A crise da Covid-19 marca boa parte das palabras finalistas.
A crise da Covid-19 marca boa parte das palabras finalistas.

‘Gromo’, ‘máscara’, ‘nós’, ‘pandemia’, ‘seteiro’ e ‘vacina’ optan á Palabra do Ano 2020

A crise da Covid-19, presente en moitas das propostas enviadas á RAG, na que participaron máis de 5.500 persoas; poderase votar ata o 25 de decembro

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren esta semana a fase de votación popular telemática que decidirá cal destas seis voces será a Palabra do Ano 2020: gromomáscaranóspandemiaseteiro ou vacina. Os seguidores do Portal das Palabras, o proxecto para a difusión do léxico galego promovido por ambas as institucións, poderán escoller ata as 23:59 horas do 25 de decembro nesta ligazón entre os termos que resultaron finalistas na primeira fase de recollida de suxestións, na que participaron máis de 5.500 persoas. Como era de agardar, moitas das propostas recibidas teñen que ver coa grave situación sanitaria que se rexistra a nivel mundial por mor da propagación do SARS-CoV-2. Pero tamén hai quen prefire centrarse nalgunhas das cousas boas desde ano e celebrar efemérides destacadas como o centenario da xeración Nós; ou mesmo evadirse e animar a coñecer mellor o ceo e os seus nomes, como suxire a presenza entre as finalistas dun dos xeitos de chamarlle á constelación que na nomenclatura latina se designa como Sagittarius.

Gromomáscara pandemia son tres exemplos destacados das múltiples palabras presentes nos dicionarios que gañaron nos últimos meses un novo significado na vida cotiá e mesmo nas obras lexicográficas. Ata este ano, a acepción de gromo que recollía o dicionario en liña da Academia limitábase á relacionada coa botánica, a que designa o pequeno vulto que lles sae aos vexetais no talo ou nas pólas e que se vai transformando en novas pólas, follas ou flores. Pero a pandemia de coronavirus levou á RAG a engadirlle o significado de aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, así como o de primeira manifestación ou aparición de algo. O coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel Gonzálezexplicou nun artigo na Tribuna de academia.gal os detalles desta escolla.

Máscara, na acepción referida ao aparello que cobre a cara ou parte dela como protección das vías respiratorias, é outro termo que deu o salto dos contextos sanitarios á rúa ao se estender o seu uso como medida preventiva da Covid-19. Nas últimas semanas gaña tamén forza nas conversas a voz vacina, a grande esperanza que fixo máis levadío este annus horribilis. A ela lle dedica o Portal das Palabras un dos seus últimos contidos, no que se explica a relación do termo cun animal ben propio de Galicia: xorde a finais do século XVIII e deriva do latín científico variola vaccina que significaba ‘varíola das vacas’.

En canto a seteiro, esta é unha das denominación propostas pola RAG para o grupo de estrelas chamadas en latín Sagittarius. Figura canda arqueiro na listaxe de nomes galegos das constelacións –presentada recentemente na Casa das Ciencias da Coruña–, froito da colaboración do Seminario de Terminoloxía da Academia e divulgadores da astronomía. De igual xeito, para a constelación Sagitta proponse a dobre denominación seta ou frecha. A primeira é a forma patrimonial máis en consonancia coa etimoloxía latina para se referir á arma consistente nunha barra fina rematada en punta, se ben constitúe un arcaísmo e hoxe a forma máis transparente para os falantes é a segunda. A parella setaseteiro presenta en calquera caso algunhas vantaxes, entre elas evitar os problemas da polisemia de arqueiro (que tamén significa fabricante ou vendedor de arcos) e sobre todo da sinonimia con outro arqueiro, o fabricante ou vendedor de arcas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.