Mércores 24 Abril 2024

Máis de 40 concellos galegos superan a incidencia da Covid-19 en España

O efecto da fin de semana reduce o número de novos casos, pero algunhas áreas como Vigo, Lugo ou A Coruña seguen sen confirmar o freo da transmisión

Desde que o sábado a Xunta de Galicia comezase o pasado sábado a difundir as cifras de casos de Covid-19 detectados nas últimas dúas semanas na meirande parte dos concellos do país, é posible observar como está a ser a evolución da pandemia nesta segunda onda a nivel municipal. Os datos que expón o web do Sergas dan conta do número de positivos detectados nos últimos 14 días, mais nos municipios onde se produciron menos de 9 positivos establece un rango de 1 a 9, por cuestións de segredo estatístico.

Alén disto, o mapa ofrece diferentes limiares da incidencia acumulada a 14 días (casos por 100.000 habitantes) de acordo aos criterios marcados polo Ministerio de Sanidad, que establece cinco niveis de alerta. Con todo, e por mor da reducida poboación de boa parte dos concellos de Galicia, as incidencias poden dispararse por riba do indicador de risco extremo (maior a 250) sen chegar á decena de casos.

Publicidade

Mais onde están os principais problemas coa pandemia en Galicia? No conxunto de España, os datos que difunde este luns o Ministerio constatan que, por primeira vez en bastantes semanas, o conxunto do territorio estatal situarase por baixo dos 400 casos/100.000 habitantes detectados nos últimos 14 días. Este pode ser, aínda resultando unha cifra elevada, un límite que expón unha situación máis complicada en máis de 40 concellos galegos, como se pode ver neste mapa.

En termos estritamente numéricos, a cifra é maior, xa que nalgúns municipios, como A Teixeira, A Veiga, Verea ou Petín precisarían menos dunha decena de positivos (que en moitos casos están localizados e controlados, sen risco de transmisión comunitaria) para que a súa incidencia se dispare por riba deste limiar de 400. Porén, e para reducir estas deturpacións, establécese a incidencia como se houbera un só caso nos concellos que aparecen no rango de entre 1 e 9 positivos nos últimos 14 días. Hai tamén unha incidencia mo alta en Beariz, Irixoa, Baltar, Monfero ou Dodro, onde se supera a cifra de 550 con menos de 20 positivos en 14 días por mor da pouca poboación.

Concellos con decenas de casos e alta incidencia

É distinta a situación, por outra banda, en municipios cunha poboación maior, pero nos que se notificou unha importante transmisión nas últimas semanas. Isto acontece en Cabana (58 casos e unha incidencia de 1.365), Mos (203 e 1.346), Coristanco (81 e 1333), Vilalba (179 e 1.272) ou Malpica (53 e 983). No caso de Mos e Vilalba, boa parte dos positivos vincúlanse a brotes de residencias de maiores. Por tanto, a comarca de Bergantiños amósase así como unha das zonas con máis alta incidencia, tendo en conta que Carballo, con 176 casos detectados entre o 8 e o 22 de novembro e unha incidencia acumulada de 561 positivos/100.000 habitantes, é o concello de máis de 30.000 habitantes nunha peor situación en Galicia.

Na outra banda están 55 concellos onde non se detectaron positivos nas últimas dúas semanas, e que se concentran sobre todo na montaña de Ourense e Lugo e Ortegal. E hai outros 130 municipios nos que se sitúan no rango de 1 a 9 casos. Deste xeito, aínda que as incidencias varían moito por mor da súa poboación, trátase polo xeral de concellos en boa situación xa que os brotes están deste xeito controlados e localizados. Aquí se pode consultar a situación en cada concello, introducindo o seu nome na táboa:

Situación actual

Durante a fin de semana, cando se adoitan realizar menos probas, descendeu o número de positivos detectados por PCR, que este domingo foron 323. Vigo e A Coruña representan boa parte dos novos casos, tal e como se pode ver baixo estas liñas, mentres que a situación continúa a mellorar en Ourense, Ferrol e Santiago. Porén, Lugo e Pontevedra non rexistran descensos. A positividade xeral baixou ata o 5,66%, con notables diferenzas entre Vigo (2,5%) onde se está a realizar un amplo peneirado, e Pontevedra (13,74%), onde se detectou un importante

Nos hospitais, despois do rápido incremento entre finais de outubro e comezos de novembro, parece estabilizarse a carga hospitalaria. A situación é máis complicada na área da Coruña, con 30 persoas na UCI e 141 noutras unidades de hospitalización.

No referente a casos activos, a cifra segue baixando, situándose este luns en 8.669. Ourense, Ferrol e Santiago, por baixo dos 1.000 positivos, consolidan o seu descenso neste indicador, mentres que a tendencia é menos favorable en Pontevedra, Lugo, A Coruña e Vigo.

Os falecementos sitúanse en 1.146. Na última semana faleceron 77 persoas con Covid-19 en Galicia.

Este martes reúnese o comité clínico que asesora á Xunta de Galicia, que analizará a evolución epidemiolóxica para valorar novas decisións. Toda o territorio mantense no nivel 2 de alerta, polo que as reunións se limitan a seis persoas e establécense outras limitacións de capacidade. Porén, preto do 70% da poboación, residente en 70 concellos, sitúase no nivel 3 de alerta, polo que está vixente o peche perimetral en diversas áreas, o peche da hostalaría e outras actividades e a prohibición de reunións con persoas non conviventes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización