A ocupación nas UCI de Galicia por coronavirus baixa un 25% na última semana

A comunidade rexistra o menor número de positivos das últimas tres semanas (158) e a mínima porcentaxe de persoas atendidas en hospitais

A evolución do coronavirus en Galicia nas últimas dúas semanas.
A evolución do coronavirus en Galicia nas últimas dúas semanas.

Case un mes despois de rexistrar o primeiro falecemento por Covid-19, a incidencia do virus SARS-CoV-2 na poboación galega (polo menos no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas), volve amosar sinais de que a propagación está freándose. O número de novos positivos do que informou o Ministerio de Sanidad (158) é o menor das últimas tres semanas, e dous dos indicadores máis fiables para medir o impacto máis grave da enfermidade (ingresos na UCI e falecementos) tamén desaceleran. Así, o número actual de persoas na UCI con coronavirus (126), é un 25% menor có do luns da semana pasada, cando eran 168. Ademais, aínda que xa hai que lamentar 369 falecementos, os 9 óbitos notificados entre a noite do sábado e o domingo supoñen o menor incremento dos últimos 21 días.

No resto das persoas afectadas, constátase tamén o descenso de persoas ingresadas en unidades de hospitalización, que onte pola noite eran 735. Despois de chegar ás 939 o pasado luns, a cifra baixou un 20% nos últimos sete días. O único valor que medra dentro dos casos activos é o das persoas atendidas no domicilio (nas que se inclúen tamén casos atendidos en residencias de maiores); segundo os últimos datos son 5.068 (un 85,33% do total).

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.252 persoas na área da Coruña-Cee, 591 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.166 na de Ourense-Verín-O Barco, 501 na de Pontevedra-Salnés, 1.090 na área de Vigo, 1001 na de Santiago-Barbanza, e 338 na de Ferrol.

Así foi a evolución nas últimas dúas semanas:

Observando a gráfica albíscase o crecemento dos últimos días nas áreas de Ourense-Verín-O Barco e Santiago-Barbanza, debido en boa parte aos positivos confirmados en residencias de maiores, cuxos meirandes focos están case todos nestas dúas áreas e na da Coruña. O pasado venres a área ourensá superou á de Vigo (con case o dobre de poboación) en número de casos. A zona viguesa, pola súa parte, experimentou nos últimos días un estancamento no número de casos activos, e ten catro menos có martes pasado. En Ferrol, Pontevedra e Lugo, o crecemento é moi lento na última semana.

Residencias de maiores

En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando pola súa conta o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen máis do 22% das persoas afectadas en Galicia. 923 usuarios e 416 profesionais destes centros están infectados por coronavirus. Os maiores focos están na residencia La Esperanza da Fundación San Rosendo, en Ourense, con (101 usuarios e 35 traballadores), DomusVi San Lázaro-Santiago (84 e 38), DomusVi Cangas (94 e 17), Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras (61 e 18), DomusVi Barreiro-Vigo (65 e 11), Portazgo-A Coruña (46 e 22) ou o CAPD Redondela (36 e 20).

Nas últimas horas faleceron tres novas persoas usuarias nos propios centros, nas residencias do Portazgo, DomusVi Cangas e DomusVi Barreiro-Vigo. Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 158 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 42,8% de todas as mortes) son residentes destas instalacións

A Xunta informou tamén do número de probas PCR realizadas ata o momento, con 46.110. Este é un dos métodos de detección da doenza, ademais das probas rápidas, que se están a usar en Galicia. Aquí pode verse a evolución do número de PCR e novos casos diarios das últimas tres semanas.

Esta é a situación actual en España:

Baixa o número diario de falecidos por coronavirus a 517

En Portugal:

E no mundo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.