Venres 19 Abril 2024

Os novos casos de Covid-19 remiten durante a fin de semana

A baixada na cifra de probas realizadas coincide cun menor diagnóstico; fréanse tamén as novas altas, pero mantense o ritmo de máis de 10 mortes diarias

A Dirección Xeral de Saúde Pública difundiu este luns os novos datos sobre a epidemia da Covid-19 en Galicia, o que ofrece a imaxe da información pechada ás 21 horas do domingo. Nese momento eran 6.891 as persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2, no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas (aquelas ás que se lle realizou a proba para confirmar a doenza). No tocante aos novos positivos confirmados (cifra que achega o Ministerio de Sanidad), rexístranse 62 novos casos, un novo freo despois do de onte (60 máis), o que podería gardar relación coa menor realización de probas PCR durante a fin de semana (o domingo foron 2.134 fronte ás 4.171 do venres, cando se acadou o máximo diario desde o comezo da crise).

Casos activos

Os casos activos son 35 máis có día anterior, toda vez que se descontan aos positivos confirmados as altas e os falecementos. Nos hospitais hai 15 persoas máis, ao aumentar o número en unidades de hospitalización (de 490 a 507), mentres que a ocupación nas UCI baixou (de 85 a 83). As cifras son semellantes ás de hai un mes, o 26 de marzo. Por outra banda, segundo informou o Ministerio de Sanidad, hai que contar 15 novos ingresos pola doenza nos hospitais galegos, aínda que non se corresponden co aumento de hospitalización que amosan as cifras do Sergas, xa que a diferenza coas altas concedidas opaca este número nos datos difundidos por Sanidade. Respecto ao día anterior, concedéronse 13 altas hospitalarias.

Publicidade

O resto dos casos, 6.301 (91,44% do total) están sendo atendidos no domicilio. Con todo, cómpre sinalar que nesta última porcentaxe se inclúen as preto de 800 persoas persoas usuarias en residencias de maiores, que nalgún caso teñen un prognóstico grave debido ás complicacións propias da idade. Boa parte dos falecementos dos últimos días rexístranse entre estas persoas atendidas “no domicilio”.

Falecementos e altas

No que abrangue aos falecementos, cóntanse 531 óbitos, 12 máis respecto á cifra anterior. Dos 22 falecementos que se produciron durante a fin de semana, sete corresponden a usuarios residentes en centros de maiores, e 15 a outras persoas. No primeiro dos grupos, 4 faleceron o sábado (2 na DomusVi-Matogrande da Coruña, outro na Concepción Arenal da Coruña e outro na DomusVi-Barreiro de Vigo) e outro o domingo na DomusVi-Barreiro. Ademais, outros dous usuarios faleceron en hospitais ou residencias integradas. Os datos están actualizados ás 21 horas da noite anterior, polo que é posible que as cifras de óbitos medren durante o día. Mantense o ritmo de máis de 10 falecementos diario.

Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 244 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 45,95% de todas as mortes) son residentes destas instalacións. Desde o 8 de abril, cando se comezou a informar das mortes diarias entre usuarios das residencias, máis da metade dos óbitos en Galicia corresponden a estas persoas.

A relación entre o número de casos e novas altas volve achegarse debido á menor notificación de novidades durante o sábado e o domingo, como se ve ao comprobar os datos das pasadas fins de semana, sobre todo no que respecta ás altas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública tamén informou de que se realizaron ata o momento 87.824 probas PCR, 2.134 máis, o que pode gardar relación coa menor confirmación de novos positivos. Porén, tal e como destacan os datos do Goberno español, é posible que Galicia estea diagnosticando tamén casos a través de tests de anticorpos, aínda que as informacións do Ministerio de Sanidad indican que Galicia segue sen informar de como diagnostica os casos.

Con todo, a cifra de probas PCR non se corresponde co total de persoas analizadas, xa que é habitual que se lle realicen dúas probas a un mesmo paciente (ás veces máis) para comprobar a evolución da doenza, así como as persoas ás que só se lles fixo un test de anticorpos, que tampouco se recollen nesta cifra. Con todo, nos últimos días vese que a relación de novos casos respecto ao total de probas é cada vez menor. Isto pode explicarse, ademais da remisión da epidemia o maior número de análises, co seguimento de persoas xa estudadas previamente nas que agora se confirma a desaparición do virus.

Áreas sanitarias

En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.659 persoas na área da Coruña-Cee, 662 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.315 na de Ourense-Verín-O Barco, 569 na de Pontevedra-Salnés, 1.219 na área de Vigo, 1.067 na de Santiago-Barbanza, e 400 na de Ferrol. A área que abrangue o noroeste da provincia coruñesa segue representando o maior incremento de casos, con 251 máis na última semana, mentres que a situación estabilízase no resto. Porén, a maior incidencia segue estando na provincia de Ourense.

Así foi a evolución desde o 13 de marzo:

Residencias de maiores e discapacidade

En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen o 17,66% das persoas afectadas en Galicia. 869 usuarios e 348 profesionais destes centros están infectados por coronavirus. Só en Ourense hai máis de 300 casos vinculados a estes centros, o que repercute directamente no aumento da incidencia. A cifra está descendendo nos últimos días debido á curación e ao falecemento de parte dos usuarios.

Esta é a situación actual en España:

331 mortes en 24 horas en España, que supera os 100.000 curados

E no mundo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204