Máis de 70 concellos xa teñen vacinada a máis do 90% da poboación diana

A cobertura vacinal avanza en todo o territorio, con cidades con Santiago, Lugo ou Ferrol con máis do 90% da poboación cunha dose

A campaña de vacinación contra a Covid-19 afronta unha nova fase en Galicia, ás portas de que o 80% de toda a poboación teña postas a pauta completa da vacina, un novo fito que moi probablemente se acadará antes deste venres. Á espera da aprobación dos fármacos dispoñibles na poboación menor de 12 anos, máis de 9 de 10 das persoas que superan esa idade acudiron á recibir, polo menos, unha das doses. O avance, centrado nos últimos días nas franxas de idade máis mozas e na ‘repesca’ de persoas que non acudiron ás primeiras convocatorias, é patente en todo o territorio. E tamén se pode ver con maior detalle nos 313 concellos, segundo datos que facilitou de novo este mércores a Xunta, despois do primeiro avance de vacinación por municipios que achegou a finais de agosto.

Se daquela eran nove municipios os que superaran a barreira do 90% de poboación diana (tendo en conta a poboación de 12 ou máis anos con tarxeta do Sergas), menos de 10 días despois xa son máis de 70. Trátase, en moitos dos casos, de concellos cunha alta idade media dos seus habitantes e, por tanto, con pouca xente nova, o que acelerou a cobertura na primeira fase da campaña. Encabezan esta ‘clasificación’ Montederramo (94,38% da poboación de 12 ou máis anos xa vacinada), Vilar De Barrio (94,23%), Baleira (93,99%), Sobrado (93,87%), A Capela (93,57%), Abadín (93,51%) e Frades (93,28%).

Con todo, a cobertura sitúase por riba do 80% en máis de 300 concellos, entre eles as sete principais cidades. Só catro (A Lama, Beariz, Avión e Negueira de Muñiz) teñen menos do 70%, aínda que nestes casos esta baixa porcentaxe pode deberse á estacionalidade da poboación dos concellos e outros factores que infrarrepresentan a cobertura real.

A meirande parte dos concellos, por riba do 90% con 1ª dose

O Sergas achegou igualmente a información sobre a proporción de persoas que recibiron a primeira dose. Nesta listaxe son 228 os municipios que están por riba do 90%, o que dá conta da alta resposta da poboación galega á chamada á vacinación. Ata 30 concellos teñen xa ao 95% da poboación coa primeira das inxeccións postas, e tres das cidades (Santiago, Ferrol e Lugo), superan o 90%. As cifras máis altas están en Sobrado (97,2), A Capela (96,92), Larouco (96,78), O Pino (96,52), Vilar de Barrio (96,44) e Frades (96,34).

Nos vindeiros días, esta cobertura seguirá medrando a bo ritmo, toda vez que Galicia recibiu esta semana un novo envío de 137.404 doses que se destinarán a completar a pauta nos colectivos de idade máis novos e a inxectar ás persoas que ata agora non acudiran a vacinarse e agora poidan e decidan facelo.

Así, o sábado 11 abriranse os puntos de vacinación masiva para que calquera persoa maior de 12 anos que aínda non recibise ningunha dose poida facelo sen cita previa. Isto compleméntase coas autocitas abertas nas últimas semanas e cos espazos que se habilitarán a semana que vén nos sete campus universitarios do país para que os estudantes e persoal administrativo e docente das universidades reciban a súa dose. O obxectivo da campaña, segundo anunciou este mércores o presidente da Xunta, é que o 19 de setembro, co comezo do curso lectivo, toda a poboación maior de 12 anos teña polo menos unha dose do fármaco contra a Covid-19.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.