Galicia prepárase para manter a afluencia do turismo durante o outono

A Xunta ten abertas varias liñas de reactivación cara aos vindeiros meses coa vista posta no turismo nacional e interno

No medio do impacto da crise sanitaria da Covid-19 e as súas consecuencias en sectores como o turismo, Galicia amosa unha incidencia da enfermidade menor cá doutras zonas do territorio estatal e, ao tempo, resiste mellor o descenso de visitantes. As estimacións apuntan a que a comunidade recibiu preto de 400.000 viaxeiros en xullo, cunha tímida recuperación que inclúe tamén a progresiva reapertura empresarial con 800 hoteis máis abertos en xullo que en xuño.  Ademais, segundo datos do sector, Galicia foi unha das Comunidades nas que menos baixaron os prezos, caendo menos dun 1% fronte ao 15% no resto de España.

Con vistas ao outono, o sector e a Xunta de Galicia continúan coa folla de ruta marcada nos últimos meses para seguir impulsando a supervivencia das empresas turísticas e incentivar o consumo no último trimestre do ano. Están xa en marcha o 75% das medidas do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico dotado con 58 millóns de euros. O obxectivo, segundo expón a Administración autonómica, agora está en reforzar aínda máis as experiencias turísticas dirixidas ao mercado máis próximo, o nacional, e o dos propios galegos que se despracen pola comunidade.

Neste sentido estanse a deseñar novos productos e experiencias e a adaptar formatos, nun momento de dificultade para o sectore para a sociedade en xeral. Trabállase tamén para impulsar a dixitalización, por exemplo no turismo rural, a través dunha nova plataforma de comercialización para facilitar as reservas a través da rede. Incentivaranse tamén as largas estadías neste tipo de establecementos agasallando experiencias turísticas complementarias en xeodestinos ou cidades galegas. Tamén se vai reforzar este ano o papel do turismo enolóxico e gastronómico, en colaboración coas Asociacións das Rutas dos viños de Galicia e está en marcha o Bono Turístico, que supón unha inxección de 5 millóns de euros nas empresas turísticas e permitirá fomentar o turismo interno nos últimos meses do ano. Foron xa máis de 15.000 os empregados dos sectores sanitario e sociosanitario os que solicitaron o bono turístico, que e o poden empregar ata decembro nas máis de 400 empresas adheridas.

Seis de cada dez peregrinos reservan en liña

O Camiño de Santiago, que durante o verán comezou a recuperar a actividade previa á pandemia, tamén será clave no novo escenario. Entre xullo e agosto houbo un incremento do 70%, pasando de 9.752 a 16.572 peregrinos, sumando un total de 26.324 persoas que chegaron a Compostela. Son síntomas de que a Ruta Xacobea continúa espertando interese e contribúe á reactivación económica e emocional de Galicia. Por iso, de cara ao outono segue en marcha a batería de medidas que fan posible esta reactivación no marco do programa Camiño Seguro. Ademais, estase a realizar un traballo conxunto en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) con materiais de recomendacións e prevención.

Capela de Santo André de Teixido. Foto: Turismo de Galicia.
Capela de Santo André de Teixido. Foto: Turismo de Galicia.

Están a ter boa acollida outras iniciativas como a nova plataforma en liña que permite reservar praza nos albergues públicos para dar maiores garantías aos peregrinos. A ferramenta, posta en marcha o pasado 1 de xullo, xa é usada por seis de cada 10 peregrinos que fan uso dos albergues públicos.

Por outra banda, un ano máis poñerase en marcha o Outono Gastronómico, a proposta da Administración autonómica que permite aloxarse nas casas rurais participantes e combinar con experiencias gastronómicas e actividades paralelas en contacto coa natureza, unha campaña que comeza o 11 de setembro. Tamén o programa Elixe Galicia, a primeira edición desta iniciativa dirixida a mozos, familias e maiores con viaxes no que participarán máis de 4.300 persoas que poderán desfrutar en estadías en zonas costeiras, rutas de patrimonio cultural, rutas de natureza e estadías en balnearios.

O turismo de congresos tamén poderá vivir a súa reactivación nestes últimos meses do ano. A Xunta xa puxo a disposición do sector un novo plató virtual para a celebración deste tipo de eventos que permite complementar esta opción coa presenza de asistentes con aforo reducido e adaptado á situación sanitaria. A semana pasada celebrouse o primeiro evento nestas instalacións, o Congreso Internacional de Intelixencia Artificial, e hai unha vintena de solicitantes para celebrar eventos nos vindeiros meses.

Situado na Cidade da Cultura de Galicia, o estudo é un dos compromisos coa Asociación de Organizadores Profesionais de Congresos de Galicia ao abeiro do Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico. Ten dous sets que simulan un estudo de televisión, onde se poden celebrar eventos presenciais, virtuais ou híbridos. Cóntase con canle de streaming de ata 1.000 asistentes e poden realizarse videoconferencias con capacidade de ata 500 asistentes.

Todas estas actuacións teñen por obxectivo que Galicia e o Camiño de Santiago continúen en outono a cumprir o obxectivo de preservar o emprego, reactivar a economía ofrecendo a posibilidade de seguir desfrutando dun turismo tranquilo e hospitalario, buscando o contacto co territorio, máis relevante se cabe na crise actual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.