Agosto chega á súa fin e, con el, as vacacións e o verán. Setembro chama á porta para volver ao cole… E ao traballo. O mal tempo sempre axuda a retomar a rutina; a pensar que non estás a perder un bo día de praia. Esta fin de semana, de feito, está previsto que volvan as choivas a Galicia, pero iso non o é todo. Son varios os modelos meteorolóxicos que alertan da posible formación dun furacán no Atlántico norte que, segundo os expertos, sería un evento atmosférico “anormalmente alto en latitude”. Malia que aínda é unha predición, o Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos xa estima nun 70% a probabilidade, a cinco días, de que se forme o sistema.
O investigador da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) J.J. González Alemán explicaba hoxe en Twitter: “Aínda é un escenario por afianzar, pero é posible que a península ibérica teña que poñer o ollo na formación dun furacán. As traxectorias previstas polos modelos apuntan á nosa rexión”. Unhas horas despois, o experto aseguraba que a coincidencia de modelos está a ser “robusta” e que as probabilidades estimadas polo Centro Nacional de Furacáns dos Estados Unidos estaban a aumentar. “Parece que Azores podería ser das primeiras afectadas por este sistema”, engade González Alemán.
Cales serían as súas consecuencias?
De momento, os meteorólogos manteñen a prudencia e recordan que só se está a falar de probabilidades. Polo tanto, resulta moi complicado estimar cal podería ser o impacto que tería o potencial furacán sobre a península e, máis concretamente, sobre Galicia. Os detalles que están a trascender ata o momento tamén os ofrece a conta InfoMeteoTuit. Segundo explican na súa canle de Twitter, o posible furacán podería derivar nunha “profunda borrasca atlántica” xa a mediados de setembro que, de forma “moi probable”, serían os “restos” do sistema formado en días anteriores. No modelo que ofrecen pódese apreciar como entre o 14 e o 15 de setembro, esa fronte podería rozar Galicia.
Para determinar cal sería o impacto deste furacán é preciso esperar. González Alemán asegura que “entran en xogo procesos moi complexos” e insiste en que “aínda non se formou”. Non obstante, o meteorólogo cre que se trata dun “escenario bastante serio e significativo” como para estar pendentes. Amais disto, o investigador da AEMET fai fincapé en que o foco de atención debería estar, sobre todo, nas “altas probabilidades” de que o furacán —de formarse— se achegué á península.
Por que se consideraría un evento “anómalo”?
Tal e como explica González Alemán, se se chegase a formar o sistema, trataríase dun evento atmosférico anómalo por estar situado “moi ao norte”. De feito, o investigador da AEMET indica o seguinte: “Este ano temos un alto potencial de formación de furacáns máis ao norte do normal”. E malia que xa existen algúns estudos que analizan este fenómeno, o meteorólogo cre que está expansión dos ciclóns tropicais cara ao norte, e a súa afectación de novas zonas, “é unha liña de investigación que aínda necesita responder bastantes cuestións complexas”.
Finalmente, González Alemán tamén fai mención á onda de calor mariña que está a sufrir o Atlántico norte. “As augas superficiais [desta zona] tamén están rexistrando récords de temperaturas (dende polo menos 1981). Isto é unha barbaridade”, analiza o meteorólogo. Amais disto, relaciona a onda de calor mariña coa posible formación do furacán nesa área. O investigador explica que estas temperaturas anómalas “non provocan directamente” o fenómeno, pero si que o “potencian”.