Venres 19 Abril 2024

GCiencia súmase ao principal plan estatal de cultura científica

O portal presenta, en colaboración coa USC, a serie de vídeos "Desmontando Mitos", financiada pola Fecyt, para fomentar o pensamento crítico

O portal GCiencia, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), incorpórase neste ano á convocatoria da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) para o desenvolvemento de iniciativas de fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. Co apoio deste plan de divulgación, difundirase nas vindeiras semanas a serie audiovisual “Desmontando Mitos“, na que investigadores e investigadoras da USC abordarán diversas cuestións de actualidade e outras crenzas espalladas na opinión pública desde unha perspectiva crítica e científica.

A proposta de GCiencia e a USC foi unha das seleccionadas na liña de fomento do pensamento crítico, unha das cinco liñas de actuación que contempla o programa da Fecyt. Esta serie de proxectos, novidade na última convocatoria de divulgación, ten por obxectivo dotar á sociedade dos instrumentos precisos para revisar as múltiples mensaxes e contidos que cada día se reciben en diversos formatos, e poder distinguir os datos falsos ou non suficientemente contrastados. Alén disto, esta liña de proxectos apoia as accións dirixidas a formar á cidadanía na metodoloxía e características principais do método científico como paso clave e esencial na loita contra as pseudoterapias e as pseudociencias.

Publicidade

Así, a serie “Desmontando Mitos”, que se estreará esta semana, contará coa participación de persoal docente e investigador da USC en 10 pezas audiovisuais de entre tres e catro minutos de duración, que se difundirán a través de GCiencia e as súas canles nas redes sociais. Entre as cuestións a tratar figuran algunhas vinculadas á pandemia da Covid-19, como os bulos desinformativos, a suposta relación coa rede de telecomunicacións 5G ou a orixe do SARS-CoV-2, a posible influencia dos ciclos lunares no carácter das persoas ou os partos, o cambio climático, as dietas alimentarias sen base científica, ou as crenzas sobre o comportamento das mascotas como os cans e os gatos.

Fragmento dunha das pezas de "Desmontando Mitos" con Olga Barca, investigadora do CiMUS da USC.
Fragmento dunha das pezas de “Desmontando Mitos” con Olga Barca, investigadora do CiMUS da USC.

Estas pezas irán acompañadas dun artigo no que se afondará en cada un dos asuntos e cadanseu ‘quiz’, un cuestionario de 10 preguntas para que as persoas poidan poñer a proba os seus coñecementos nos temas tratados. Un dos obxectivos de “Desmontando Mitos” é achegar o pensamento crítico ao eido educativo, polo que os audiovisuais estarán tamén enfocados ao seu uso nas aulas.

Así, a serie pretende, deste xeito, impulsar a interacción e a participación nestas cuestións a través das redes sociais, un dos principais terreos nos que se propagan as mensaxes desinformativas e pseudocientíficas nos últimos anos.

A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología é unha entidade adscrita ao Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e traballa para reforzar o vínculo entre a ciencia e a sociedade mediante accións que promocionen a ciencia aberta e inclusiva, a cultura e a educación científicas, dando resposta ás necesidades e retos do sistema español de ciencia, tecnoloxía e innovación.

GCiencia xa participou en edicións anteriores da convocatoria da Fecyt, poñendo en marcha iniciativas como A Ciencia dos Porqués, Ciencia en Vivo, Innovar para Emprender ou BioGalicia, que acadaron unha importante repercusión.

A participación na convocatoria da Fecyt pecha así un 2020 que supuxo un novo pulo para o labor de GCiencia, que recibía hai unhas semanas o Premio da Crítica de Galicia “polo fomento e transmisión de contidos científicos e tecnolóxicos en lingua galega e dirixidos a un público xeralista”. Ao longo da súa traxectoria, iniciada en 2013, o portal obtivo outros galardóns como o de Xornalismo Dixital do Foro da Comunicación de Galicia (2015), o Galicia de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias (2017), o Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores de Normalización dá Lingua (2019) o Rosalía de Castro de Cultura Galega que outorga a Deputación da Coruña (2019), e o Prisma ao Mellor Novo Medio, o premio da divulgación científico de maior prestixio en España (2019).

Alén do crecemento constante na repercusión e no alcance das súas publicacións, a chegada da pandemia da Covid-19 supuxo un aumento moi relevante nas cifras de visitas a gciencia.gal e as súas redes sociais. GCiencia pecha 2020 con máis de 24 millóns de visitas, picos de ata 5,5 millóns de visitas mensuais, e con máis de 2 millóns de visitantes únicos acumulados. Son datos que o sitúan na cabeza entre os nativos dixitais en Galicia, e como quinto medio de Galicia na internet, incluídos os xeralistas con versión en papel.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural