Os surtos de Covid-19 manteñen máis de 30 concellos en nivel alto ou máximo de restricións

Ordes e Monforte de Lemos, cunha notable transmisión, estarán en nivel máximo a partir do sábado, segundo acordou o comité clínico

Imaxe: xunta.gal/elaboración propia.
Imaxe: xunta.gal/elaboración propia.

A última onda da pandemia da Covid-19 continúa a tendencia descendente no conxunto de Galicia, pero algúns surtos detectados nos últimos días poñen de manifesto que o risco da transmisión do coronavirus segue moi presente. Especialmente, no grupo de persoas menores de 30 anos, o único colectivo etario no que aínda non se chegou ao 70% da vacinación coa pauta completa. Así, en vista das últimas informacións epidemiolóxicas, o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia, reunido este martes, acordou que a partir da medianoite do venres ao sábado, os concellos de Ordes e Monforte pasarán a estar no nivel máximo de restricións. Este rango provocará o peche do interior dos locais de hostalaría e ocio nocturno e a capacidade máxima ao 50% no exterior destes establecementos.

Os dous municipios no máximo nivel de limitacións rexistraron 150 casos novos nos últimos sete días, o que sitúa a súa incidencia acumulada entre as máis altas de Galicia. E estes gromos están a provocar tamén unha importante transmisión entre concellos próximos, como Trazo, Cerceda, Carral ou Frades.

Así, a evolución epidemiolóxica recente destes e outros concellos levou ao comité clínico a decretar o nivel alto de limitacións (con restricións de capacidade nos locais de hostalaría e ocio nocturno), nunha trintena de concellos. Serán Fisterra, Laxe, Muxía, Betanzos, Cee, Sada, Camariñas, Vimianzo, Carral, Cerceda, Pontedeume, Ares, Cariño, Melide, Trazo, Rábade, Castro de Rei, Meira, A Pastoriza, O Saviñao, Pantón, Sober, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Rúa, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Nigrán, O Rosal e A Cañiza.

No seguinte nivel, o medio, ficarán A Coruña, Zas, Coiros, Corcubión, Carballo, Ponteceso, Oza-Cesuras, Cambre, Culleredo, Oleiros, Arteixo, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Miño, Fene, Narón, Cabanas, Mugardos, Ferrol, Santiago de Compostela, Rianxo,  Boiro, Silleda,  Santa Comba, Oroso, Porto do Son, Outeiro de Rei, Chantada, Lugo, Begonte, Allariz, Xinzo de Limia,  A Veiga, Ourense, O Carballiño,  Verín, A Lama,  Marín,  Catoira, Caldas de Reis,  Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Soutomaior, Bueu, Vigo, Gondomar, Salceda de Caselas, Pazos de Borbén, O Porriño,  Ponteareas, Redondela, Arbo, As Neves, Tui e Tomiño.

O resto dos concellos quedarán en nivel medio-baixo.

Situación asistencial

Na comparecencia deste martes, os responsables da Consellería de Sanidade e Sergas analizaron tamén a situación actual da pandemia. Aínda que a tendencia dos novos positivos é descendente, continúan a detectarse en Galicia arredor de 500 positivos diarios. Boa parte deles son asintomáticos ou con síntomas leves, pero tamén se continúan producindo ingresos nos hospitais. Os datos pechados na tarde do luns 23 de agosto amosaban que 300 persoas estaban hospitalizadas, 58 delas en coidados intensivos. O xerente do Sergas, José Flores, repasou os datos da presión asistencial dos centros sanitarios galegos, salientando que “os números continúan a mellorar respecto da semana pasada”, ao tempo que lamentou o número de persoas mozas que están ingresadas.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.