Venres 29 Marzo 2024

Cando e onde hai máis risco de incendio en Galicia?

Todos os veráns, os servizos de prevención e extinción de incendios atópanse en Galicia con varios días críticos. Son as temidas condicións 30-30-30 (máis de 30ºC de temperatura, ventos de máis de 30 km/h e menos dun 30 por cento de humidade). Non en tanto, hai moitos máis factores a ter en conta, moitas veces humanos, que incrementan ou diminúen a posibilidade de que se produzan lumes e a voracidade dos mesmos. Un estudante galego, Alejandro Gómez Pazo, vén de presentar un traballo no que propón un modelo de perigo de ignición forestal en Galicia.

A investigación partiu do traballo de fin de máster que Alejandro realizou na Universidade de Alcalá. Nesta institución, segundo el mesmo explica, levan anos traballando no estudo dos incendios forestais a través da teledetección, polo que considerou que era “un lugar propicio” para analizar a problemática dos incendios en Galicia. Os resultados foron publicados na Revista Geográfica do Sur, de Chile, nun artigo asinado xunto ao director do seu TFM, Javier Salas. Alejandro Gómez cursou o Grao de Xeografía e Ordenación do Territorio na USC, obtendo o Premio Extraordinario de Fin de Carreira, e posteriormente realizou o Máster en Tecnoloxías da Información Xeográfica na Universidade de Alcalá de Henares.

Publicidade

Alejandro é graduado en Xeografía e Ordenación do Territorio pola USC con Premio Extraordinario.
Alejandro é graduado en Xeografía e Ordenación do Territorio pola USC con Premio Extraordinario.

A investigación ten en conta diversas variables que inflúen nos lumes, tanto humanas como naturais. Dese xeito, pódese comprobar a importancia de cada un dos factores que concorren. Segundo explica Alejandro Gómez, “a partir desta información é posible xerar, dun modo automatizado, modelos de perigo de ignición para días concretos a partir das capas de ocorrencia natural e humana xerada exclusivamente para este estudo”.

Así, este modelo pode prever “onde será máis probable que se produza un incendio forestal e tomar as medidas oportunas para tratar que este non se produza ou, cando menos, que as súas consecuencias sexan as mínimas posibles”. Como dato a subliñar, Alejandro Gómez sinala que “as parroquias de maior risco de incendio recollidas no Pladiga 2016 correspóndense, na maioría dos casos, coas zonas de alto perigo de ignición humana do modelo”.

As zonas de risco do modelo coinciden coas sinaladas no Pladiga

Para levar a cabo o traballo, o estudante galego recolleu, en primeiro lugar, os datos precisos para desenvolver o modelo. A continuación, realizou os cálculos “a través de técnicas de Regresión Loxística Ponderada Xeográficamente (GWLR)”. Engade Gómez Pazo que “en ambos casos se empregaron os valores das variábeis tipificadas que se demostraron explicativas e o número de incendios que se produciron en Galicia para o período 1974-2012, segundo a base de datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Medio Ambiente distribuídos no territorio”.

A partir do perigo asociado, segundo engade o investigador, “empregáronse os datos meteorolóxicos e de estado hídrico para o verán do 2013 para así obter o modelo final de perigo de ignición para tódolos días dese verán”. E con estes datos, fíxose a comparacións cos focos de calor do satélite MODIS. Con estes resultados procedeuse á validación do modelo. Conta, segundo o seu autor, “cun 60 por cento de acerto”. A cifra, con todo, podería mellorar comparando o modelo cos datos reais dos incendios rexistrados.

“Coido que o modelo podería ser perfectamente aplicábel polas Administracións Públicas. De feito, desde algúns destes entes teñen acceso a unha información moito máis precisa, que non está dispoñible libremente, e que podería facer mellorar a certeza sobre aquelas áreas que presentan un maior perigo”, engade Alejandro Gómez.

As zonas de maior risco

Cos resultados na man, obsérvase que, nos incendios intencionados, “as zonas de maior perigo localízanse no sur da provincia de Pontevedra e no este da de Ourense”. En canto aos incendios naturais, ás áreas de maior incidencia “cínguense á zona oriental de Lugo e a pequenas áreas na zona central de Ourense”.

Porén, e como sinala o autor do modelo, “as causas humanas teñen un papel fundamental nos lumes que se producen en Galicia, como se acostuma extraer das estatísticas anuais. Así mesmo, o porcentaxe de acerto do modelo podería ter un valor superior ao obtido neste estudo se o mesmo se puidese validar coa información dos incendios producidos en Galicia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.