Hoxe é a mellor noite para ver as Leónidas: así poderás facelo

A previsión de ceos despexados para esta noite en boa parte de Galicia coincide co máximo de intensidade desta choiva de estrelas

As Leónidas teñen o seu radiante na constelación de Leo. Foto: Pixabay.
As Leónidas teñen o seu radiante na constelación de Leo. Foto: Pixabay.

Despois duns días de precipitacións, e con previsión de chuvias para martes e mércores, a previsión de ceos despexados en Galicia para este luns ofrece unha paréntese que coincide tamén cunha boa oportunidade para observar o ceo. Na noite do luns 16 ao martes 17 producirase o punto máximo da choiva de estrelas das Leónidas, con meteoros procedentes do cometa Temple-Tuttle.

A pesar das limitacións de mobilidade e o confinamento nocturno por mor da pandemia da Covid-19, é posible observar a choiva das Leónidas, mellor cara á parte final da madrugada, mirando cara ao radiante de donde xorden boa parte dos meteoros, arredor da constelación de Leo (de aí o seu nome). Porén, centrando a vista nesta parte do ceo, cara ao este-sueste, cómpre prestar atención a todo o firmamento para observar posibles meteoros que cheguen a maior distancia.

Como serán as Leónidas?

Os patróns de intensidade varían ao longo dos tempo, xa que a traxectoria do Temple-Tuttle acada cada 33 anos o seu perihelio (o punto máis próximo ao Sol) e isto causa un maior desprendemento de meteoros. Agárdase que o próximo máximo se produza entre os anos 2032 e 2033, despois de que entre 1999 e 2000 se viviran anos cunha importante intensidade. Cando a Terra pasa posteriormente pola órbita do comenta, as partículas, ás veces do tamaño dun gran de area, entran en contacto coa atmosfera e desintégranse formando vistosas estrelas fugaces.

Aínda que 2020 non se prevé como un ano especialmente intenso, será máis fácil velas porque a Lúa atópase en fase crecente despois de que fose nova este domingo 15, e por tanto o seu brillo apenas afectará á observación do ceo.

As Leónidas teñen o seu radiante na constelación de Leo (no centro da imaxe). Así se verá o ceo ás 6.25 da madrugada do martes. Fonte: Stellarium.
As Leónidas teñen o seu radiante na constelación de Leo (no centro da imaxe). Así se verá o ceo ás 6.25 da madrugada do martes. Fonte: Stellarium.

As Leónidas na historia

Algúns dos episodios máis intensos das Leónidas deixaron pegadas na arte. Por exemplo, en 1833, a frecuencia de meteoros foi tal que na costa leste dos Estados Unidos se produciron escenas de pánico, ao pensar que o ceo estaba pouco menos que caendo sobre a Terra. Algunhas estimacións realizadas sobre aquel episodio apuntan a que durante unha noite puideron caer máis de 200.000 meteoros. O acontecemento deixou unha importante pegada na sociedade, dando pé, segundo algunhas fontes, ao desenvolvemento dos movementos relixiosos adventistas no país.

As Leónidas de 1833 nos EUA nun gravado de Adolf Volmy.
As Leónidas de 1833 nos EUA nun gravado de Adolf Volmy.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.