pode cambiar o mapa de restricións? Esta é a situación da Covid-19 en Galicia

Os cribados das últimas semanas están a amosar unha importante taxa de positividade e en Galicia detéctanse máis de 1.000 casos diarios.
Os cribados das últimas semanas están a amosar unha importante taxa de positividade e en Galicia detéctanse máis de 1.000 casos diarios.

Por primeira vez desde a entrada en vigor das novas restricións para conter esta última vaga de Covid-19 en Galicia, o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia no seguimento da pandemia reúnese na tarde deste martes para avaliar a evolución no territorio galego. Alén da menor gravidade desta onda, cunha menor proporción de casos graves debido á vacinación, a magnitude da transmisión do SARS-CoV-2 preocupa ás autoridades sanitarias. Aínda que Galicia se mantén, como durante a meirande parte da pandemia, cunhas cifras de incidencia menores ás doutras rexións do territorio español, preocupa o elevado número de casos detectado nas últimas semanas, sobre todo nos grupos de 12 a 29 anos. Así, 1 de 40 mozos de entre 20 e 29 anos tivo un diagnóstico positivo de coronavirus desde o luns 12 de xullo, convertendo a Galicia na terceira comunidade autónoma con maior incidencia neste rango de idade, por detrás de Navarra e moi preto de Cataluña.

Tal e como incidiron os responsables da consellería de Sanidade nas últimas comparecencias, a incidencia acumulada non é o único factor a ter en conta para establecer o mapa de restricións. Debido á maior proporción de infeccións asintomáticas ou leves, estase a prestar unha maior atención á carga asistencial en atención primaria e hospitais ou á existencia de surtos que non estean controlados ou sen vínculo epidemiolóxico.

E a ocupación hospitalaria está a medrar desde mediados de xullo en Galicia. O día 13 había 10 persoas nas UCIs, fronte ás 30 deste martes, e 53 noutras unidades de hospitalización (case 4,5 veces máis) ca dúas semanas atrás. Estas cifras, que coinciden coas predicións marcadas na anterior reunión polo comité clínico, poderían seguir incrementándose durante as primeiras semanas de agosto de manterse o actual nivel de transmisión, con máis de 1.000 novos casos detectados cada día. Ademais, a taxa de positividade está preto de 15% desde mediados de mes, tras ficar durante meses por baixo do 5%.

Este empeoramento, aínda que menor ca noutras ondas, xa freou a tendencia descendente de falecementos que se prolongou durante meses. No que vai de xullo faleceron 16 persoas en Galicia, fronte ás 19 de xuño, e en atención ao ritmo dos últimos días (o sábado notifícaronse 4 mortes) e as ocupacións en UCIs, é probable que xullo finalice cun aumento de óbitos respecto ao mes anterior.

Por agora, os indicadores a 7 e 14 días amosan un certo freo no aumento 'disparado' da transmisión que se produciu desde finais de xuño, pero as cifras da última semana seguen debuxando unha tendencia crecente: a IA a 14 días en Galicia é de 655,45, e de 342,99 a sete. Con este escenario, é probable que non haxa cambios nas normas xerais das limitacións vixentes en Galicia. Isto é: limitación de reunións a seis persoas en interiores e 10 en exteriores, prohibición de encontros con non conviventes entre 1 da madrugada (ou 3, nos concellos en menor risco) ata as 6, e restricións de capacidade e accesos na hostalaría. Mais si que se poderían sumar novos concellos aos niveis máis altos de restricións.

Restricións actuais e posibles cambios

Agora mesmo, están no nivel máximo O Barco de Valdeorras, Sanxenxo, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Cambados, Meaño e O Grove. 

No nivel alto fican Arzúa, Avión, Baiona, Barbadás, Burela, O Carballiño, Carballo, Cervo, Fisterra, Foz, Gondomar, A Illa de Arousa, Marín, Melide, Nigrán, Oleiros, Ourense, Poio, Pontevedra, Porto do Son, Ribadeo, Ribeira, O Rosal, Tomiño, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Vimianzo e Viveiro.

No nivel medio quedarán Ames, Beariz, Boborás, Bueu, Caldas de Reis, Cambre, A Coruña, Culleredo, Entrimo, Fene, Ferrol, A Guarda, Lugo, Maceda, Meis, Moaña, Mondoñedo, Mugardos, Muros, Mos, Noia, Oroso, O Pereiro de Aguiar, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Ribadavia, Ribadumia, Sada, San Cibrao das Viñas, Santiago de Compostela, Sarria, Silleda, Teo, Tui, Vilalba e Vilamartín de Valdeorras.

Todos os demais concellos están no nivel medio-baixo.

Con todo, a distinta evolución da pandemia nos concellos podería mudar este panorama. Xa son 119 os concellos que superan a incidencia de 250 casos/100.000 habitantes nos últimos sete días, aínda que parte deles teñen unha escasa transmisión, e o indicador vese influenciado claramente pola súa escasa poboación. Mais, por outra banda, outros municipios están vendo como se frean os novos casos na última semana.

No grupo de concellos que poderían pasar a maiores niveis de limitacións están Cariño (26 dos 27 casos confirmados a 14 días detectáronse nos últimos sete), As Pontes de García Rodríguez (46 e 52, respectivamente), Monterroso (36 e 41), O Pino (33 e 38), Verín (53 e 69), Muros (55 e 72), ou Pontedeume (24 e 32).

Na outra banda, cunha tendencia decrecente, destacan Porto do Son (con 15 casos a sete días fronte aos 50 das últimas dúas semanas), Boiro (74 e 208), Allariz (33 e menos de 10), O Pereiro de Aguiar (27 e menos de 10) ou A Pobra do Caramiñal (34 e 93).

Finalmente, menos de 40 concellos mantéñense sen casos nos últimos sete días. Son, na súa meirande parte, concellos das provincias de Ourense e Lugo cunha ampla proporción de poboación maior de 40 anos, grupo de idade onde a cobertura vacinal con dúas doses supera o 90% do censo.

Esta é a situación actual en canto a incidencia a sete días en Galicia:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.