As máis de 43.000 doses inxectadas entre o luns e o martes supoñen a maior cifra, por riba do teito das 36.000 que se acadaran ata o momento en varios días da campaña. Imaxe: Sanidade/elaboración propia.
As máis de 43.000 doses inxectadas entre o luns e o martes supoñen a maior cifra, por riba do teito das 36.000 que se acadaran ata o momento en varios días da campaña. Imaxe: Sanidade/elaboración propia.

Galicia supera o seu récord de vacinación: máis de 43.000 doses nun só día

Case o 32% da poboación ten unha dose, e o 15% recibiu a pauta completa; esta porcentaxe sobe ao 37% nos maiores de 60 anos

O 1,6% da poboación galega recibiu este martes unha dose da vacina contra a Covid-19. A campaña de vacinación masiva en espazos multiusos, hospitais, centros de saúde e domicilios superou o 4 de maio un novo fito, con máis de 43.000 doses inxectadas en só 24 horas, segundo os datos da Xunta de Galicia e o Ministerio de Sanidad. Deste xeito, o 14,54% da poboación ten a pauta completa, e un 31,81%, algunha dose, polo menos.

O rápido avance da inmunización nos últimos días está a posibilitar que a pauta case se completase nas persoas maiores de 80 anos. Este martes, segundo o Ministerio de Sanidad, o 94,4% do censo desta idade xa ten as dúas doses. E nesta semana estase a completar a vacinación a gran velocidade nas persoas do grupo 70-79, que en Galicia representan case o 20% das mortes por Covid-19 desde o comezo da pandemia.

Á espera de que o Ministerio de Sanidad consolide os seus datos na actualización deste martes pola tarde, Galicia, como o resto de comunidades, achégase ao obxectivo de inxectar canto menos unha dose da vacina contra a Covid-19 a todas as persoas maiores de 60 anos antes de finais do mes de xuño. Ata este domingo, xa recibiran polo menos unha inxección o 74,5% de persoas en Galicia, isto é, 3 de cada 4 habitantes maiores de 60 anos; e máis de 1 de cada 3 (37,5%) ten a pauta completa.

Esta semana, unha vez completada a vacinación na gran maioría das persoas maiores de 80, os esforzos estanse centrando na segunda inxección ao grupo 70-79 e a primeira dose ao grupo 60-69, que ata o momento ía máis atrasado na campaña por mor da suspensión temporal das vacinas de AstraZeneca e Janssen.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.