Hai algo menos dun ano, a propagación do SARS-CoV-2 por numerosos países levou a miles de millóns de persoas a mudar radicalmente os seus hábitos de vida. Os confinamentos, nos seus distintos niveis e duracións, e as medidas de prevención para evitar contaxios masivos alteraron a actividade cotiá, que hoxe en día aínda segue sendo moi distinta á de antes de marzo de 2020.
Que pasou para que un patóxeno invisible paralizase todo un planeta? Por que non se reaccionou a tempo para conter os máis de 110 millóns de casos confirmados (probablemente os reais sexan bastantes máis) e as 2,5 millóns de mortes (e máis sen confirmar) causadas pola Covid-19? Que se fixo neste ano de pandemia para paliar o dano causado polo coronavirus? E, sobre todo, que nos depara o futuro unha vez que a maquinaria da esperanza en forma de vacinas xa está en marcha? Desde GCiencia abordaremos nas vindeiras semanas este aniversario cunha serie de pezas arredor da pandemia, que comezarán cunha entrevista en directo este xoves 25 de febreiro, a partir das 19.30 horas, co profesor emérito da USC Juan Jesús Gestal Otero (Muros, 1947), que foi catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública.
Durante este ano, o profesor Gestal foi unha das voces máis consultadas polos medios de comunicación para analizar o curso da pandemia en Galicia. Na semana na que se declarou o estado de alarma, e ante a rápida transmisión detectada en zonas como Madrid ou o País Vasco, Gestal avanzou que se acabarían aplicando (como aconteceu apenas un día despois) as mesmas medidas en Galicia. Ademais, formou parte do grupo de expertos en Saúde Pública que remitiu á revista The Lancet dúas cartas nas que se pedía ao Goberno español e as comunidades autónomas
Juan Gestal é licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela (1970) e doutor en Medicina pola Universidad de Navarra (1974). Durante a súa carreira ocupou cargos como a xefatura de sección no hospital da Coruña e posteriormente no Hospital Xeral de Santiago, a subxefatura provincial de Sanidade da Coruña ou a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.
No eido académico, en 1988 acadou a cátedra de Medicina Preventiva e Saúde Pública na USC, da que actualmente é profesor emérito despois da súa xubilación. Foi tamén decano da Facultade de Medicina entre 2011 e 2017. Dirixiu máis de 50 teses de doutoramento e acadou numerosos recoñecementos de institucións europeas e hispanoamericanas.
Podes enviar as túas preguntas para o profesor Juan Gestal a través deste formulario.