Sábado 20 Abril 2024

A incidencia da Covid-19 en Galicia na última semana é a menor de España

A comunidade cumpre o terceiro día sen notificar diagnósticos no día previo e sen ningún falecido, mentres que os casos activos baixan a 707

Os datos que achegou este martes o Ministerio de Sanidad sitúan a Galicia como a comunidade autónoma con menor incidencia acumulada en canto aos casos diagnosticados nos últimos sete días. Con 14 diagnósticos nos últimos sete días, a taxa por 100.000 habitantes é do 0,52, case 10 veces menor cá media de España (5,51). Ademais, a comunidade galega é a única que suma tres días seguidos sen notificar novos casos a Sanidad, e cumpre, segundo as informacións da Consellería de Sanidade e o Ministerio do mesmo ramo, o mesmo período de tempo sen rexistrar novas mortes.

Estes datos, con todo, están suxeitos á revisión individualizada que está a facer Sanidad, segundo insiste nas súas comparecencias diarias o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón. Unha das principais distorsións dos datos é a referente ás mortes, xa que mentres as comunidades autónomas seguen informando dos falecementos diarios, o Ministerio de Sanidad só actualiza a serie histórica de forma semanal, e informa das mortes en cada unha das rexións administrativas nos últimos sete días.

Publicidade

No período das últimas semanas, Galicia notificou 69 novos casos, aínda que só 14 iniciaron síntomas neste período de tempo. Na cifra de referencia dos últimos sete días, as autoridades sanitarias galegas informaron ao Ministerio de 14 diagnósticos, dos que só 4 comezaron a manifestar síntomas neste tempo. Segundo a nova estratexia, desde o 11 de maio considéranse casos os confirmados mediante proba PCR ou ben os detectados con proba serolóxica que detecte anticorpos IgM (os máis temperáns) cando haxa síntomas compatibles coa Covid-19.

Casos activos

No conxunto de Galicia, estase a seguir a 707 persoas como casos activos por coronavirus, 15 menos có luns, segundo a cifra que facilita a Consellería de Sanidade. Delas 158 están na área da Coruña-Cee, 39 son da de Lugo-A Mariña-Monforte, 68 da de Ourense-Verín-O Barco, 28 da de Pontevedra-Salnés, 259 da de Vigo, 135 da de Santiago-Barbanza, e 20 da de Ferrol.

A ocupación dos hospitais é menor que o 13 de marzo, o día que se anunciou o estado de alarma. Tres persoas están ingresadas na UCI, e outras 27 están noutras unidades de hospitalización. O resto de pacientes, 688, é dicir, case o 96% dos casos activos están atendidos no domicilio. Ademais, xa son 9.991 as persoas que foron diagnosticadas de Covid-19 en Galicia e que superaron a infección.

En canto aos falecementos, a Xunta de Galicia dá conta de 616 óbitos, mentres que Sanidad confirma 609 debido a que aínda está realizando a validación de cada caso para corrixir a serie histórica, que o Ministerio actualizará semanalmente.

No referente ás residencias de maiores e centros de discapacidade, seguen activos 81 casos (36 usuarios e 39 profesionais). Desde que comezou a crise, faleceron 273 usuarios destes centros (132 nas propias residencias e 141 en hospitais ou residencias integradas).

Serie de casos

As informacións incompletas sobre a evolución da pandemia por parte da Consellería de Sanidade, así como os diversos cambios de criterio por parte do Ministerio de Sanidad que dificultaron, do mesmo xeito, o seguimento da serie de casos desde o comezo da crise dificultan seguir ao detalle día a día as cifras. Con todo, da suma de casos activos, curacións e falecementos que ofrece Sanidade pode tirarse o total de infeccións por Covid-19 detectadas en Galicia, que ascenderían este luns a 11.314.

Con todo, este dato non é sinónimo de persoas enfermas, xa que só 9.130 delas se contabilizan, segundo o Ministerio de Sanidad, como casos. As outras 2.184 persoas puideron dar positivo por outras probas de anticorpos, pero non manifestaron síntomas da doenza. Deste xeito, nos últimos días, aínda que Galicia non estea detectando case ningún novo caso, a cifra de infeccións totais segue medrando, toda vez que a validación que está a realizar Sanidad está a incluír positivos detectados pero que non necesariamente se corresponden aos últimos días.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos