Venres 19 Abril 2024

O freo na transmisión da Covid-19 deixa só 15 concellos con maiores restricións

Mos e A Pobra do Caramiñal quedan en nivel máximo, Ordes e Viveiro con restricións altas e outros 11 concellos, no nivel medio

O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia no seguimento da pandemia da Covid-19 acordou, na súa reunión do martes, reducir a 15 os municipios afectados por algún dos tres maiores niveis de restricións. As medidas entrarán en vigor na medianoite do venres 4 ao sábado 5 despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así, Mos e A Pobra do Caramiñal, cunha maior incidencia de casos nas últimas semanas, seguirán no nivel máximo. Isto supón o peche perimetral dos termos municipais, agás para causas debidamente xustificadas, as prohibicións de reunións con persoas non conviventes e a clausura da actividade na hostalaría. Do mesmo xeito, e de acordo ao sustento das decisións por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, restrínxese a mobilidade nocturna entre as 23 e as 6 horas. Con todo, estes municipios están a experimentar, segundo os datos do Sergas pechados na tarde do martes, unha tendencia descendente na última semana.

Publicidade

A pandemia 15 meses despois: así comeza xuño, outro mes clave na vacinación

No seguinte nivel, o alto, quedan outros dous concellos, Ordes e Viveiro. Neles non estará permitido o consumo no interior dos locais de hostalaría e as terrazas terán unha capacidade máxima do 50%. Os dous municipios rexistraron nas últimas dúas semanas un número importante de casos (25 en Ordes e 54 en Viveiro), o que leva a manter baixo especial seguimento a transmisión, aínda que a tendencia tamén é descendente.

Outros 11 concellos (Moraña, Ponteareas, Cenlle, Lobios, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos) quedarán no nivel medio. Neles haberá restricións na hostalaría, cos locais a un máximo do 30% da capacidade no interior e un 50% no exterior.

Así quedará o mapa a partir do venres:

O resto dos municipios, 298 en total, quedarán con nivel de restricións medio-baixo. Isto é, unha capacidade máxima do 50% no interior dos locais hostaleiros e un 75% nas terrazas. Ademais, de acordo ás medidas xerais en vigor (agás no caso dos concellos en nivel máximo) quedan permitidas as reunións de ata 6 persoas en interiores e 10 en exteriores (mais só con conviventes entre a 1 e as 6 da madrugada).

En termos xerais, a transmisión do SARS-CoV-2 segue en liña descendente en Galicia, por baixo dos 70 casos/100.000 habitantes a 14 días e dos 30 a 7, segundo os datos recollidos polo Ministerio de Sanidad. Aínda que se seguen detectando máis de 100 casos diarios nas últimas semanas, é patente a menor gravidade das novas infeccións, o que repercute no descenso das hospitalizacións e os falecementos. Do mesmo xeito, continúa o rápido avance da vacinación. Supéranse xa os 1,9 millóns de doses administradas en Galicia, con 718.000 persoas coa pauta completa e máis de 1.226.258 con, polo menos, unha dose.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204