Venres 19 Abril 2024

Galicia supera os 500 casos de coronavirus nun día por primeira vez desde febreiro

A transmisión do SARS-CoV-2 espállase polos concellos, e un de cada 250 persoas de entre 12 e 29 anos deu positivo nas últimas dúas semanas

O rápido aumento da transmisión do coronavirus SARS-CoV-2 entre poboación non vacinada nas últimas semanas está a amosar cifras que xa semellaban esquecidas no . Como é patente, debido á menor gravidade dos novos casos detectados, o escenario é moi distinto ao de febreiro, en niveis máximos de hospitalizacións e máis de 20 falecementos diarios por mor da Covid-19. Pero non é menos certo que hai que remontarse ata a segunda semana de febreiro para que nun só día se confirmasen máis de 500 infeccións en Galicia por mor do coronavirus. Estes datos elevan a incidencia ata os 400 casos/100.000 habitantes nos grupos de entre 12 e 29 anos; isto é, un de cada 250 mozos e mozas galegos tiveron un diagnóstico de coronavirus nas últimas dúas semanas.

Así, cunha taxa media en Galicia de 122, os colectivos de maior idade, por riba dos 50 anos, mantéñense por baixo de 50. Segundo os datos do Sergas, o 99% das mortes por Covid-19 desde marzo de 2020 producíronse nas persoas maiores de 50 anos, ao igual que unha gran maioría das hospitalizacións. Tal e como se deduce, o escenario actual nos hospitais segue moi lonxe do da primavera de 2020 e o inverno de 2021. Así, aínda que a ocupación tivo un mínimo incremento nas últimas semanas, está por baixo do comezo da segunda onda do outono de 2020. Menos do 1% das camas hospitalarias de de UCI están ocupadas por pacientes de Covid-19.

Publicidade

Cada vez máis concellos con transmisión

As cifras xerais do aumento desta nova vaga, moi distinta ás anteriores pero, en definitiva, cun aumento notable de diagnósticos, xa se observa ao descender ao ámbito municipal. As restricións establecidas nun feixe de concellos (Sarria, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa; e Culleredo, Ribadavia, Ourense, Barbadás, Caldas de Reis, Poio, Pontevedra, Marín, Redondela e Salceda de Caselas, en nivel medio), e que entran en vigor na medianoite deste venres ao sábado, poderían estenderse se a tendencia continúa no camiño dos últimos días.

A progresión dos últimos 7 días respecto á imaxe global das dúas semanas anteriores é un dos indicadores que as autoridades sanitarias manexan para controlar de forma rápida os posibles brotes locais. E en atención a este sinal de alerta, son numerosos os concellos galegos que amosan unha tendencia desfavorable. A incidencia está medrando rápidamente en cidades como Vigo, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela e Ferrol, mentres que o crecemento é máis moderado na Coruña e Pontevedra, con maiores restricións pola transmisión vinculada a viaxes estudantís, está a diminuír.

En vilas de tamaño medio, hai varios casos nos que o comité clínico e as autoridades sanitarias poñen o foco polos novos casos detectados nos últimos días. É o caso de Vilagarcía de Arousa, con 70 casos na última semana, Cambados (37), Redondela (35), Oleiros (32), O Barco de Valdeorras (29), Barbadás (28), A Illa de Arousa (25), Ribadavia (22) ou Boiro (21).

En canto ao indicador da incidencia acumulada (que pode estar distorsionada pola escasa poboación dun determinado concello), xa son 41 os municipios que superan os 125 casos/100.000 habitantes nos últimos sete días, o que podería conducir a novas restricións nalgúns deles a partir da semana que vén.

Na outra banda, cada vez son menos os concellos que permanecen libres de coronavirus. Se na semana de San Xoán eran 214 os que non rexistraban infeccións nos sete días anteriores (o 70% do total), e 165 nos 14 días previos, a cifra é sensiblemente menor esta semana. Menos dun terzo dos concellos (103) mantéñense sen casos nos últimos 14 días, e 122 están 'libres' do SARS-CoV-2 desde o 1 de xullo. Estes municipios pertencen, sobre todo, á provincia de Ourense, a montaña de Lugo e o interior da provincia da Coruña.

Este é o mapa de incidencia acumulada a sete días segundo os datos pechados o xoves ás 18 horas:

Prevención de casos na mocidade

Co obxectivo da redución da transmisión do SARS-CoV-2, o Servizo Galego de Saúde está a organizar cribados centrados na poboación de entre 18 e 35 anos. Aínda que en termos xerais a gravidade da enfermidade neste grupo de idade é moito menor, nos últimos días estase a constatar un perfil distinto nos casos que requiren de atención hospitalaria. “É moi significativo o descenso da idade das persoas que están ingresando nos circuítos respiratorios dos hospitais galegos”, dixo o pasado mércores o xerente do Sergas, José Flores Arias. As autoridades sanitarias insisten en que, a pesar da alta efectividade das vacinas, esta non chega ao 100%, polo que unha alta incidencia en xente nova incrementa as probabilidades de que se produzan máis erros vacinais en persoas de maior idade, levando a un caso severo de Covid-19.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204