Venres 19 Abril 2024

Os concellos galegos en nivel vermello pola Covid-19 soben a 15

O repunte de casos nas provincias da Coruña e Pontevedra engaden máis municipios ao nivel laranxa, mentres se reduce a incidencia en Ourense

O avance na transmisión do coronavirus SARS-CoV-2 en Galicia nas últimas semanas, nas que se estableceron novas limitacións como o máximo das reunións a 10 persoas, acelerase segundo os últimos datos. Este luns, a Consellería de Sanidade informou de que o número de casos activos superou os 5.000 por primeira vez na segunda onda da pandemia, con 5.101. E ademais, a cifra de 822 falecidos supón que en pouco máis de dous meses se produciran máis de 200 óbitos por mor da Covid-19, unha cuarta parte do total das mortes desde marzo. O aumento da incidencia, e a posibilidade de que a tendencia continúe nas vindeiras semanas, podería levar á Xunta de Galicia a decretar maiores limitacións nas zonas onde está a medrar a transmisión. Cos datos pechados ás 18 horas do domingo, xa son 15 os concellos en nivel vermello, e outros 17 están en nivel laranxa.

En canto ás diferentes áreas, constátase un aumento nas provincias atlánticas, ao tempo que as restricións decretadas en Ourense están a frear, polo momento, a detección de novos positivos. Así, Vigo, con 98 novos casos, e Santiago-Barbanza, con 75, son as áreas sanitarias nas que máis casos se confirmaron nos datos que achega o informe da Xunta, fronte aos 66 de Ourense, 54 da Coruña, 45 de Ferrol, 41 de Lugo e 38 en Pontevedra. En total, confirmáronse 417 positivos, cunha taxa de positividade do 6,6%.

Publicidade

No referente aos casos activos, o descenso dos últimos días en Ourense contrasta co importante aumento en Vigo e, en menor medida, en Santiago. Esta é a evolución desde comezos de agosto.

A presión nos hospitais medra lixeiramente, aínda que Galicia se mantén cunha das menores ocupacións de pacientes Covid-19 nas comunidades autónomas de España. Cos datos pechados deste luns, hai 46 persoas en UCI e outras 266 noutras unidades de hospitalización.

Nivel de alerta

O mapa diario da evolución do nivel de alerta amosa neste momento aos concellos de Ames, Arteixo, Narón, Barbadás, O Carballiño, Verín, Culleredo, A Laracha, Poio, Ordes, Vilagarcía de Arousa, Cangas e Nigrán con máis de 21 casos nos sete últimos días, e Santiago e Ourense, cunha incidencia superior a 112 casos por 100.000 habitantes segundo os datos que manexa a Xunta. Porén, nas dúas cidades estímase que esta cifra é superior a 300, segundo detallaron fontes municipais, aínda que Sanidade non achega datos concretos.

No seguinte chanzo, o nivel laranxa, están O Barco de Valdeorras, O Pereiro de Aguiar, Oleiros, Teo, Fene, Mesía, Boborás, O Porriño, Vilanova de Arousa, Carballo, Gondomar e Salvaterra de Miño, con entre 14 e 21 casos na última semana, e as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Vigo e Pontevedra, cunha incidencia entre 56 e 112 casos por 100.000 habitantes. Outros 35 concellos están no nivel 1. O resto dos municipios galegos, 246, atópanse no nivel verde, ou 0, con menos de sete casos na última semana.

No referente aos últimos 14 días, o mapa muda lixeiramente, ao amosar unha maior incidencia noutros municipios de Ourense, como O Barco, Monterrei ou O Pereiro de Aguiar, onde se chega ao nivel vermello neste limiar, aínda que na última semana as cifras estean baixando. Pola contra, concellos como Cangas, Nigrán, Poio ou Ordes concentran os seus positivos na última semana, polo que a incidencia a 14 días é menor e sitúanse, neste caso, nun nivel laranxa de alerta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes