A suma de 375 novas “curacións” reduce os casos activos en Galicia a 2.322

O Sergas notifica a Sanidad de só 11 casos novos diagnosticados por PCR no día con menor número de análises desde o 24 de marzo

As curacións das últimas 24 horas fixeron caer os casos activos en Galicia a 2.322.
As curacións das últimas 24 horas fixeron caer os casos activos en Galicia a 2.322.

Á espera de que os datos dos vindeiros días constaten a tendencia, a pandemia da Covid-19 en Galicia segue remitindo nos últimos días. A novidade máis relevante nos datos do martes, facilitados pola Consellería de Sanidade e o Ministerio de Sanidad, foi a notificación de 375 “infeccións resoltas”, que o Sergas determina como curacións, de persoas que deixan de figurar como casos activos. Deste xeito, as persoas afectadas polo coronavirus en Galicia son 2.322 (309 menos ca onte). Só se confirmaron 11 casos novos por PCR, no día no que o número de probas realizadas (857) foi o menor desde o 24 de marzo.

Así, as chamadas “infeccións resoltas” son xa 7.820, máis dun 72% de todas as persoas que se contaxiaron e ás que se lle fixeron probas para confirmar o contacto co virus. Ademais das altas hospitalarias e domiciliarias, nesta cifra están incluídas, segundo detallan Xunta e Goberno español, os pacientes que, por exemplo, dan negativo nunha proba PCR do coronavirus despois de ser positivo, aínda que poidan seguir ingresados no hospital. Aquí tamén se inclúen, tal e como aclara o propio Ministerio, os casos de persoas, como os positivos en tests de anticorpos, aos que se lles fixo unha proba serolóxica e non se puido evidenciar en que momento contraeron a infección, ou que mesmo puideran ser asintomáticas. Con todo, estes números sempre se corresponden co cumio da pirámide de persoas afectadas, é dicir, óbvianse aquelas persoas que puideron ter pasada a infección pero non lles foi realizada unha análise para confirmalo.

Casos activos

Así, a concesión destas case 400 altas fai baixar en boa medida os casos activos en todas as áreas sanitarias. Das 2.322 persoas, 530 están na área da Coruña-Cee, 131 están na de Lugo-A Mariña-Monforte, 362 na de Ourense-Verín-O Barco, 123 na de Pontevedra-Salnés, 626 na área de Vigo, 461 na de Santiago-Barbanza e 87 na de Ferrol. Así está a situación:

Destes casos activos, 527 están vinculados a residencias de maiores e centros de discapacidade (314 usuarios e 213 profesionais). Son o 22,69% dos afectados por Covid-19 en Galicia.

En canto á situación nos hospitais, Galicia rexistrou tamén unha das xornadas con menos ingresos novos nas últimas semanas. Segundo informa o Ministerio de Sanidad, tres persoas requiriron ser ingresadas en hospitais (ningunha delas na UCI). Actualmente hai 25 persoas na UCI e 166 noutras unidades de hospitalización, o que supón 26 menos có martes. O resto das persoas, 2.131 (un 91,77% do total), están no domicilio. Así é a situación actual:

No referido aos falecementos, a cifra de óbitos por Covid-19 medrou en dúas persoas, Ata a noite do luns informouse de 595 falecementos, dos que 269 son de usuarios de residencias de maiores (45,21%). Porén, ningunha das mortes dos últimos tres días corresponde a usuarios destes centros, segundo os datos do Sergas.

Probas diagnósticas

En canto ás probas realizadas, Sanidade informou de que se levan feitas 117.001 PCR, 857 máis có luns, o que supón a cifra máis baixa desde o 24 de marzo.

Ademais, o Ministerio recolle tamén os novos positivos confirmados desde Galicia a través de tests de anticorpos: son 1.446, 57 máis có luns. Desde o comezo da crise, diagnosticáronse en Galicia 10.737 positivos por Covid-19. Deles, 9.291 detectáronse mediante PCR e 1.446, por tests de anticorpos (neste caso, non son necesariamente infeccións novas ou recentes). Ademais, con data do 7 de maio, que en Galicia se realizaron 83.108 tests de anticorpos, dos que algo máis de 50.000 forman parte do estudo epidemiolóxico impulsado polo Sergas. Así foi a evolución da detección de casos e de probas realizadas nos últimos días:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.