O Goberno español propuxo este venres que toda Galicia pase á fase 1 da chamada “desescalada”. O ministro de Sanidad, Salvador Illa, e o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, anunciaron os detalles nunha comparecencia na tarde do venres. En total, segundo expuxo Illa o 51% da poboación española entrará o vindeiro luns nesta etapa. Por agora non estará permitida en ningunha área do territorio estatal a mobilidade entre provincias.
Criterios
Na comparecencia, Simón deu conta da decisión do Executivo español en atención aos marcadores cos que se valorou o paso á seguinte fase. En primeiro lugar, detallou que todas as comunidades e provincias eran capaces de cumprir co número de camas de UCI e agudos que se detallaran desde Sanidad, polo que se pasaron a ter en conta outros detalles, como os novos casos diagnosticados, a capacidade de detectar de forma precoz posibles focos, a gravidade dos casos actuais ou o número de falecidos, ademais doutros factores.
O paso de fase, por zonas
Ademais, de Galicia, avanzan na “desescalada” a totalidade dos territorios das autonomías de Asturias, Cantabria, País Vasco, Navarra, La Rioja, Aragón, Extremadura, Baleares, Canarias, Ceuta e Melilla, ademais de seis provincias de Andalucía (Huelva, Sevilla, Cádiz, Jaén, Córdoba e Almería), dúas de Castilla-La Mancha (Guadalajara e Cuenca), a provincia de Tarragona e a rexión de Alt Pirineu i Aran (as zonas menos afectadas de Cataluña), así como determinadas zonas da Comunidade Valenciana, maiormente na provincia de Alicante, e unha pequena parte das áreas básicas de saúde de Castilla y León, sobre todo na provincia de Palencia e leste de León.
Por outra banda, alén das comunidades que non solicitaron pasar á fase 1 (a maior parte de Cataluña e Castilla y León), o Goberno tampouco dou luz verde á petición de Madrid, as provincias de Toledo, Albacete e Ciudad Real (Castilla-La Mancha), as provincias de Málaga e Granada (Andalucía), e a maior parte das provincias de Valencia e Castellón.
Que significa pasar á fase 1?
Aínda que para coñecer todos os detalles haberá que agardar á publicación do Boletín Oficial do Estado na mañá do sábado, as previsións do Ministerio de Sanidad xa avanzaron algúns detalles sobre o levantamento de restricións. Por exemplo, permitiranse as reunións de ata 10 persoas respectando a distancia de seguridade, a apertura do comercio baixo condicións estritas de seguridade, agás os centros comerciais (debido ás posibles aglomeracións de persoas), a apertura dos hoteis e outros establecementos turísticos ou a celebración de mercados de proximidade. As terrazas da restauración poderán abrir ao 50% da súa capacidade garantindo a distancia de seguridade, e o sector agroalimentario e pesqueiro reanudará as actividades que mantiña con restricións.
Levantaranse tamén as restricións aos deportistas profesionais e afeccionados e permitirase a celebración de actividades culturais ao aire libre con menos de 30 persoas en lugares pechados e menos de 200 ao aire libre, así como visitas a museos con aforo limitado.
Tamén se permitirán os velorios cun número máximo de 15 persoas ao aire libre e 10 en espazos pechados. A comitiva para o enterro ou cremación reducirase a 15 persoas.