Venres 29 Marzo 2024

Galicia suma máis de 120 casos novos de Covid-19 na última semana

O aumento da transmisión comunitaria de SARS-CoV-2 leva á Consellería de Sanidade a facer un seguimento dos visitantes das zonas con alta incidencia

Ao tempo que medra a preocupación en varias comunidades autónomas (en especial Aragón, Cataluña e Navarra) por mor dos brotes da Covid-19, Galicia mantense como unha das zonas con menor incidencia nas últimas semanas, unha vez controlada a crise da Mariña, que chegou a ser no seu momento un dos principais focos en España. Con todo, o crecemento dos novos casos en todo o territorio estatal deixa tamén pegada. O Ministerio de Sanidad informou na súa actualización do luns de 118 casos nos últimos sete días en Galicia, aos que hai que sumar varios confirmados ao longo do luns polo propio Sergas en relación a un brote de Vigo. Este foco súmase así aos activos no sur da provincia de Lugo (O Saviñao e Paradela), A Mariña ou A Coruña. A estes hai que engadir tamén os detectados a través doutras probas de anticorpos, que non figuran no criterio de caso indicado polo Ministerio ao superar xa a infección, pero que a Consellería de Sanidade engade á lista de persoas curadas.

A situación en Galicia

Como vén facendo desde o comezo da pandemia, Sanidade informa diariamente do número de “casos activos“, que non se corresponden coa evolución diaria da doenza ao non dar conta das persoas nas que se confirmou o diagnóstico por Covid-19 nas últimas horas. Esta cifra achégaa o Ministerio de Sanidad, que deu conta de 9 positivos detectados en Galicia durante o domingo (ver PDF). Porén, remontándose á última semana, foron 118 os casos, que se elevan a 179 no rango das últimas dúas semanas. Isto sitúa a Galicia como a cuarta autonomía con menor incidencia nos últimos 14 días (6,63 casos por 100.000 habitantes), só por riba de Asturias (2,74), Melilla (3,47) e Ceuta (1,18) e case seis veces menos có conxunto de España (47,05). En Aragón a incidencia é de 314,11 casos/100.000 habitantes, en Navarra, de 136,19 e en Cataluña de 132,04.

Publicidade

 

Nos últimos sete días, as cifras do Sergas engadiron á serie 183 persoas afectadas pola Covid-10, que poden corresponderse con novos casos ou con infeccións superadas detectadas a través de probas de anticorpos

A información que achega a Consellería de Sanidade si revela, con todo, as persoas que superaron a infección, 11.227. Ao engadir este número á de casos activos (233 este luns) e persoas falecidas (619) é de 12.079. Este número medrou na última semana en 183 persoas, que non se cinguen só a novos casos, senón á probable detección de anticorpos en xente na que a infección xa non está activa. Así evolucionou a suma da serie total que se tira dos datos da Xunta desde o 15 de xuño:

Este número é meirande que o dos 9.635 casos confirmados desde o comezo da pandemia en Galicia polo Ministerio de Sanidad. Con todo, existen diferenzas, xa que estes correspóndense, segundo aclara o Goberno español, aos casos confirmados por PCR ata o 10 de maio e, a partir de entón, aos confirmados por PCR ou proba que detecta os anticorpos IgM en persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, de acordo á nova estratexia de diagnóstico da pandemia. Habería que engadir, por tanto, os arredor de 2.444 casos detectados a través de probas de anticorpos (a PCR atopa fragmentos do código xenético do virus, polo que serve para detectar a infección en curso no organismo), que son os que coinciden co total que expón a Xunta.

Os brotes

Nos últimos días, son tres os brotes que engaden a meirande parte dos novos casos en Galicia, alén dos positivos detectados en persoas que chegan doutras rexións. Son os de Vigo, onde se confirman xa sete casos, o do Saviñao e Paradela, que suma 15 persoas afectadas, e o que afecta ao equipo de fútbol do Fuenlabrada, confinado nun hotel da Coruña, con 18 positivos. A estes hai que engadir os pequenos focos detectados durante a pasada semana no Porriño (6 casos activos), Vilalba e Xermade (7 casos activos), e o principal foco ata o momento en Galicia, o da Mariña de Lugo, que mantén 51 casos activos despois da detección de arredor de 250 positivos no último mes. Porén, boa parte das persoas superaron a infección, e estanse detectando moi poucos casos novos. As últimas 185 probas feitas ata a mañá do luns non reportaron ningún novo positivo.

Todos estes brotes están causando tamén o confinamento dos contactos estreitos das persoas infectadas (suman arredor de 500 en total en Galicia), e que deben permanecer illados durante 14 días despois do último contacto xa que poden desenvolver a infección bastantes días despois do comezo da incubación. É dicir, as PCR feitas nun primeiro momento poden dar negativas, pero ser positivas despois. É o que aconteceu, por exemplo, con algúns dos xogadores do Fuenlabrada na Coruña.

Casos activos

A cifra de casos activos, da que informa Sanidade, volveu medrar este luns ao producirse máis casos novos ca altas. Son 233. 58 son da área da Coruña, 89 da de Lugo, 7 da de Ourense, 18 da de Pontevedra, 44 da área de Vigo, 16 da de Santiago, e ningún da de Ferrol. A maioría destas persoas (220), están no domicilio, pero un día máis medra o número de persoas nos hospitais, que son 11, e outra na UCI. O Ministerio de Sanidad precisa que nove persoas ingresaron no hospital na última semana, e unha na UCI. Cúmprese mes e medio sen falecementos, cifra que se mantén en 619.

Novas medidas da Xunta

Este luns, a Xunta informou de novas medidas destinadas a evitar a propagación da pandemia en Galicia. Tal e como se avanzara a pasada semana, establécese a recomendación do uso de máscara tamén “nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene”, ademais de “limitar o número de asistentes aos mínimos posibles e que, en todo caso, non superen as 25 persoas”.

Outra das novidades, que se concretará este martes no Diario Oficial de Galicia, é a obrigatoriedade de que todas as persoas que cheguen desde as zonas que teñan unha incidencia epidemiolóxica 3,5 veces superior a Galicia “deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na nosa comunidade ou non”. A listaxe destas rexións, tanto dentro do territorio estatal como doutros países, será actualizada quincenalmente. A comunicación dos datos deberá realizarse a través dun formulario que estará dispoñible na web do Sergas, ou ben chamando ao teléfono 881 00 20 21, nun prazo máximo de 24 horas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.