Xoves 28 Marzo 2024

Enxame sísmico en Laza: 24 terremotos en 72 horas

O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou dous sismos con magnitude 3,4 e a terra segue a tremer na zona na mañá deste luns 17 de maio

A vila ourensá de Laza está a vivir nos últimos días o fenómeno dun ‘enxame sísmico’, que consiste nunha sucesión de tremores que se producen nunha área concreta durante un período determinado de tempo. Poden durar horas, días ou meses, e destacan porque non existe un sismo que poidamos chamar principal. O caso de Laza, con 24 terremotos nas últimas 72 horas polo Instituto Xeográfico Nacional, encaixa perfectamente na descrición técnica.

Gráfico do terremoto en Laza deste sábado ás 1.51 horas, con 3,4 de magnitude.

O fenómeno do enxame sísmico adoita producirse con certa periodicidade en Galicia, aínda que a súa intensidade non chega a ser percibida en moitos casos pola poboación. Con todo, hai experiencias recentes de situacións de risco. Foi, por exemplo, o que aconteceu a mediados dos anos 90 no bautizado como ‘triángulo sísmico’, entre as localidades lucenses de Sarria, Becerreá e Triacastela. Centos de tremores de magnitude superior a 3 sucedéronse durante meses. O evento principal produciuse o 21 de maio de 1997, cun tremor de magnitude 5,1 que se sentiu en toda Galicia.

Publicidade

Enxame sísmico: así é o fenómeno dos terremotos en Pontevedra

A situación destes días en Laza non acadou estas cifras, aínda que houbo dous tremores de alta magnitude, con 3,4, rexistrados ás 16.51 horas do sábado 15 e outro na noite do venres. Ademais, a meirande parte dos outros sismos estiveron nunha magnitude por riba de 2, e foron sentidos en varias zonas, incluindo a capital provincial.

Tras o primeiro sismo de 3,4 de magnitude, na noite do vernes para o sábado, houbo outros menores: un de 2,3 rexistrado ás 23.30 horas, un de magnitude 1,7 (23.41 horas), un tremor de 1,9 ás 23.44 horas e outro movemento de magnitude 2,3 e a unha profundidade de 14 quilómetros rexistrado ás 00.41 horas. Horas máis tarde, entre as 2.15 e as 2.20 horas da madrugada, Laza foi o epicentro doutros catro sismos dunha magnitude en torno a dous. O primeiro tremor en Laza acontecera na madrugada deste xoves, ás 6,45 horas, cunha magnitude de 2.8.

Tamén houbo máis terremotos despois do de 3,4 de magnitude rexistrado este sábado ás 16.51 horas. De feito, a terra seguía a tremer en Laza na mañá deste luns 17 de maio, cun novo sismo de 1,8 ás 9.34 horas.

En total, nas últimas 72 horas o Instituto Xeográfico Nacional contabiliza 24 tremores de terra con epicentro no concello de Laza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.