Venres 19 Abril 2024

Nova onda de casos, hospitais en mínimos (por agora): claves dunha vaga moi distinta

Galicia volve superar o limiar dos 1.000 positivos diarios, pero o número de ingresos mantense estable e por baixo do 1% dos casos activos

Dezaseis meses despois, semella claro que transmitir unha crise sanitaria cun volume de datos tan inxente obriga a reinterpretar cada pouco as cifras que amosan a evolución da pandemia. A nova vaga de coronavirus, que se desatou na segunda quincena de xuño e afecta sobre todo a xente nova sen vacinar, levou ás autoridades sanitarias a frear a volta a unha relativa normalidade. É, con todas as precaucións que cómpre tomar, unha fase moi distinta da pandemia, xa que a mortalidade e os casos graves, vinculados moitas veces a xente de maior idade ou con patoloxías previas, é notablemente menor: as vacinas, cunha altísima efectividade, están a reducir as infeccións máis severas. Pero, ao mesmo tempo, un maior número de casos (e Galicia sumou máis de 1.000 este mércores) pode comprometer a saúde dalgunhas persoas, mesmo vacinadas. E a alta incidencia na xente nova tamén aumenta o risco de que, nalgúns casos, poidan xurdir complicacións. Cales son as claves a ter en conta nesta nova vaga que segue medrando?

A porcentaxe de hospitalizacións, por baixo do 1%

Os casos activos estanse a disparar nas últimas semanas. Dos menos de 1.300 do 20 de xuño pasouse aos máis de 7.200 deste mércores. Pero esta curva ascendente amosa, ao mesmo tempo, unha tendencia inversa no número de ingresos, como se pode ver baixo estas liñas:

Publicidade

Antes da 'explosión' desta última vaga, algo máis do 4% das persoas que figuraban como casos activos estaban ingresadas. A porcentaxe chegou a ser o triplo durante a terceira vaga: unha vez recibiron a alta os casos menos graves diagnosticados en xaneiro e febreiro, pero outras persoas cunha infección máis grave seguían nos hospitais, ata o 12% das persoas baixo seguimento estaban ingresadas. Na primeira onda, cando a limitación de probas diagnósticas impedía detectar máis casos, a proporción chegou a estar por riba do 20% durante semanas.

Agora mesmo, o perfil de casos provoca que máis do 99% das persoas positivas en coronavirus estean pasando a infección na casa. Nunha foi unha proporción tan elevada. Mesmo no verán de 2020, cunha mínima circulación do SARS-CoV-2 en Galicia e focos centrados en xente nova, a porcentaxe de ingresos estivo por riba do 2%.

Con todo, e tal e como advertiron os responsables da consellería de Sanidade na comparecencia deste mércores, ao anunciar o restablecemento de restricións de reunión, a posibilidade de agravamento da infección en persoas novas, e especialmente nas non vacinadas, segue presente. O doutor Pedro Rascado, membro do comité clínico,  advertiu da necesidadade de manter as medidas de prevención, lembrando que “o risco individual” de contaxiarse “segue sendo o mesmo” ca en vagas anteriores, máis tendo en conta o aumento actual da incidencia. Do mesmo xeito, o seguimento de miles de pacientes na atención primaria xera igualmente unha sobrecarga neste elo dos servizos sanitarios. A escasa asistencia aos cribados convocados nesta semana (moitas veces por baixo do 50%) provoca que siga habendo transmisión fóra do foco dos servizos sanitarios, o que podería incrementar este problema.

Así está a carga asistencial: aínda co lixeiro incremento das últimas semanas (e é probable que os ingresos sigan aumentando por mor do agravamento de parte dos novos diagnósticos), a ocupación é a mínima desde mediados de agosto de 2020.

Deste xeito, Galicia segue tendo menos do 1% das camas hospitalarias ocupadas por pacientes de Covid-19. Os falecementos tamén se están a reducir: desde comezos de xullo houbo tres óbitos por Covid-19, fronte aos 13 de xuño ou os 30 de maio, e moi lonxe dos máis de 400 de xaneiro e febreiro. Con todo, as autoridades sanitarias galegas miran con atención o que está a acontecer noutras áreas, como Cataluña, onde o aumento explosivo de casos xa está levando a unha importante suba de ingresos nos hospitais e UCIs. Ademais de posibles casos en xente non vacinada, é posible que, cunha transmisión moi elevada, o número absoluto de casos que non respondan á vacina (por exemplo, persoas inmunodeprimidas) sexa maior, a pesar da alta efectividade desta.

A fenda por idades

A vacinación está a impedir que a actual vaga sexa máis importante no eido asistencial e, deste tempo, a protección dos fármacos contra a Covid-19 marca unha fenda por idades que é patente. A maior transmisión do SARS-CoV-2 nas últimas semanas dispárase, sobre todo, nas persoas menores de 40 anos, cunha cobertura vacinal moito menor. Así foi a evolución desde finais de xuño, cando o Ministerio de Sanidad comezou a difundir os datos por idade.

E así se pode observar o efecto da vacinación: unha relación inversamente proporcional entre o número de casos por idade e a cobertura con pauta completa:

Transmisión nos concellos

O escenario actual levou esta semana ao comité clínico a incrementar o número de municipios en nivel medio ou alto de restricións. Cada día se están a detectar infeccións en concellos que levaban semanas, e mesmo meses, sen casos de coronavirus. Os datos deste xoves expoñen que 75 seguen 'libres' na última semana, e 55 aguantan sen positivos desde comezos de xullo.

Como se pode ver no mapa baixo estas liñas, a tendencia é crecente na meirande parte dos concellos. Isto é, na última semana os casos detectados superan, con moito, á metade dos detectados nos últimos 14 días. Só en Vigo, por exemplo, houbo 758 diagnósticos desde o día 7 de xullo, e en Ourense a cifra medra xa ata os 560. Outras localidades de menor tamaño, como Sanxenxo ou Vilagarcía de Arousa, xa superan o cento de casos. E noutras vilas, despois de manterse durante boa parte destes meses con menos de 10 positivos semanais, a transmisión dispárase: como exemplo están O Barco de Valdeorras (98 casos en sete días), Boiro (89), Redondela e Barbadás (58) ou Ribeira (57). Máis de 30 municipios superan os 250 casos/100.000 habitantes a sete días.

Así, tal e como avanzou este mércores a consellería de Sanidade, este novo escenario leva a redefinir o modelo de restricións que se estableceu durante os últimos meses. Ata agora, o indicador de incidencia acumulada era moi relevante para establecer, nos casos máis graves, as restricións máximas. Isto é, peche perimetral de concellos, confinamentos nocturnos ou clausura da actividade hosteleira. De atender a este criterio, e dada a elevada transmisión das últimas semanas, numerosos concellos veríanse a abocados a estas medidas. Porén, o modelo que se establecerá a partir desta semana mirará máis cara á presión asistencial dos hospitais galegos e, en concreto, a situación de cada área sanitaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes