Venres 29 Marzo 2024

Galicia tamén notará a calor extrema esta fin de semana

As temperaturas ascenderán de forma anómala en toda a Península, pola entrada dunha masa de aire cálida procedente do norte de África

A progresiva entrada dunha masa de aire moi cálida e seca, de orixe africana, sobre a Península Ibérica e as Illas Baleares fará que as temperaturas superen os valores habituais. Serán inusualmente altas para o mes de maio e poderán superar nalgunhas zonas da Península os 40 graos, o que a converterá na máis temperá da que se ten noticia. Os días máis intensos serán o venres, sábado e domingo, nos que a masa de aire cálida inundará a Península, xunto con fortes radiacións solares.

En Galicia as temperaturas tamén serán altas, con máis de 25 graos de maneira xeneralizada e superando os 35 graos nas zonas do interior, onde a masa de aire chegará con máis forza. Porén, a curta duración desta entrada de calor, que afectará entre día e medio e dous días, en comparación con outros puntos da Península, así como a aparición de nubes na tarde do sábado, baixará a intensidade destas altas temperaturas.

Publicidade

Juan Taboada, de Meteogalicia, explica que a causa deste episodio de tanta calor é a entrada dun anticiclón que se situará no golfo de Bizcaia, no norte da Península, e que atraerá masas de aire cálido que proceden do norte de África. “Invadirá toda a Península Ibérica e xa se está notando en zonas do leste, onde están subindo moito as temperaturas”, indica o meteorólogo. Ademais, o experto indica que a calor extrema non chegará a toda Europa, pero si se notará no sur de Francia.

Para que este fenómeno tivese lugar, déronse as circunstancias perfectas. “É certo que estamos en pleno maio, pero hai que ter en conta que estamos aproximadamente a un mes do solsticio, o que quere dicir que a radiación solar que imos ter esta fin de semana é equivalente á que podemos ter na segunda metade de xullo. Entón, se temos moita radiación e a entrada dunha masa de aire moi cálido, as temperaturas excédense do normal“, explica Taboada.

Dende a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) informan da chegada desa masa de aire africana que traerá á Península e Baleares po en suspensión, que dará lugar a calixe seca, con ceos turbios e peor calidade do aire. Ademais, os expertos indican que este episodio pode ser un dos máis calurosos e importantes acontecidos nos últimos 20 anos.

Ante esta previsión de extremas temperaturas, dende Meteogalicia recomendan unha serie de pautas para evitar as posibles consecuencias deste episodio de calor para a saúde dos cidadáns. Entre elas, destacan procurar non saír nas zonas centrais do día, non expoñerse directamente ao sol, estar pendentes dos nenos pequenos e persoas maiores para mantelos hidratados, procurar non facer comidas copiosas nin exercicios físicos fortes e vestir roupas de cores claras que non se axusten demasiado ao corpo.

Altas tempreraturas en Galicia, pero non extremas

En Galicia o episodio de calor chegará o venres pola tarde, de maneira máis intensa na metade sur e no interior da comunidade. O sábado a calor será alta, de xeito xeneralizado, mentres que o domingo, as temperaturas volverán ser acordes coas dos anteriores meses de maio. “Non chegaremos ás temperaturas do resto de España. Aínda que o sábado poderían superar os 35 graos no interior, quedaríamos algo por debaixo dos 40 graos. Necesitamos que haxa aire moi cálido e que o episodio fose un pouco máis longo para chegar a esa calor extrema doutros puntos de España”, explica Juan Taboada.

O mapa mostra a temperatura máxima o venres, afectando máis ao interior e litoral do sur de Galicia. Fonte: Meteogalicia

Pola noite, en Galicia, as temperaturas baixarán notablemente, un descenso que non se verá noutras zonas da Península, onde poderían superar os 20 graos de mínima diaria. Polo tanto, estas noites tropicais que se verán en Andalucía e Estremadura poden chegar a notarse en puntos do litoral e no interior galego, aínda que nas demais zonas as mínimas rondarán os 15 graos.

As mínimas do venres rondarán os 15 graos, de forma xeralizada. Fonte: Meteogalicia

Juan Taboada tamén adianta que o domingo as temperaturas van descender ata 10 graos. “A masa de aire que marchara coa entrada do aire africano volverá entrar na comunidade ao rematar esta fin de semana. Non fará frío pero imos ter unha baixada importante”, expón.

Polo tanto, en Galicia fará bastante calor, pero non chegará a sufrir as extremas temperaturas que sí se notarán no sur e no leste de España, de forma máis prolongada. “Outro condicionante será que o sábado, posiblemente por esa calor forte, a media tarde comecemos a ter algunhas nubes de evolución, de tipo medio alto, e iso fai que a radiación solar diminúa lixeiramente”, admite o experto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primavera arrinca cun potente anticiclón que disparará os termómetros ata os 27 graos

Este luns entra aire frío en altura e pola tarde choverá con carácter tormentoso no interior da comunidade

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro