Venres 19 Abril 2024

Case 10.000 persoas en Galicia deron positivo por coronavirus

Os hospitais galegos rexistran 12 novos ingresos por Covid-19, notifícanse 327 'curacións' e catro falecementos respecto ao luns

Os datos achegados este martes polo Ministerio de Sanidad engaden unha novidade respecto á evolución da pandemia da Covid-19 en Galicia: por primeira vez coñécese, por separado, a cifra de persoas que foron diagnosticadas da infección a través das probas moleculares mediante PCR e os tests de anticorpos, que detectan a resposta inmune cara ao virus e, por tanto, poden constatar que unha persoa estivo exposta ao SARS-CoV-2 aínda que xa non tivera síntomas. Son, por tanto, 9.953 positivos confirmados desde o comezo da crise. Destas persoas, 9.051 foron positivas por probas PCR (40 novos casos segundo os datos do martes) e 902 mediante tests de anticorpos.

Serie de novos casos confirmados por PCR (verde) e anticorpos (azul). Fonte: Ministerio de Sanidad.
Serie de novos casos confirmados por PCR (verde) e anticorpos (azul). Fonte: Ministerio de Sanidad.

Na táboa que achega o Ministerio, inclúense novas deteccións a través de anticorpos nos datos do martes, o que eleva os novos positivos por coronavirus en Galicia nesta última actualización (aínda que non sexan infeccións recentes) a máis de 100.

Publicidade

No tocante aos casos activos, cifra da que informa a Consellería de Sanidade, baixan por primeira vez dos 3.000 desde o 29 de marzo. Son 2.819 segundo a información pechada na noite do luns. Segundo estas cifras, estase seguindo a 669 persoas na área da Coruña-Cee, 179 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 541 na de Ourense-Verín-O Barco, 155 na de Pontevedra-Salnés, 696 na área de Vigo, 451 na de Santiago-Barbanza, e 128 na de Ferrol. Así foi a evolución por áreas despois dos cambios de criterio da semana pasada:

Infeccións resoltas

A actualización dos novos criterios do Ministerio de Sanidad achega tamén outra cifra nova respecto a Galicia. Fálase agora de “infeccións resoltas” para referirse ás curacións e ás altas epidemiolóxicas. Ademais das persoas que superaron a doenza, nesta cifra, que en Galicia é xa de 6.561 persoas, (e que o Sergas cualifica como pacientes “curados”) o inclúense tamén, por exemplo, aos pacientes que dan negativo nunha proba PCR do coronavirus despois de ser positivo, aínda que poidan seguir ingresado no hospital. Nestas infeccións resoltas tamén se inclúen, tal e como aclara o propio Ministerio, os casos de persoas, como os positivos en tests de anticorpos, aos que se lles fixo unha proba serolóxica e non se puido evidenciar un momento da enfermidade. Respecto á cifra anterior, son 327 persoas máis.

Dos 2.819 casos activos, 2.556 están sendo atendidos no domicilio (cifra na que se inclúen os usuarios de residencias de maiores), 226 en unidades de hospitalización e 37 nas UCI. Aínda que a cifra global nos hospitais baixa respecto ao luns, cando eran 253 e 34, respectivamente, o Ministerio de Sanidad aclara que en Galicia se produciron 10 novos ingresos en hospitais e 2 nas UCI respecto ao día anterior. En canto ás probas PCR diarias, a Consellería de Sanidade informou de que realizou 106.081 análises, 1.091 máis có luns, o que supón o menor incremento diario desde finais de marzo.

Falecementos

A cifra de falecementos sobe a 573, catro máis có luns. Tres deles correspóndense cos usuarios de residencias de maiores, segundo datos que achega a propia Xunta. Dous deles faleceron en hospitais ou residencias integradas, e a outra persoa na residencia Santa Teresa Jornet da Coruña.

Residencias

En canto aos centros de atención a persoas maiores ou con discapacidade, os casos activos son 838 (547 usuarios e 291 profesionais). A cifra supón un 29,72% do total de casos activos. Hai casos activos en máis de 50 destes centros.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023