Xoves 28 Marzo 2024

Os focos de Covid-19 na Mariña suman 28 positivos e máis de 300 probas

O director do CCAES, Fernando Simón, advirte de que hai que manexar "con moito coidado" brotes como os producidos en Lugo

A comarca da Mariña segue sumando novos positivos por Covid-19 despois da realización de máis de 300 probas na última semana a partir do primeiro caso detectado o pasado martes no municipio de Xove. A Consellería de Sanidade informou este luns que son 28 o número total de casos confirmados en relación aos dous focos, nos municipios de Burela e Xove, sobre os que se segue investigando unha probable orixe común entre eles.

Pola súa parte, o Ministerio de Sanidad notificou este luns catro novos casos diagnosticados no día previo (domingo) en Galicia, que elevan a 48 os casos diagnosticados nos últimos 14 días. A gran maioría deles están vinculados aos dous brotes confirmados nas últimas dúas semanas na Mariña e no Barbanza, aínda que este último mantense, segundo a Xunta, baixo control, con só nove positivos confirmados despois de máis dun cento de probas. Este luns, na súa comparecencia diaria, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias (CCAES), Fernando Simón, mencionou o brote da Mariña, que, xunto a outro en Murcia, “temos que manexar con moito coidado” debido ao “volume de casos”, aínda que aclarou que “non son de especial preocupación” en relación con outros detectados en Aragón, Cataluña ou Andalucía.

Publicidade

A pesar do foco da Mariña, Galicia mantense como unha das comunidades con menor incidencia acumulada nos últimos días, só por riba de La Rioja, Canarias, Comunidade Valenciana e Asturias (onde suman 14 días sen ningún caso novo) e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

Confinamentos voluntarios en relación cos focos

Respecto aos casos da Mariña, dos que Sanidade vén dando información detallada nos últimos días alén da actualización diaria de casos activos, a Consellería explica que a maioría dos 28 positivos “son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve“, aínda que unha das persoas con resultado positivo está ingresada no Hospital Público da Mariña. Ademais, cumprindo cos criterios de precaución dos contactos (ata o momento, máis de 300), estas persoas seguen baixo seguimento no seu domicilio pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. Con todo, seguen investigándose posibles contactos. E segundo recollen este luns xornais como El Progreso, familias enteiras de persoas achegadas aos positivos están en confinamento voluntario, por precaución.

Segundo apuntou Sanidade, tanto no Hospital Público da Mariña como nos centros de Atención Primaria da zona mantéñense en alerta para activar de forma temperá o protocolo en caso da detección de novos positivos. Alén disto, as autoridades sanitarias insisten na necesidade de continuar a cumprir de forma estrita “as medidas hixiénico-sanitarias establecidas desde o inicio da pandemia do coronavirus, poñendo especial énfase na necesidade de empregar sempre as máscaras naqueles espazos onde non é posible gardar a distancia de seguridade social“.

Casos activos

Como vén facendo desde o comezo da crise, a Consellería de Sanidade deu conta o luns á mañá da actualización diaria de casos activos nas sete áreas sanitarias de Galicia. Actualmente están en seguimento 71 persoas na área da Coruña-Cee, 44 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 22 na de Ourense-Verín-O Barco, 9 na de Pontevedra-Salnés, 131 de na de Vigo, 24 na de Santiago-Barbanza e 11 na de Ferrol. O descenso dos casos percíbese en tdoas as áreas sanitarias agás en Lugo, onde os positivos activos pasaron de 19 a 44 nos últimos seis días.

Só 4 dos casos activos están ingresados nos hospitais. Ademais, Galicia suma xa 18 días (desde o 11 de xuño) sen novos falecementos por Covid-19, cun total de 619. Un total de 10.615 persoas superaron a infección (tanto nos casos detectados a través de probas PCR como de anticorpos).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos