A 'desescalada' terá tres niveis en función da situación epidemiolóxica de cada concello. Imaxe: Xunta.gal / Elaboración propia.
A 'desescalada' terá tres niveis en función da situación epidemiolóxica de cada concello. Imaxe: Xunta.gal / Elaboración propia.

Así quedan, por agora, os niveis da ‘desescalada’ en Galicia

O comité clínico acordou tres niveis de limitacións que afectan á mobilidade, as reunións con outras persoas e á apertura da hostalaría

(Actualización): Sanidade anuncia máis cambios no mapa de restricións: así estará o teu concello.

O comezo da ‘desescalada’ en Galicia, despois de superar o cumio da terceira onda, a máis severa en canto ás cifras de falecementos e carga asistencial nos hospitais, xirará en tres eixes principais, segundo informou este luns o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo. Levántanse parte dos peches perimetrais, permítense nalgúns casos as reunións entre persoas non conviventes e comeza a reapertura da hostalaría, entre outras medidas. Alén do peche conxunto das áreas sanitarias de Coruña, Ferrol e Pontevedra (no nivel ‘medio’ das novas medidas), e dos concellos en niveis de restricións máximas, non se aclarou que municipios estarán nos dous seguintes chanzos da ‘desecalada’.

Isto é o que se sabe por agora:

En todo o territorio de Galicia

  • ‍‍Comezo das clases presenciais na universidade o 1 de marzo.
  • Reapertura dos centros comerciais nas fins de semana.

Segundo informou o presidente da Xunta, o comité clínico aprobou que se retomasen os distintos niveis de restricións en función da situación epidemiolóxica de cada zona de Galicia. Entre outras variables, avaliarase a incidencia acumulada a 3, 7 e 14 días ou a carga asistencial nos hospitais. Estableceranse por tanto tres niveis:

IA de máis de 500 casos/100000 habitantes

  • Mantense o peche perimetral.
  • Reunións de só conviventes.
  • Hostalaría pechada.
  • Os 17 concellos afectados por esta situación (o 2,6% da poboación) son Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, O Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, A Pontenova, Toques e Xunqueira de Espadanedo.

IA entre 250 e 500 casos/100000 habitantes

  •   Reunións de ata 4 persoas non conviventes.
  •  Apertura da hostalaría en exterior ao 50% e ata as 18 horas
  • Mobilidade permitida entre concellos con estes mesmos indicadores
  • Entran nesta situación todos os concellos das áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra, ademais de algúns pertencentes ás áreas de Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Son en total 107 concellos nos que vive o 43% da poboación.
  • As áreas da Coruña, Ferrol e Pontevedra manteranse pechadas perimetralmente, isto é: unha persoa de Santiago, Lugo, Ourense ou Vigo pode moverse polos concellos co seu mesmo nivel de incidencia, pero non entrar agás causa xustificada, nas áreas de Coruña, Ferrol e Pontevedra.

Así, a mobilidade estará restrinxida aos concellos de A Coruña, A Laracha, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cambre, Carral, Cee, Cerceda, Coirós, Coristanco, Culleredo, Curtis, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laxe, Miño, Muxía, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Sobrado, Vilasantar, Vimianzo e Zas, na área da Coruña-Cee.

Na área sanitaria de Ferrol, os cidadáns poderán moverse polos municipios da Capela, Ares, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño, Valdoviño e Vilarmaior.

E na área de Pontevedra-O Salnés, a mobilidade estará permitida sempre que sexa dentro dos concellos da Illa de Arousa, A Lama, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Marín, Meaño, Meis, Moraña, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

IA menor a 250 casos/100000 habitantes

  •  Reunións de ata 4 persoas non conviventes.
  •  Apertura de hostalaría cun límite do 30% no interior e 50% en terrazas ata as 18 horas.
  • Mobilidade permitida entre concellos con estes mesmos indicadores
  • Permitida a práctica deportiva en grupos de ata catro persoas.
  • Nesta situacións estarán 189 concellos co 54% da poboación, pertencentes ás áreas de Santiago, Lugo, Ourense e Vigo.

Máis detalles

O novo escenario acordado polo comité clínico entrará en vigor este venres devolverá, deste xeito, unha estratexia semellante á da desescalada avanzada a comezos de decembro, despois de acometer peches perimetrais, limitacións de reunión e peches na hostalaría nos concellos con maior incidencia. Todo queda pendente dos detalles que se reflictan no Diario Oficial de Galicia.

A situación máis complicada mantense nas áreas da Coruña, Ferrol e Pontevedra, polo que a Xunta manterá o peche perimetral no conxunto de cada unha delas (agás os concellos no nivel máximo de restricións, nos que o peche será municipal).

Probablemente, segundo avanzou Feijoo, a área de Pontevedra poida ver relaxadas as limitacións na vindeira semana. A Coruña e Ferrol probablemente teñan que agardar máis tempo. Do mesmo xeito, é probable que a evolución nestes días poida modificar lixeiramente a relación de concellos que se sitúan en cada un dos niveis anunciados hoxe.

O presidente da Xunta tamén aclarou que se mantén o peche perimetral da comunidade respecto ás outras autonomías, así como o confinamento nocturno a partir das 22 horas.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.