Sábado 20 Abril 2024

Galicia afronta o paso á fase 1 cunha incidencia semellante á media española

O Goberno español e a Xunta informan de 179 "infeccións resoltas", dous falecementos, 50 novos casos e 24 hospitalizacións nas últimas horas

No día no que con moita probabilidade se saberá que comunidades autónomas (ou determinadas áreas dentro delas) poderán entrar na fase 1 de transición cara a chamada “nova normalidade”, a pandemia sitúase en Galicia cunha incidencia acumulada da Covid-19 en 14 días (a suma dos casos detectados nas últimas dúas semanas por cada 100.000 habitantes) semellante á da media española (aínda que moito menor que nos momentos arredor do cumio da pandemia). Porén, como o Ministerio de Sanidad non fixo públicos os números concretos que se terán en conta para avanzar na “desescalada”, descoñécese se esta cifra influirá no acceso (ou non) ao levantamento das restricións. O único dato coñecido é o das camas de UCI e hospitais, que o Sergas asegura estar en disposición de cumprir. Os marcadores (ver imaxe inferior) que expón o Goberno español falan da situación epidemiolóxica na zona, ademais da implantación de medidas de protección e os datos de mobilidade e economía.

Marcadores establecidos polo Goberno español, que non aclaran cifras concretas sobre o paso á seguinte fase. Fonte: Ministerio de Sanidad.
Marcadores establecidos polo Goberno español, que non aclaran cifras concretas sobre o paso á seguinte fase. Fonte: Ministerio de Sanidad.

Situación epidemiolóxica

Segundo os datos que facilita o Ministerio de Sanidad, Galicia notificou entre a noite do mércores e o xoves 50 novos positivos por coronavirus detectados a través de probas PCR (13 máis có día anterior, cando foron 37). A incidencia acumulada é de 38,64 casos/100.000 habitantes nas últimas dúas semanas fronte ao 38,39 de España. Hai 14 días, o 23 de abril, Galicia duplicaba a taxa actual, co 75,83, fronte ao 128,82 de España naquel momento. Así, a remisión da pandemia foi notable en todo o territorio estatal, aínda que en Galicia o ritmo de novos casos é algo maior cá no resto de rexións. Isto atribúese tamén ao menor impacto que tivo o virus na poboación galega nas primeiras semanas da crise respecto a outras comunidades autónomas que nas últimas semanas están rexistrando un menor número de casos.

O incremento este venres en Galicia é do 0,55%, o 3º maior do territorio estatal por detrás de Cataluña (1,06%), Extremadura (0,8%). Cataluña, xunto a Castilla y León, cunha incidencia nestes 14 días por riba de 80 casos/100.000 habitantes, xa avanzou que non ía solicitar pasar á fase 1. Neste sentido, segundo aclarou na súa comparecencia Fernando Simón, director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias (CCAES), o aumento de novos casos en España (excluíndo a situación excepcional de Madrid e Cataluña) foi do 0,38%, con 470 novos casos.

Publicidade

A incidencia é un dos indicadores epidemiolóxicos que se terán en conta na decisión, pero non o único. Ademais dos novos casos confirmados, analizaranse as cifras de hospitalización, as cifras de probas PCR e os seus resultados, ou a capacidade de illamento precoz e control dos posibles contaxios e os seus contactos. Estes factores están incluídos no documento que a Consellería de Sanidade achegou a Sanidad.

Casos activos

No tocante aos casos activos, cifra da que informa a Consellería de Sanidade, estase seguindo actualmente a 2.727 persoas (20 menos ca onte). Delas, 655 persoas están na área da Coruña-Cee, 167 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 432 na de Ourense-Verín-O Barco, 142 na de Pontevedra-Salnés, 743 na área de Vigo, 470 na de Santiago-Barbanza e 118 na de Ferrol. En relación á información anterior, baixaron os casos en cinco das sete áreas. Suben os afectados na Coruña-Cee (12 máis) e Santiago-Barbanza (22 máis), mentres que a meirande baixada ten lugar en Ourense e Vigo, con 18 casos menos en cada área.

Así está a situación por áreas sanitarias:

 

179 ‘altas’ e 24 hospitalizacións

Outros dos indicadores relevantes (ademais dos novos casos) á hora de abordar as seguintes fases da chamada ‘desescalada’, son as hospitalizacións e os falecementos. Aínda que a cifra de persoas ingresadas nos hospitais é semellante á do 21 de marzo, nas últimas horas en Galicia houbo 24 persoas que foron ingresadas en hospitais, unha delas na UCI. Con todo, a cantidade de persoas ingresadas nos hospitais baixa en 11 pacientes debido ás altas epidemiolóxicas ou hospitalarias. Hai 26 pacientes na UCI e 196 noutras unidades de ingreso. Case o 92% dos casos (2.505), están sendo atendidos no domicilio, cifra na que se inclúen os usuarios de residencias e centros de maiores.

Tal e como aclaran o Sergas e o Ministerio de Sanidad, os cambios de criterio inclúen como curacións, por exemplo, aos pacientes que dan negativo nunha proba PCR do coronavirus despois de ser positivo, aínda que poidan seguir ingresados no hospital. Nestas infeccións resoltas tamén se inclúen, como explica o propio Ministerio, os casos de persoas, como os positivos en tests de anticorpos, aos que se lles fixo unha proba serolóxica e non se puido evidenciar en que momento puideron contraer a enfermidade. Esta cifra supón xa o 68,29% dos casos totais. En termos absolutos son 7.138 persoas, 179 máis ca onte.

161 positivos máis

Respecto aos novos positivos detectados, Galicia notificou 50 casos diagnosticados por PCR e 111 por tests de anticorpos (que non son necesariamente persoas con síntomas ou con infección en curso). Deste xeito, o número de persoas ás que se lle detectou a infección é de 10.453 desde o comezo da crise. Foron 9.184 casos detectados a través de probas PCR e 1.269 a través de tests de anticorpos. Boa parte destes positivos céntranse nos traballadores sanitarios, cuxa porcentaxe dentro do total de contaxios en Galicia está entre o 15 e o 20%.

En canto ao número de probas, a Consellería de Sanidade expón que se fixeron 111.600, 1.704 máis ca onte. O número de probas non garda relación necesariamente coas persoas analizadas, xa que se adoitan facer análises máis dunha vez a cada persoa. Do mesmo xeito, a maior proporción de negativos pode coincidir, ademais da propia remisión da epidemia, coa confirmación da superación da enfermidade en persoas que estiveron contaxiadas. Con todo, tal e como apuntan desde o Sergas, unha baixa proporción de positivos respecto ao total das probas é outro dos indicadores que poden situar a unha comunidade con capacidade de acometer un seguimento exhaustivo de posibles brotes.

Falecementos

Respecto á actualización anterior, producíronse dúas mortes nos hospitais galegos. Ningunha das vítimas se corresponde con usuarios de residencias de maiores. Desde o comezo da crise faleceron en Galicia 588 persoas, das que 266 son residentes en centros de maiores, o 45,23% do total das mortes causadas pola Covid-19 en Galicia.

Residencias

En canto aos centros de atención a persoas maiores ou con discapacidade, os casos activos son 612 (363 usuarios e 249 profesionais). A cifra supón un 22,44% do total de casos activos, repartidos en máis de 50 centros. Os maiores focos mantéñense nas residencias  Portazgo, Claudina-Somoza e Santa Teresa Jornet (A Coruña), DomusVi-Barreiro (Vigo), As Fragas (Pontedeume), DomusVi-San Lázaro (Santiago), e San José Hermanitas, NS Esperanza e Divino Maestro (Ourense). Con todo, respecto aos datos anteriores rexistráronse 25 curacións na DomusVi-Cangas e 12 na DomusVi-Matogrande da Coruña, dous dos centros máis afectados polos focos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204