Predición da altura das ondas que causará Félix na páxina de Puertos del Estado. Fonte: puertos.es.
Predición da altura das ondas que causará Félix na páxina de Puertos del Estado. Fonte: puertos.es.

Chega a borrasca Félix con ondas xigantes e ventos de 120 km/h

A predición das ondas que amosa a páxina de Puertos del Estado adianta a forza que traerá o temporal Félix, unha profunda borrasca que entrará en Galicia este sábado e que podería deixar ondas de máis de 10 metros, ademais de fortes rachas de vento e abundantes precipitacións. Ante esta situación, MeteoGalicia xa activou o aviso amarelo por vento no mar en toda a Costa, con vento sur de forza 7. Tamén hai aviso amarelo por ventos de ata 80 km/h na totalidade das provincias da Coruña e Pontevedra, norte de Lugo e montaña de Lugo e Ourense a partir desta tarde noite.

MeteoGalicia eleva a vermello o aviso sobre Félix

Con todo, a maior forza de Félix deixarase sentir o sábado e o domingo. Ao mediodía deste venres, MeteoGalicia elevou o nivel de aviso ata o vermello para a mañá do domingo entre Camariñas e Cabo Silleiro, por ondas que poderían superar os 8 metros no litoral. Ademais, toda Galicia estará con aviso por precipitacións, vento no mar ou refachos fortes de vento en terra.

Precipitacións: nivel amarelo no suroeste da provincia da Coruña, toda a provincia de Pontevedra e o sur da provincia de Ourense, desde a medianoite do sábado ata as 12 horas do domingo, por acumulados de chuvia de ata 40 litros por metro cadrado.

Refacho de vento: nivel laranxa nas provincias de Pontevedra e A Coruña e a montaña de Lugo e Ourense por refachos superiores a 100 km/h. No resto de Galicia, nivel amarelo por ventos de ata 80 km/h.

Vento no mar: nivel laranxa en toda a costa, desde cabo Silleiro ata Ribadeo, por vento de sudoeste forza 8.

Pola súa banda, a Agencia Estatal de Meteorología (Aemet) emitiu tamén un aviso debido á chegada de Félix. Adiantan que as ondas superarán os oito metros na costa, sobre todo na madrugada do sábado ao domingo e na mañá do domingo, con maior intensidade na costa de Pontevedra e o suroeste da Coruña. “O período de vento máis intenso – sinalan desde Aemet – comezará na tarde do sábado, con ventos que superarán os 120 km/h no litoral de Galicia na noite do sábado ao domingo e pasarán tamén dos 100 km/h en moitas outras zonas do país.

MeteoGalicia avisa xa dun nivel vermello na costa por ondas de máis de 8 metros. Fonte: meteogalicia.gal.
MeteoGalicia avisa xa dun nivel vermello na costa por ondas de máis de 8 metros. Fonte: meteogalicia.gal.

O aviso alerta tamén da intensidade das precipitacións, sobre todo nas Rías Baixas, onde a combinación das chuvias co mal estado da mar “podería dar lugar a inundacións locais“. Ante esta situación, a axencia estatal mantén o aviso en nivel laranxa por ondas e por fortes ventos en todo o territorio das provincias da Coruña e Pontevedra e no norte de Lugo. No resto de Galicia, sserá amarelo.

A borrasca Félix, como os anteriores temporais (Ana, Bruno, Carmen, David e Emma), leva nome propio a raíz  dun acordo entre MeteoFrance, Aemet e o IPMA (axencias meteorolóxicas de Francia, España e Portugal, respectivamente). Estas axencias decidiron bautizar as borrascas con ventos por riba de 90-100km/h, xa que a experiencia que levan a cabo desde 2015 Reino Unido e Irlanda “demostrou que a poboación permanece máis atenta ás recomendacións de seguridade cando a ameaza de vento forte está claramente identificada” con nome propio, segundo indicaba a Aemet nun comunicado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.