Porta do Sol e rúa do Príncipe, en Vigo. Imaxe: Wikimedia Commons.

Estas son as novidades que viviremos en Galicia na Fase 3

Galicia entra este luns 8 de xuño no derradeiro chanzo da desescalada cara á 'nova normalidade'

Toda Galicia entra o vindeiro luns, 8 de xuño, na fase 3 da desescalada. É o derradeiro chanzo do proceso, que terá unha duración de dúas semanas sempre que non exista un rebrote. A seguinte fase será a chamada ‘nova normalidade‘, na que tamén existirán medidas de distanciamento social e restricións das actividades públicas.

Ademais, o BOE recolle este sábado novidades como a apertura de pubs e discotecas sen pista de baile na fase tres. O texto inclúe a recomendación de usar vasos de plástico en caso de que non poidan ser lavados a máis de 80 graos. Tamén está autorizada a ocupación de todos os asentos no transporte público, sempre usando máscara. Quedan eliminadas por completo as franxas horarias e están autorizadas as reunións de ata 20 persoas. Aquí podes consultar tamén o BOE publicado este sábado 6 de xuño coas medidas completas na Fase 3.

Estas son as novidades que viviremos en Galicia dende o luns coa Fase 3:

CAMBIA A MOBILIDADE?
Segundo anunciou o ministro Salvador Illa, o movemento entre provincias na Fase 3 será regulado por cada comunidade autónoma. En Galicia, a Xunta xa manifestou que permitirá ese movemento entre as catro provincias galegas.

BARES E RESTAURANTES
Para locais, o aforo será dun máximo do 50% da súa capacidade a condición de que se garanta a separación de clientes. Poderá usarse a barra con xente de pé, pero sempre cunha separación mínima de 2 metros entre os clientes.

Nas terrazas ao aire libre, o aforo estará limitado ao 75% das mesas permitidas en base á correspondente licenza municipal.

Como novidade, o BOE deste sábado 6 de xuño muda a norma previa e poderán abrir pubs e discotecas, pero sempre sen zonas de baile.

CENTROS COMERCIAIS
Levántase a prohibición de utilización das zonas comúns e zonas recreativas dos centros comerciais. O aforo estará limitado ao 50% e a distancia de seguridade manterase en dous metros. A limitación do 50% do aforo afecta tamén ás tendas e establecementos dentro do propio centro comercial.

MÁIS MERCADOS
Os mercados ao aire libre poderán incrementar a súa actividade ata alcanzar o 50% dos postos habituais ou ben poderán aumentar a superficie para facilitar o distanciamento. Os concellos serán aquí os responsables de regular e controlar estas actividades..

CONTACTO SOCIAL, VODAS E VELORIOS
Permítese o contacto social para persoas non vulnerables nin con patoloxías previas. As vodas poderanse celebrar cun número máximo de 150 asistentes ao aire libre e 75 en espazos pechados. Iso si, nunca se poderá superar o 75% do aforo da instalacións.

Os velorios poderanse celebrar cun máximo de 50 persoas na Fase 3 de desescalada se son ao aire libre e de 25 se se celebran en espazos pechados, mentres que para o enterramento está restrinxido a 50 persoas.

Tamén é posible asistir a lugares de culto sempre que non se supere o 75% do seu aforo. As igrexas deben publicar en lugar visible o seu aforo e deberán cumprir as medidas de seguridade, mesmo facilitando xeles desinfectantes.

EIDO LABORAL
A Fase 3 quere incrementar o traballo presencial, con protocolos de reincorporación presencial ás empresas (podendo empregarse EPIs e outras medidas de protección) establecendo horarios graduados e potenciando as medidas de conciliación. Con todo, segue a ser prioritario o teletraballo. E haberá dúas curiosidades: non está permitido fichar por pegada dactilar e debe ser evitado o uso do ascensor.

A MÁSCARA CHEGOU PARA QUEDAR
O uso da máscara seguirá a ser obrigatorio, como se veu utilizando ata o de agora.

TRANSPORTE PÚBLICO
Prevese o funcionamento de todos os servizos de transporte público urbano e interurbano ao 100%.

HOTEIS E ALOXAMENTOS TURÍSTICOS
Na Fase 2, abríronse xa as zonas comúns con limitación dun terzo do aforo, excepto as áreas de hostalería do propio hotel, que seguirán as normas para os restaurantes. Nesta nova fase o aforo aumenta ao 50%.

ESPECTÁCULOS AO AIRE LIBRE
Os espectáculos ao aire libre poderán levar a cabo cun máximo de 800 espectadores, o dobre dos permitidos na Fase 2. Como condición, os asistentes deben permanecer sentados e respectando a distancia social de dous metros.

ACTIVIDADES DE LECER
Prevese a reapertura de salas de artes escénicas e musicais cunha limitación de aforo dun terzo. Ademais, os espectáculos culturais de menos de 80 persoas en lugares pechados poderán abrir cun 30% do seu aforo.

En canto aos espectáculos culturais, parques temáticos e de lecer ao aire libre, poderán abrir con menos de 800 persoas (a condición de que sexa sentado e mantendo a distancia necesaria).

Permítese o turismo activo e de natureza e o baño na praia, en condicións de seguridade e distanciamento.

CIENCIA E INNOVACIÓN
Poderán celebrarse seminarios, congresos e feiras científicas ou de innovación, a condición de que se respecte a distancia social de máis de dous metros e haxa menos de 80 persoas, garantindo o cumprimento de protocolos de seguridade.

MAR
Quedan autorizadas todas as actividades náuticas de recreo.

DEPORTE
Autorízanse os espectáculos e actividades deportivas en espazos pechados (só para practicar deportes nos que non exista contacto ou o risco de contaxio sexa moderado; por exemplo unha pista de patinaxe). O público estará limitado a unha persoa por cada 20 m2.

Poderán celebrarse partidos cun máximo dun terzo do aforo, garantindo sempre a separación de seguridade entre os espectadores así como as actividades deportivas ao aire libre. Poderase ir ao ximnasio cun aforo máximo dun terzo e sen utilizar os vestiarios. No que atinxe ao fútbol en categorías estatais, non haberá espectacdores ata que todos os territorios en España cheguen á Fase 3.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.