Sábado 20 Abril 2024

A Covid-19 en Ourense: triplica a incidencia en Galicia e con maiores “moi afectados”

A orde de Sanidade que impide as reunións de persoas non convivintes evidencia a alta transmisión do SARS-CoV-2 na cidade

Desde a medianoite do venres ao sábado, a cidade de Ourense converteuse no lugar onde se están a aplicar unhas das medidas máis restritivas para a contención da Covid-19 en España. A prohibición de celebrar reunións (agás excepcións laborais empresariais, profesionais, administrativas, educativas ou ocupacionais) entre persoas non convivintes remóntase moi atrás na chamada “desescalada”. A orde da Consellería de Sanidade publicada no Diario Oficial de Galicia, coa que entran en vigor as medidas avanzadas na tarde do venres, amosan o panorama, aínda que non achega a situación exacta en canto a positivos detectados. Si informou con maior detalle a primeira hora do sábado o alcalde de Ourense, a través das redes sociais: 414 casos activos, 15 máis cós rexistrados o venres.

Segundo o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública no que se basea a decisión, segue constatándose un aumento de casos na comarca ourensá, principalmente na cidade. Nos últimos sete días, “triplica a taxa do conxunto de Galicia”. A situación agrávase por outro feito que apunta o informe: “Hai un alto número de ingresos e de traslados a unidades de críticos, feito que se pode ir agravando de non cortar canto antes a transmisión, xa que tanto os ingresos como os ingresos en UCI tenden a levar un certo atraso respecto dos incrementos na incidencia. Ademais, os grupos de maior idade están moi afectados, o que pode implicar un serio risco para estas persoas”.

Publicidade

Ao investigar a orixe dos positivos, os servizos sanitarios expoñen: “Dedúcese que se debe [a transmisión] especialmente ás reunións familiares de persoas que non conviven de xeito habitual e con extensión ás amizades”. Ademais, engaden, “estes gromos familiares tamén provocan a aparición de casos nos colexios”. O valor reprodutivo instantáneo segue tamén por riba de 1, “o que indica que existe unha transmisión que pode ser relevante”. As características dos gromos, de risco alto pola positividade das probas PCR, levaron, por tanto, a tomar as decisións de prohibir as reunións entre non convivintes, facendo tamén unha chamada á precaución na poboación.

A pesar de que en toda a cidade se mantiña xa a limitación a cinco persoas das reunións, ademais doutras medidas, a transmisión non é uniforme, e amosa maior incidencia nalgunhas áreas. Así, no barrio do Couto mantéñense as restricións de consumir no interior de bares e cafeterías, ademais das limitacións de capacidade en locais.

Ortigueira e Cambados

Ademais das medidas de Ourense, a Xunta anunciou a extensión de restricións aos concellos de Ortigueira e Cambados. No primeiro caso, o concello de Ortigueira amosa unha taxa de incidencia que triplica nos últimos sete días a de Galicia (tendo en conta a súa menor poboación respecto a Ourense). Ademais disto, a taxa de positividade das probas PCR realizadas entre os contactos estreitos cumpren cos indicadores que activan o establecemento de limitacións.

En Cambados, o concello engádese deste xeito a outros municipios veciños nos que xa rexían medidas de control, como Vilagarcía, Vilanova, Meis e Sanxenxo. Ao atopar un incremento da incidencia e unha maior porcentaxe de PCR positivas, decidiuse estender as limitacións a este concello.

O outro municipio que menciona a edición extraordinaria do DOG é Verín, onde xa estaban vixentes medidas, que se estenden unha semana máis, ao amosar un risco adicionar por afectar a unha zona de poboación “moi envellecida” e cunha taxa acumulada a 14 días na comarca de 2,15 veces a de Galicia.

Casos activos

A evolución da pandemia nas áreas sanitarias máis afectadas polas restricións (Ourense e Pontevedra) constátase na situación dos casos activos. Esta cifra, que achega Sanidade, está influída polos novos casos, pero tamén polas altas que se conceden. Tanto Ourense como Pontevedra, cunha poboación menor cá área da Coruña-Cee, están xa preto de superala en cifras de casos activos, e xa están por riba dela no número de casos por cada 100.000 habitantes.

A situación nos hospitais mantense nos últimos días en valores estables, aínda que cun leve aumento na ocupación das UCI.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios